Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 2017 Páx. 17035

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 29 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento TR353B).

BDNS (Identif.): 333520.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos por entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local cuxa titularidade lle corresponda integramente.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2016 superior a 500 persoas no seu ámbito territorial.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación (obradoiros de emprego), dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están establecidas na Orde do 8 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 4.009.000,00 euros, dos cales 2.409.000,00 son para a anualidade de 2017 e 1.600.000,00 para a de 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria