Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2017 Páx. 15513

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 28 de marzo de 2017 pola que se amplía o prazo para a xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2016, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano 2017.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, publicado no Diario Oficial de Galicia número 63, do 30 de marzo de 2012, establece, no seu artigo 43.1, segundo a redacción dada a este precepto pola modificación do dito decreto aprobada no Decreto 148/2014, do 6 de novembro, publicado no Diario Oficial de Galicia número 228, do 27 de novembro de 2014, que unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, co día límite do 31 de marzo do exercicio inmediatamente posterior, todas as corporacións locais financiadas consonte o dito decreto deberán presentar ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios, a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais así como o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano en curso. A esta data límite do 31 de marzo tamén fai referencia o artigo 58.6 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, na redacción dada polo Decreto 148/2014, do 6 de novembro, para a presentación, de maneira integrada coa documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais, da certificación do órgano competente da corporación local acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, e demais datos que se lle requiran en relación coa xestión deste servizo.

Debido á necesidade sobrevida de actualización dalgúns dos datos dispoñibles na aplicación informática a través da cal todas as corporacións locais teñen que elaborar necesariamente os formularios para a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2016, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2017, mediante o cal as corporacións locais solicitan o financiamento para a prestación dos servizos sociais comunitarios da súa competencia, e dado que, previsiblemente, non vai ser posible que esta aplicación estea efectivamente dispoñible cos datos corrixidos xa incorporados coa antelación suficiente para que as corporacións locais poidan cubrir os datos referentes ao financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais dentro do prazo establecido do 31 de marzo de 2017, cómpre ampliar o dito prazo ata o día 28 de abril de 2017, mediante a tramitación da presente orde.

Por todo o anterior, de conformidade coa disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que faculta a persoa titular da consellería competente no Sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do dito decreto, e en concreto para o desenvolvemento mediante unha orde dos aspectos procedementais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Amplíase o prazo para a presentación da xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2016, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2017, ata o día 28 de abril de 2017, incluído.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social