Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2017 Páx. 18097

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de marzo de 2017 pola que se declara de utilidade pública a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia-Adega, inscrita no Rexistro Central de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo coma instrumento de integración, participación e representación dos lexítimos intereses dos cidadáns, e con este obxecto establece unha serie de medidas para facilitar o desenvolvemento das asociacións. Entre estas medidas de fomento recóllese a posibilidade de que as entidades asociativas sen fins de lucro poidan ser declaradas de utilidade pública.

En concreto, o artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, establece que por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas que reúnan determinados requisitos, que en esencia consisten en que os seus fins estatutarios promovan o interese xeral, que a súa actividade non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións non o fagan con cargo aos fondos públicos, que conten con medios adecuados e coa organización idónea para o cumprimento dos seus fins e, finalmente, que estean constituídas, inscritas e en funcionamento durante os dous anos anteriores á solicitude.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece que para resolver a solicitude de declaración de utilidade pública será competente a persoa titular da citada consellería, logo da instrución do procedemento polo órgano que resulte competente por razón do rexistro en que estea inscrita a asociación solicitante.

En aplicación desta normativa, e logo de solicitude da declaración de utilidade pública pola asociación, instruíuse o correspondente expediente administrativo seguindo as prescricións contidas no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública.

Constan no expediente as memorias de actividades e demais documentos de obrigada achega polas interesadas, así como os informes dos departamentos e organismos competentes, sinaladamente o preceptivo informe favorable do Ministerio de Facenda.

Logo do exame da normativa aplicable e da documentación que figura no expediente, ponse de manifesto que a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia-Adega reúne os requisitos necesarios para obter a declaración de utilidade pública.

Na súa virtude, e ao abeiro das facultades previstas no Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións,

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia-Adega, inscrita no Rexistro Central de Asociacións co número 2004/7393-1.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter previo poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes, segundo establecen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza