Por Resolución do 29 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, publicáronse os acordos do padroado da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas-Funga do 2 e do 5 de marzo de 2015, polos que se convoca un posto de persoal directivo vacante na fundación (director/a xerente) para a súa cobertura, e se aproban as bases reguladoras da convocatoria.
O tribunal designado para cualificar o proceso selectivo do posto de director/a xerente da Funga acorda elevar a resolución do 30 de novembro de 2016 ao padroado da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas-Funga para os efectos do disposto no punto 8, parágrafo 5º da Resolución do 29 de xullo de 2015, tendo en conta que ningunha das solicitudes rexistradas cumpre os requisitos exixidos.
En virtude do establecido no artigo 22 do estatutos da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas- Funga, o padroado da fundación na reunión ordinaria de data 7 de decembro de 2016 , adoptou o seguinte acordo:
Declarar deserta a convocatoria para o posto de persoal directivo vacante na fundación (director/a xerente), previa elevación ao padroado polo tribunal cualificador da Resolución do 30 de novembro de 2016, pola que se dá publicidade a diversos acordos.
De conformidade co exposto, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, como órgano competente para o «seguimento da xestión da Fundación Pública Galega para Tutela de Persoas Adultas-Funga», tal e como dispón o artigo 13.1.i) do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, acorda a publicación do dito acordo do Padroado da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas-Funga , do 7 de decembro de 2016.
Contra o acordo do Padroado, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
As persoas interesadas poderán optar por interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, perante o mesmo órgano que ditou o acordo. Neste caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2017
María Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica