Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2017 Páx. 14993

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 17 de marzo de 2017, da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo, polo que se procede a dar publicidade á resolución da mesma data pola que se convoca o procedemento extraordinario de mobilidade interna voluntaria para o persoal estatutario fixo e con destino consolidado, de diversas categorías, que tras a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro fose obxecto de reasignación no ámbito da atención especializada.

De conformidade co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e no Plan de ordenación de recursos humanos do persoal do Servizo Galego de Saúde, con base nos criterios reitores aprobados na Mesa Sectorial de Sanidade, pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais con representación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde o día 29 de decembro de 2009, así como no Acordo de bases acadado coa Comisión de Centro de atención especializada do 16 de marzo de 2016, e en uso das atribucións conferidas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e o Decreto 46/2013, do 7 de marzo, polo que se regula a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo, o xerente de Xestión Integrada de Vigo

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria do procedemento extraordinario de mobilidade interna voluntaria do persoal estatutario fixo e destino consolidado, nas categorías de auxiliar administrativo/a e celador/a con destino no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e que tras a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro fosen obxecto de reasignación.

Segundo. As bases íntegras da citada convocatoria e demais resolucións estarán expostas nos taboleiros de anuncios das oficinas da Dirección de Recursos Humanos da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo, así como na intranet da EOXI de Vigo (http://intranetxxiv/Paginas/Inicio.aspx).

Terceiro. A solicitude de participación no procedemento extraordinario de mobilidade interna voluntaria, así como o modelo de elección dos postos solicitados pola súa orde de preferencia, deberán presentarse nos rexistros dos centros integrantes da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo, ou a través de calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. O prazo de presentación será de quince (15) días hábiles e comezará a contarse a partir do día seguinte ao da data de publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación, nos termos previstos nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 17 de marzo de 2017

Félix Rubial Bernárdez
Xerente de Xestión Integrada de Vigo