Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2017 Páx. 18135

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2017 pola que se convoca o curso superior A nova lexislación administrativa básica: teoría e práctica.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso superior A nova lexislación administrativa básica: teoría e práctica, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

As leis 39/2015 e 40/2015, do 1 de outubro, introducen novidades relevantes na regulación do procedemento administrativo común das administracións públicas e do réxime xurídico do sector público, que inciden na organización e no funcionamento da Administración, no réxime xurídico dos convenios, na responsabilidade patrimonial das administracións públicas, nos recursos administrativos, na tramitación electrónica dos procedementos e nos dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración.

O obxectivo principal deste curso é abordar o estudo das citadas modificacións do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común desde unha perspectiva práctica, para o cal, nunha primeira parte de cada sesión, procederase á análise, ao estudo e ao debate dos temas propostos e, na segunda parte, á súa aplicación a través da resolución de supostos prácticos.

2. Contido.

O curso estrutúrase en 15 sesións, nas cales se tratarán, entre outros, os seguintes temas:

– As relacións administrativas ad intra. Principios xerais de actuación do sector público e dos órganos das administracións públicas. Relacións interadministrativas.

– As relacións administrativas ad extra. Os dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración pública.

– Cuestións xerais do procedemento administrativo común I: os prazos. Cómputo. Efectos da extemporaneidade nas actuacións administrativas, en especial, caducidade, silencio administrativo e prescrición.

– Cuestións xerais do procedemento administrativo común II: a eficacia dos actos administrativos. Especial referencia ao procedemento notificador e ás notificacións electrónicas.

– A tramitación electrónica do procedemento administrativo. Identidade dixital. Presentación documental electrónica. Expediente, documento e arquivo electrónicos. Interoperatividade.

– O procedemento administrativo común I: os interesados. Iniciación de oficio e por instancia de parte. As medidas preventivas.

– O procedemento administrativo común II: ordenación, instrución e finalización do procedemento. Especial referencia á resolución do procedemento administrativo.

– Os principios da potestade sancionadora. As especialidades do procedemento sancionador.

– Os principios da responsabilidade patrimonial das administracións públicas. As especialidades do procedemento de responsabilidade patrimonial.

– O sistema de recursos administrativos.

– Nulidade e anulabilidade. A revisión dos actos en vía administrativa.

– A iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria.

– Os convenios na Lei 40/2015.

3. Prazas: 100.

4. Destinatarios/as.

O curso está dirixido ao persoal empregado público das administracións públicas galegas, pertencente aos seguintes grupos:

– Persoal funcionario: subgrupos A1 e A2.

– Persoal laboral: grupos I e II.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán ser cubertas por profesionais que estean en posesión do título de doutor/a, licenciado/a, diplomado/a, grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a técnico/a e enxeñeiro/a técnico/a.

5. Matrícula.

5.1. Importe.

O importe da matrícula é de cen euros (100 €) para os/as destinatarios/as que non teñan a condición de persoal empregado público.

5.2. Pagamento.

O pagamento da matrícula poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos.

O pagamento, total ou do primeiro prazo (60 %) deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes ao da comunicación por parte da EGAP de que o/a alumno/a foi seleccionado/a. No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 40 % restante farase efectivo entre o 28 de maio e o 3 de xuño de 2017.

Unha vez formalizado o pagamento da matrícula, total ou fraccionado, deberá enviarse xustificante bancario ao enderezo de correo novas.egap@xunta.gal, especificando o nome e apelidos do/da alumno/a. A formalización da inscrición no curso quedará condicionada ao envío do devandito xustificante no prazo establecido.

A EGAP non devolverá as cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

5.3. Prazo de inscrición e documentación requirida.

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 24 de abril de 2017, ou ben ata que se cubra a totalidade das prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán inscribirse accedendo á epígrafe de área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/login.php) que figura na web da EGAP.

Todas as persoas solicitantes, agás o persoal empregado público ao servizo da Administración autonómica ou da Administración de xustiza, deberán enviar, antes de que finalice o prazo de inscrición, un correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, achegando certificación acreditativa do grupo de destinatarios a que pertencen ou, de ser o caso, copia debidamente cotexada do título de doutor/a, licenciado/a, diplomado/a, grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non acheguen a dita certificación ou que sexan recibidas con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, 24 de abril de 2017.

6. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes.

7. Publicación da lista de admitidos/as e prazo de presentación de alegacións.

A lista de persoas seleccionadas publicarase na páxina web da EGAP
(http://egap.xunta.gal/). O prazo para a presentación de alegacións será de dous días hábiles a partir da data de publicación.

8. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, todos os mércores e xoves, entre o 3 de maio e o 29 de xuño de 2017, agás os días 17, 18 e 25 de maio.

Terá unha carga lectiva de 45 horas presenciais distribuídas en 15 sesións de 3 horas, que se impartirán en horario de tarde; 1 1/2 horas de parte teórica e 1 1/2 horas de caso práctico en cada sesión.

9. Certificado de aproveitamento.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

10. A asistencia e a puntualidade.

Durante o desenvolvemento deste curso, levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para este efecto. Os/as alumnos/as terán que acreditar a súa asistencia a cada unha das sesións académicas, á entrada e á saída de cada sesión.

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia: non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. Deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na liña c) perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

11. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa, e de resolver as cuestións que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que se poidan producir durante o desenvolvemento do curso.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública