Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 3 de abril de 2017 Páx. 15767

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2017 o Programa de escolas abertas destinado a persoas directivas e responsables de impartir docencia nas entidades galegas e a persoas galegas residentes fóra de Galicia para o ano 2017.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, establece que son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por persoas galegas, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer das persoas galegas residentes fóra de Galicia e dos seus descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

A preservación das comunidades galegas asentadas fóra do territorio de Galicia, en canto exalten a nosa lingua, tradicións, o noso folclore e a nosa historia, é unha tarefa fundamental da Secretaría Xeral da Emigración por canto, tales actos, en canto que permiten o mantemento dos lazos culturais e sociais da colectividade galega no exterior coa Galicia territorial, son a expresión mesma da galeguidade, tal e como se entende na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Para dar cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, por medio desta resolución esta secretaría xeral convoca e regula o Programa de escolas abertas presenciais 2017 destinadas a persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior e persoas galegas residentes fóra de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a realización de obradoiros culturais de especialización de carácter presencial dirixidos a persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior e ás persoas galegas residentes fóra de Galicia.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria de axudas para participar nos obradoiros para o ano 2017, procedementos PR923E e PR923H.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para este programa as persoas responsables de impartir docencia naquelas entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Poderán solicitar participar neste programa aquelas persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas:

a) Que teñan constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade solicitada cunha actividade continuada, cando menos, nos dous últimos anos.

b) Aquelas entidades que, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tivesen grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.

c) No caso de persoas que soliciten participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos.

As persoas solicitantes deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e ser responsables de impartir a docencia, na modalidade solicitada, dentro da entidade galega en que exercen a súa función docente. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia ou dedicación nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

2. Persoal directivo das entidades galegas do exterior.

Para a modalidade de formación de persoal directivo, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que pertenzan á xunta directiva daquelas entidades galegas que, no Rexistro da Galeguidade, estén inscritas nas sección de Comunidades Galegas, Centros Colaboradores ou Federacións de Entidades.

As persoas solicitantes por estas entidades deberán ter unha idade comprendida entre os 21 e 31 anos, e formar parte da xunta directiva destas entidades no último ano, cando menos, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

As persoas solicitantes dos distintos obradoiros non poderán ter participado no Programa escolas abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así foi, quedarán excluídas.

Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas solicitantes que exerzan o seu labor docente ou pertenzan a entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Persoas físicas que non exerzan docencia nunha entidade galega do exterior.

Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as persoas emigrantes galegas e os seus descendentes ata o segundo grao de consanguinidade, maiores de 18 anos e menores de 65, residentes fóra de Galicia, que acrediten ser responsables de impartir docencia na modalidade que soliciten en entidades distintas das mencionadas no número 1 deste artigo e que cumpran os requisitos exixidos para o resto dos participantes.

Non poderán ser beneficiarias as persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin poderán ter participado no Programa escolas abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así foi, quedarán excluídas.

3. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Características do programa

As distintas actividades que se desenvolverán no programa consistirán na organización e participación en obradoiros de especialización de:

– Gaita tradicional galega.

– Baile tradicional galego.

– Percusión tradicional galega.

– Canto popular e pandeireta.

– Confección de traxe tradicional galego.

– Obradoiro de formación de persoal directivo.

Estes obradoiros terán as seguintes características comúns:

– Formación intensiva, de carácter participativo, cunha duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas.

– A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades.

– Cada alumno deberá vir provisto dos instrumentos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros de carácter cultural.

– O lugar de celebración, o número de prazas de cada obradoiro por país, o desenvolvemento de cada unha das modalidades e a non realización dos obradoiros que non acaden un número mínimo de 8 solicitudes establecerase por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. Así mesmo, no caso de que o número de solicitudes presentadas para algún dos obradoiros sexa elevado, poderá determinarse a realización de máis dun obradoiro nalgunha das modalidades.

Artigo 4. Prazas e datas de realización

1. O número de prazas ofertadas ascende a un total de 80, distribuídas do seguinte xeito:

– Área 1 (países europeos): 18 prazas.

– Área 2 (países do resto do mundo): 62 prazas.

As prazas vacantes nunha das áreas poderanse adxudicar á outra área, de haber nela solicitudes admitidas e contar con crédito suficiente no programa. Nos obradoiros de gaita, baile, canto popular e pandeireta, e percusión reservarase un total de 4 prazas para as solicitudes de persoas físicas que non exerzan docencia nunha entidade galega do exterior.

Para o obradoiro de formación de persoal directivo, de haber solicitudes admitidas bastantes, reservarase o 70 % das prazas para mulleres.

2. Os obradoiros desenvolveranse preferiblemente na cidade de Ourense durante o mes de xullo do ano 2017.

Aquelas persoas participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia, unha vez finalizadas as actividades, ata completar un período aproximado de 30 días desde o remate da actividade, deberán asumir todos os gastos da dita prórroga.

A persoa que desexe prorrogar a súa estadía en Galicia segundo os termos anteriormente indicados, deberá reflectilo na solicitude de participación no programa cubrindo o recadro correspondente.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade

1. Financiamento.

Trátase de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan aos participantes na presente convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos gastos necesarios para a organización e desenvolvemento dos obradoiros programados dentro do Programa de escolas abertas presenciais 2017.

Igualmente, farase cargo da organización e do custo da estadía e da viaxe de ida e volta dos participantes desde os seus países ou comunidades de residencia ata o lugar de impartición dos obradoiros.

3. Compatibilidade.

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (http://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior (código de procedemento PR923E).

1.1. Para os obradoiros de gaita, baile, percusión, canto e confección de traxe:

a) Documento identificativo da persoa solicitante, sempre que non se dispoña do DNI. Neste caso só hai que presentalo no caso de denegar expresamente a súa consulta no anexo I.

b) Unha fotografía recente tamaño carné.

c) Documentación identificativa da entidade en que exerce as súas funcións.

d) Ficha da entidade colaboradora, segundo o modelo do anexo II.

e) Unha declaración da persoa aspirante comprometéndose a ensinar os coñecementos adquiridos no seo da entidade solicitante, ou na que imparte ensino.

f) Breve currículo da persoa aspirante con especial referencia aos coñecementos e nivel de estudos musicais realizados, títulos, experiencia, actuacións, gravacións, grupos ou escolas en que impartiu docencia, etc., na materia obxecto do obradoiro.

g) Para os obradoiros de gaita, baile, percusión e canto popular e pandeireta: unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...) da modalidade solicitada que non exceda os 4 minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de canto e baile, a gravación deberá ser solista.

h) Certificación da entidade do nome da escola ou grupo e do número de alumnos que os compoñen, segundo o modelo que figura como anexo IV.

i) Para o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, certificación da entidade en que acredite a experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego e, se é o caso, copia do título oficial de corte e confección.

Así mesmo, deberá presentarse unha certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos, segundo o modelo que figura como anexo III.

1.2. Para o obradoiro de formación de persoal directivo das entidades galegas deberase achegar a seguinte documentación:

a) Certificación de que a persoa solicitante leva pertencendo á xunta directiva da entidade durante o ano anterior á data da convocatoria que figura como anexo II.

b) Acta da entidade en que apareza o seu nomeamento como membro da xunta directiva da entidade na cal exerza as funcións directivas.

c) A recollida nas alíneas a), b), c) e e) do punto 1.1 deste artigo.

2. Persoas físicas que non exerzan docencia nunha entidade galega do exterior (código de procedemento PR923H).

a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española sempre que non se dispoña do DNI. Neste caso hai que presentalo se se denega expresamente a súa consulta no anexo V.

b) Documentación xustificativa que acredite a súa condición de persoa emigrante galega ou descendente desta ata o segundo grao de consanguinidade.

c) Documentación que acredite a súa residencia fóra de Galicia.

d) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, de ser o caso.

e) Unha fotografía recente tamaño carné.

f) Certificación acreditativa de que a persoa solicitante imparte docencia na modalidade do obradoiro solicitado, emitida por unha entidade vinculada coa cultura e o folclore galego.

g) Breve currículo da persoa aspirante con especial referencia aos coñecementos e nivel de estudos musicais realizados, títulos, experiencia, actuacións, gravacións, grupos ou escolas en que impartiu docencia, etc., na materia obxecto do obradoiro.

h) Unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...) da modalidade solicitada que non exceda os 4 minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de canto e baile, a gravación deberá ser solista.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

O material audiovisual poderá presentarse nos seguintes formatos de uso común: mp4, avi, mov ou wmv e non pode superar os 12 MB.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento PR923H consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado, que avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe en que se concretará o resultado da avaliación e estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

O órgano colexiado avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un ou varios especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá por desistida a súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 68 da LPACAP, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 11. Criterios de selección

Os criterios de valoración serán os seguintes:

1. Calidade técnica:

a) Obradoiros de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, e percusión tradicional galega:

A calidade técnica da gravación valorarase ata un máximo de 60 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

a.1. No caso dos obradoiros de gaita tradicional galega, canto popular e pandeireta, e percusión tradicional galega:

– Afinación: ata un máximo de 15 puntos.

– Expresión: ata un máximo de 15 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 15 puntos.

– Estética musical: ata un máximo de 15 puntos.

a.2. No caso do obradoiro de baile tradicional galego:

– Expresión: ata un máximo de 20 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 20 puntos.

– Técnica: ata un máximo de 20 puntos.

Non se admitirán solicitudes que, a criterio das persoas técnicas encargadas de valorar as gravacións presentadas, non acaden un nivel técnico suficiente para participar no correspondente obradoiro, e pode establecerse unha puntuación mínima para poder participar nos obradoiros.

b) Obradoiro de confección de traxe tradicional galego. Valorarase cun máximo de 40 puntos, de conformidade coas seguintes epígrafes:

b.1. Estar en posesión do título oficial de corte e confección: 20 puntos.

b.2. Ter experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego debidamente certificada pola entidade galega: 20 puntos.

c) Obradoiro de formación de persoal directivo:

c.1. Categoría da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante: ata 10 puntos:

– Comunidade galega: 5 puntos.

– Centro colaborador: 3 puntos.

– Federación: 2 puntos.

c.2. Número de socios da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante: ata 5 puntos.

c.3. Ter a condición de presidente, vicepresidente, tesoureiro ou secretario da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante: ata 3 puntos.

2. Número de alumnado da escola ou grupo de baile, gaita ou canto e percusión da entidade galega do exterior en que a persoa solicitante exerza labores formativos ou persoa física solicitante en que a persoa aspirante imparta ensino: ata un máximo de 10 puntos:

– Ata 10 persoas alumnas: 4 puntos.

– De 11 a 25 persoas alumnas: 6 puntos.

– De 26 a 50 persoas alumnas: 8 puntos.

– Máis de 50 persoas alumnas: 10 puntos.

3. Persoas alumnas solicitantes que non teñan participado nas catro últimas edicións de calquera destes programas: 20 puntos.

No caso de empate, resolverase, en primeiro lugar, en favor de quen non tiver participado no programa. De persistir o empate, resolverase en favor de quen leve máis anos sen participar. Por último, de persistir o empate, resolverase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, comezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra que resulte do sorteo anual que corresponda para a actuación dos aspirantes nos procesos de selección para o ingreso na Administración autonómica de Galicia.

En caso de renuncia, por causas debidamente xustificadas, de persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior, procederase a adxudicar a praza vacante á seguinte candidata segundo a puntuación obtida por aplicación dos criterios de valoración e que pertenza a unha entidade do mesmo país e, se non for posible, do mesmo continente.

No caso de renuncia de solicitantes que sexan persoas físicas que non exerzan docencia nunha entidade galega do exterior, procederase a adxudicar a praza vacante á seguinte candidata, segundo a puntuación obtida con base nos criterios de valoración indicados anteriormente e, no caso de non existir candidata que reúna os coñecementos axeitados para participar, acumularase a praza vacante ás prazas ofertadas para as entidades galegas.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución deste procedemento será ditada pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e publicada na páxina web http://emigracion.xunta.gal.

A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. A presentación de solicitudes, supón a autorización para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria, polo que no anexo I se inclúe unha manifestación da persoa solicitante neste sentido.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Obrigas, seguimento e control

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

2. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría pode modificar a resolución de concesión.

3. As persoas beneficiarias destes programas estarán obrigadas:

a) Participar e asistir a todas as horas de impartición das actividades para as que foron seleccionadas.

b) Cumprir as normas dictadas pola Secretaría Xeral da Emigración para o normal desenvolvemento do dito programa, así como aquelas de réxime interno do centro residencial onde se realice o Programa escolas abertas.

c) As persoas físicas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a suministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean ao dispor da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas solicitantes prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

5. O falseamento de datos ou da documentación presentada, así como o incumprimento das súas obrigas, comportará a súa exclusión do programa, así como da participación en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro por algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.gal.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file