Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 11 de abril de 2017 Páx. 17209

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se determina o réxime do servizo de garda do persoal médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

A Lei orgánica do poder xudicial dispón no seu artigo 501 que lles corresponde ás comunidades autónomas con competencias en materia de xustiza dotar e organizar os medios persoais necesarios para o funcionamento do servizo de garda, así como determinar o número do persoal funcionario que o debe prestar, a súa permanencia no órgano xurisdicional ou servizo ou a situación de dispoñibilidade, e a organización e distribución do horario para realizar.

Segundo o Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal, correspóndelle ao director ou directora de cada instituto organizar, no marco da normativa vixente, as quendas de garda, baixo proposta do Consello de Dirección, precepto este que posteriormente se recolle no artigo 7.d) do Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

A Orde PRE/1417/2003, do 3 de xuño, pola que se regulan as retribucións complementarias por servizo de garda do persoal ao servizo da Administración de xustiza, recoñece a singularidade da organización e composición do servizo de garda do persoal médico forense nos territorios onde existe instituto de medicina legal, ao atribuír na súa disposición transitoria única ao director ou directora do instituto a facultade de organizar de forma rotatoria as quendas de garda dos médicos forenses e, se é o caso, un funcionario de apoio do propio instituto ou do órgano xudicial de garda, baixo proposta do Consello de Dirección. Esta disposición establece, así mesmo, que a determinación do número de efectivos que ha de integrar o servizo de garda requirirá a aprobación do órgano competente na provisión de medios persoais en materia de xustiza.

O sistema actual de gardas no Imelga está regulado pola Resolución do 2 de marzo de 2007, da Dirección Xeral de Xustiza, que determina o número de efectivos de garda en cada subdirección territorial do instituto e que remite, no que atinxe ao réxime horario deste servizo, ao previsto nos números 4, 6, 7 e 8 do punto sétimo da Resolución do 5 de decembro de 1996, da Secretaría de Estado de Xustiza, e ás súas sucesivas modificacións.

A Resolución do 2 de xullo de 2014, da Secretaría de Estado de Xustiza veu a modificar o punto sétimo da citada Resolución do 5 de decembro de 1996, con mención das gardas do persoal médico forense nun apartado específico, o apartado 14, que posibilita modular, por resolución do órgano competente, os distintos tipos de garda para este concreto corpo funcionarial en función do tamaño e organización de cada instituto de medicina legal.

A motivación da citada Resolución do 2 de xullo de 2014 establécese claramente na súa parte expositiva mediante o seguinte teor: «(...) co obxecto de clarificar a regulación concreta do tempo de traballo e de descanso dos médicos forenses, o lexislador español valora de novo a idoneidade de proceder a unha nova concreción da xornada deste colectivo para axustalo dunha forma aínda máis adecuada aos parámetros da Directiva 2003/88CE, relativa a determinados aspectos da ordenación do tempo de traballo, co obxecto de garantirlles o dereito ao descanso en consonancia coas políticas de seguridade e saúde no traballo. Por iso, tendo en conta que os médicos forenses, salvo excepcións puntuais, non se atopan destinados nos xulgados, senón nos institutos de medicina legal, é preciso adaptar a Resolución do 5 de decembro de 1996 ás directrices comunitarias mediante unha regulación máis específica e unha maior supervisión do horario laboral efectivamente prestado por estes funcionarios, de forma que non se superen as corenta e oito horas semanais nun cómputo semestral e de que se garanta o dereito ao descanso ininterrompido semanal e diario previsto na normativa europea».

De acordo co exposto, tras negociación na mesa sectorial de Xustiza do 19 de decembro de 2016, e en virtude dos reais decretos 2397/1996 e 233/1998, sobre transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, así como do artigo 15 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Primeiro. Réxime de garda no Imelga

As gardas dos médicos forenses das distintas subdireccións territoriais do Imelga desenvolveranse de conformidade co réxime establecido no anexo desta resolución.

Segundo. Organización e coordinación

1. O servizo de garda e as incidencias que se produzan neste serán coordinados polo/a director/a e subdirectores/as correspondentes, no exercicio das súas respectivas competencias.

2. O/a director/a do Imelga ditará as instrucións necesarias para o desenvolvemento adecuado do servizo de garda, así como para garantir o descanso do persoal que presta o dito servizo, de acordo coas previsións específicas do apartado 16 da Resolución do 2 de xullo de 2014, da Secretaría de Estado de Xustiza, pola que se modifica a do 5 de decembro de 1996, pola que se ditan instrucións sobre a xornada e horarios no ámbito da Administración de xustiza, e mais coa restante normativa de aplicación.

3. Cando as necesidades do servizo o permitan e xustifiquen, a prestación do servizo de garda poderá fraccionarse. Neste caso, as retribucións ratearanse por días.

Terceiro. Remuneración e acreditación do servizo de garda

1. As retribucións do servizo de garda serán as previstas na Orde ministerial 1417/2003, do 3 de xuño, para cada tipo de garda.

2. Para a percepción das retribucións por servizo de garda será requisito indispensable a certificación da realización do dito servizo a mes vencido, de acordo cos modelos que figuran no enderezo electrónico http://intranetxustiza.xunta.es/; certificación que se deberá realizar a través do sistema informático, de estaren habilitados os medios precisos.

3. Para os efectos da acreditación das actuacións realizadas durante o servizo de garda, estas deberán quedar rexistradas, de conformidade coas instrucións que se impartan desde a dirección do instituto, na aplicación informática Sistema de información do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Simelga).

4. O cumprimento da xornada laboral e do horario de traballo do persoal médico forense, así como o gozo dos preceptivos descansos, acreditarase mediante a fichaxe no sistema de información e control horario do persoal empregado público Kronos, accesible desde a intranet de Xustiza coa tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, regulada na Orde do 12 de setembro de 2011.

Cuarto. Horario

O horario de prestación do servizo de garda será o especificado no anexo desta resolución.

Se durante o horario de presenza non hai actuacións propias do servizo de garda, os médicos forenses que o estean a prestar realizarán as funcións propias do seu corpo e posto de traballo.

Durante o horario de dispoñibilidade permanecerán en condicións de continua localización para atender puntualmente calquera incidencia propia do servizo de garda que se puidera producir, en cuxo caso se incorporarán a este de maneira inmediata.

Os médicos forenses necesariamente gozarán dos preceptivos descansos recoñecidos na Resolución do 5 de decembro de 1996 da Secretaría de Estado de Xustiza, na redacción dada pola Resolución do 2 de xullo de 2014, e na restante normativa de aplicación.

Quinto. Réxime supletorio

Para todo o non previsto na presente resolución será de aplicación a Resolución do 5 de decembro de 1996, da Secretaría de Estado de Xustiza, na redacción dada pola Resolución do 2 de xullo de 2014.

Sexto. Queda derrogada a Resolución do 2 de marzo de 2007, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se aproba o número de efectivos que integran o servizo de garda do Imelga, así como calquera disposición que se opoña á distribución de gardas prevista na presente resolución.

Sétimo. Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO
Réxime de gardas do Instituto de Medicina Legal de Galicia

SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL A CORUÑA

Tipo de garda

Efectivos

Horario

Garda de permanencia semanal

2

Préstase con horario de permanencia das 9.00 ás 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de permanencia de oito días

1

Préstase con horario de permanencia das 8.00 ás 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de permanencia para o axuizamento inmediato de delitos leves

1

Préstase das 9.00 ás 21.00 horas en réxime de permanencia.

SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL SANTIAGO DE COMPOSTELA

Tipo de garda

Efectivos

Horario

Garda de permanencia de oito días

3

Préstase con horario de permanencia das 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL FERROL

Tipo de garda

Efectivos

Horario

Garda de permanencia de oito días

1

Préstase con horario de permanencia das 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de dispoñibilidade semanal

1

Préstase na xornada ordinaria de traballo, e o resto de dispoñibilidade.

SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL LUGO

Tipo de garda

Efectivos

Horario

Garda de permanencia de oito días

2

Préstase con horario de permanencia das 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de dispoñibilidade de oito días

1

Préstase na xornada ordinaria de traballo, e o resto de dispoñibilidade.

SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL OURENSE

Tipo de garda

Efectivos

Horario

Garda de permanencia de oito días

2

Préstase con horario de permanencia das 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de dispoñibilidade de oito días

1

Préstase na xornada ordinaria de traballo, e o resto de dispoñibilidade.

SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL PONTEVEDRA

Tipo de garda

Efectivos

Horario

Garda de permanencia de oito días

2

Préstase con horario de permanencia das 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de dispoñibilidade de oito días

1

Préstase na xornada ordinaria de traballo, e o resto de dispoñibilidade.

SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL VIGO

Tipo de garda

Efectivos

Horario

Garda de permanencia semanal

2

Préstase con horario de permanencia das 9.00 a 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de permanencia de oito días

1

Préstase con horario de permanencia das 8.00 a 15.00 horas, de luns a venres, e o resto de dispoñibilidade.

Garda de permanencia para o axuizamento inmediato de delitos leves

1

Préstase das 9.00 ás 21.00 horas en réxime de permanencia.