Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2017 Páx. 14667

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo desde hai anos programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propias.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia de colaboraren e de compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao abeiro dela.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo a que se deberá axustar o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás comunidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior executar obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación das súas instalacións, restauración do seu patrimonio ou mellora de dotacións e equipamentos.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas (PR924C):

– Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou do patrimonio cultural.

– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2017.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as seguintes entidades:

1. Entidades galegas asentadas fóra de Galicia que teñan recoñecida a categoría de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao amparo da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que conten con local social diferenciado do das entidades asociadas.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao amparo de cada programa os gastos e proxectos que se indican no capítulo II (Disposicións específicas desta convocatoria).

Só poderán ser subvencionados os gastos ou proxectos que se vaian executar no prazo comprendido entre o 1 de xaneiro de 2017 e a data límite prevista para a súa xustificación no artigo 17.1.

O importe da subvención solicitada será como máximo o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado supere esa cifra, non se terá en conta o exceso.

Para fixar o importe do investimento total previsto, deberán terse en conta os límites establecidos no artigo 4.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución, destinarase inicialmente un crédito total de 575.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.781.0. (Axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. Este importe poderá ampliarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Esta contía distribuirase do xeito que segue:

– Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación de instalacións e/ou patrimonio cultural, 425.000 €.

Só se concederán axudas por este programa ás entidades que sexan propietarias dos bens onde se vaian executar as obras subvencionadas ou que os teñan en réxime de aluguer ou de cesión de uso.

O importe máximo dos investimentos do proxecto para o cal se solicite subvención, non poderá superar a contía de 60.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para efectos de determinar o importe da subvención que se conceda.

O importe máximo que se concederá será inferior a 30.000 € para obras que se realicen en inmobles propiedade da entidade solicitante ou que fosen cedidos en uso exclusivo por administracións ou entes públicos para os cales acredite un período de vixencia de 15 anos ou superior, contado desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que o período de cesión vixente remate entre os próximos 10 e 15 anos, o importe máximo da axuda diminuirase a razón de 4.000 €/ano.

Non se concederán axudas superiores a 6.000 € para obras en inmobles alugados ou que teña cedidos por un período que remate antes dos 10 anos seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

– Programa B. Axudas para mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, 150.000 €.

O importe máximo dos investimentos do proxecto para o cal se solicite subvención non poderá superar a contía de 24.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para os efectos de determinar o importe da subvención que se conceda.

O importe máximo que se pode conceder neste programa será de 12.000 €.

3. De existir remanente nalgún dos dous programas, poderá ser redistribuído e pasará a incrementar a consignación do outro programa.

Artigo 5. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra que puider ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables a situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

2. As entidades tan só poderán presentar a solicitude para un dos dous programas previstos no artigo 1 desta resolución, agás as resultantes de procesos de unión ou fusión que estivesen rematados dentro dos 6 anos anteriores a data da publicación desta convocatoria; neste caso, o importe máximo da suma das axudas que se concedan nos dous programas será inferior a 30.000 €, sen que se superen os límites establecidos para cada un no artigo 4.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación

1. Documentación xeral. Xunto coa solicitude, as entidades deberán presentar a seguinte documentación xeral:

a) Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido en 2017 polas autoridades competentes do seu país de residencia.

b) Declaración en que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas e de Seguridade Social e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I desta resolución.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á entidade interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. Documentación complementaria. Segundo o programa para o cal se presente a solicitude, a entidade deberá xuntar, ademais, a documentación complementaria que especificamente se relaciona no artigo 29 ou no 32, segundo corresponda. Así mesmo, as persoas interesadas poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen ao abeiro do artigo 6.1 presentarán a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consecuentemente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude presencialmente deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo presidente ou polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, ou no previsto pola normativa anterior.

b) Situación ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Situación ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

d) Situación ao día nos pagamentos coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 9.1 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que emitirá informe en que se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres persoas vogais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

6. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada programa nos artigos 30 e 33 desta resolución.

7. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito e o disposto na convocatoria.

Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para seren beneficiarias das subvencións establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que acaden aplicando os criterios de valoración establecidos.

En función do número de puntos que acade cada entidade, determinarase a porcentaxe do investimento que se subvencionará. A contía que se conceda a cada unha resultará de aplicar a porcentaxe resultante ao seu proxecto de investimento, sen que supere o límite previsto no artigo 3 nin o 80 % do orzamento do proxecto (minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable) nin a contía solicitada.

O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo a orde de prelación, ata que se esgote.

Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 200 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse porcentualmente entre o resto das axudas propostas tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 11. Reformulación das solicitudes

De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada programa proposto na resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar á entidade beneficiaria que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e da páxina web http://emigracion.xunta.gal. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Non obstante, o prazo de dez días computarase desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes segundo o modelo que figura como anexo II. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

5. No suposto de que non se opte pola reformulación, co obxecto de garantir os dereitos ou beneficios que puider reportar ás entidades beneficiarias o feito de axustar os seus compromisos á contía da subvención proposta, a Secretaría Xeral recollerá na resolución de concesión a contía do gasto mínimo que deben xustificar para ter dereito a cobrar a totalidade da axuda concedida, logo de excluír os gastos non subvencionables de conformidade co establecido nesta resolución.

O importe do gasto mínimo enmarcarase dentro do establecido nesta resolución sen modificar a correlación das fontes de financiamento mencionadas pola entidade beneficiaria na súa solicitude inicial, polo que será o maior dos seguintes:

a) O resultante da aplicación da porcentaxe que representa a subvención concedida respecto da pedida pola entidade beneficiaria na solicitude sobre o importe total do investimento (minorado nos gastos non subvencionables, se for o caso).

b) Aquel que, ao aplicarlle o límite máximo do 80 % permitido, coincida coa subvención concedida.

Artigo 12. Notificación

As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa do procedemento administrativo común.

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán recibir as notificacións por vía postal, de acordo co establecido no artigo 6.1 desta norma.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso das entidades interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en concordancia co previsto no artigo 6.1 desta convocatoria.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as entidades interesadas non fixesen a presentación electrónica das solicitudes, poderán facela presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a devandita resolución, a entidade beneficiaria terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas e a Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alteren substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Xustificación

1. As obras ou os equipamentos subvencionados a través da presente convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2017.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, sen que a dita ampliación poida aplicarse ao prazo de execución das obras ou da adquisición dos equipamentos subvencionados establecido no artigo 3 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se tivese presentado a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e beneficiario inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 18, as entidades beneficiarias deberán achegar á Secretaría Xeral da Emigración, no prazo establecido, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das obras efectivamente realizadas ou dos equipamentos adquiridos e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada das facturas ou documentos equivalentes dos investimentos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento conforme o modelo normalizado que figura como anexo III.

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a acción subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV.

d) As entidades con sede social en España deberán acreditar que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, salvo no caso das subvencións que non superen os 3.000 € individualmente. As restantes entidades beneficiarias deberán presentar unha declaración responsable de que se encontran ao día nesas obrigas, incluída no anexo IV.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/02007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €, ben en documento independente, en que conste o importe recibido, a referencia da factura a que corresponde, a data en que se efectúa o pagamento e a sinatura do provedor, ou ben mediante a factura asinada e selada polo provedor en que conste «recibín en efectivo» ou expresión equivalente.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir ás entidades beneficiarias a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética asignándolles un número correlativo. Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. Este número determinará a primeira entidade que será obxecto da mostraxe e os seguintes que se elixan serán múltiplos do devandito número.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e, para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, logo de solicitude xustificada pola entidade, poderanse efectuar pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes pagamentos estarán suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. O resto do importe ou a parte que corresponda librarase despois de completar a xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 65.4.f) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto delas, podendo subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 20. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal.

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a:

1. Executar as obras, adquirir os equipamentos ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que, respecto da xestión de fondos, pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, ou o resultante da aplicación do artigo 10, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 9.

6. As entidades beneficiarias de subvencións quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse á sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberán destinarse ao fin para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os bens quedarán afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral da Emigración, e débese comunicar a entidade beneficiaria con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade minorable ou reintegrable serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se for o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se for o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa dos Basquiños 2, CP 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion.subvencions@xunta.gal.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. A secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade, de conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade para a cal se outorgou a subvención, segundo o disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Por outra parte, a Secretaría Xeral da Emigración transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 26. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

CAPÍTULO II
Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª. Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou do patrimonio cultural

Artigo 28. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen en obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións e/ou patrimonio cultural. Considéranse igualmente incluídos no obxecto deste programa o financiamento dos gastos derivados da adquisición da sede social e os de amortización e xuros de créditos bancarios concertados para esta finalidade, se for o caso.

Non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros ou calquera tipo de explotación comercial que funcione dentro das instalacións obxecto da solicitude.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos que realicen as entidades galegas propietarias das instalacións en obras que realicen para a súa ampliación, reforma, rehabilitación ou conservación. Tamén se considerarán aqueles investimentos para a adquisición da sede social ou os de amortización e xuros do crédito bancario concertado, se for o caso.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación, conservación ou adaptación das instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10 % da totalidade do investimento proxectado.

4. Investimentos na restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

Artigo 29. Documentación que se debe presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 7, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva das obras que se vaian realizar. Detallarase polo miúdo a descrición das obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, aluguer, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización.

b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas nos cales se detalle o custo das obras referidas na memoria para as cales se solicita a subvención. O importe máximo dos investimentos non poderá superar a contía prevista na convocatoria. No caso de que o proxecto presentado supere ese importe, non se terá en conta o exceso.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 25.000 euros, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número dabondo de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

d) No caso de adquisición da sede social, copia da escritura pública da adquisición e/ou do crédito bancario, xunto co cadro de amortización.

e) No caso de restauracións, informe asinado por un técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental.

f) No caso de non seren propietarios, documento de cesión de uso ou copia do contrato oficial vixente de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, a non ser que xa conste copia del na Secretaría Xeral da Emigración e se faga constar así expresamente. Na documentación presentada debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución para calquera destes idiomas.

Artigo 30. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto: ata un máximo de 40 puntos.

Á vista da memoria descritiva das accións que se vaian acometer, valorarase o grao de urxencia ou necesidade das obras que se van realizar, así como a repercusión e a influencia que poida ter nos seus asociados, no seu ámbito e no seu contorno.

– Obras de rehabilitación que haxa que acometer con urxencia pola afectación nas instalacións de desastres naturais ou outras catástrofes de carácter imprevisto: ata 40 puntos.

– Obras de rehabilitación ou reforma para realizar nas cales quede acreditada a súa urxente necesidade e investimentos na adquisición da sede social: ata 35 puntos.

– Obras de ampliación, reforma ou rehabilitación destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso dos asociados: ata 20 puntos.

– Obras de conservación, reparación ou restauración, destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso dos asociados, sexa ou non o inmoble propiedade da entidade solicitante: ata 15 puntos.

– Accións de restauración do patrimonio cultural inventariable da entidade: ata 15 puntos.

Para aquelas entidades nas cales a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 % dos socios totais as puntuacións que se sinalan neste punto, reduciranse á metade.

1.2. Estado de conservación das instalacións, locais ou edificios en que se vai realizar o investimento: ata 15 puntos.

Outorgarase maior puntuación a aquelas instalacións, locais ou edificios cuxo estado de conservación estea máis deteriorado. Tamén se puntuará máis cando os inmobles sexan propiedade da entidade solicitante.

1.3. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, en relación aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores: ata 10 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos: de 8 a 10 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos: de 5 a 7 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos: ata 4 puntos.

1.4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando no seu respectivo ámbito territorial non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 15 puntos.

1.5. Nivel de financiamento das accións a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien con outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento con outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais, proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos inventariables

Artigo 31. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que melloren as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas.

Non se concederán subvencións para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros ou doutro tipo cando teñan un carácter de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os seguintes gastos:

a) Mobiliario e equipamentos materiais que melloren as condicións asistenciais, culturais, educativas, etc. en beneficio dos seus asociados.

b) Equipamentos materiais tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

c) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade.

d) Equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades.

e) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades para a realización do seu obxecto social.

Artigo 32. Documentación que se presentará coa solicitude

Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 7, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos equipamentos que se pretenden adquirir, na cal consten os motivos e/ou necesidade da adquisición e a súa finalidade, que deberá constar entre as regulamentarias da sociedade.

b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras nos cales se detalle o custo dos equipamentos para os cales se solicita a subvención.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 9.000 euros nalgún dos equipamentos, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que superen o dito importe, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número abondo de entidades que subministren os equipamentos ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución para calquera destes idiomas.

Artigo 33. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto: ata 45 puntos.

– Valorarase a importancia dos equipamentos para o desenvolvemento das finalidades e actuacións da entidade en relación coas actividades de promoción, conservación ou difusión da lingua, vida social, cultural ou progreso de Galicia entre os seus asociados: ata 25 puntos.

– Valorarase o grao de carencia ou necesidade que teña a entidade dos equipamentos solicitados: ata 20 puntos.

Para aquelas entidades en que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 % dos socios totais, as puntuacións que se sinalan neste punto reduciranse á metade.

1.2. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, con relación aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores: ata 20 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: 20 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: de 8 a 19 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: ata 7 puntos.

1.3. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011 inclusive, ou cando no seu respectivo ámbito territorial non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 15 puntos.

1.4. Nivel de financiamento con outras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien con outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento con outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais, proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos coa aplicación dos criterios establecidos non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file