Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2017 Páx. 18349

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade; as relacións coas comu-nidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representa-ción e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5 a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e conco-rrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos, a Secretaría Xeral da Emigración ten detectado a existencia de situacións de grave necesidade, sobrevidas a persoas sen recursos económicos, orixinadas por desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial, que non poden ser atendidas a través de ningún outro recurso, polo que deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, co fin de evitar ou paliar situacións de exclusión social.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, e as causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribucións competenciais, corresponde á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como a diferente situación persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países en que viven, impiden a comparación e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento, por tanto, é aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías pre-vistas no seu artigo 31.4. Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

Na súa consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no antedito artigo 19.2, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes, ata o es-gotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se creen expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior, que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente, para evitar ou paliar situacións de necesidade ou exclusión social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias, ao cumpriren os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2017, procedemento PR935A.

Artigo 2. Natureza, réxime das axudas e compatibilidade

1. Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

Cando a axuda teña por obxecto sufragar gastos de viaxe, poderá ser considerada unha axuda en especie e corresponderá á Secretaría Xeral da Emigración a súa xestión.

2. Tendo en conta o obxecto e a finalidade destas axudas, o procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario da convocatoria e que se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

A concesión destas axudas estará condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a inadmisión das solici-tudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que teñan nacido en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no Padrón de residentes no exterior (PERE) ou no Censo electoral de residentes no exterior (CERA).

Excepcionalmente, para o caso de que estas persoas teñan que realizar unha viaxe e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

a) Ter rendas ou ingresos insuficientes.

A insuficiencia de rendas ou ingresos deberá ser acreditada pola persoa solicitante da axuda. No caso de solicitar axudas de viaxe, tamén deberán acreditar as rendas ou ingresos insuficientes a persoa acompañante, se é o caso, e os demais membros da familia que van acoller en Galicia a persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa interesada ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores a 1,2 veces a prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español para o país de residencia da persoa solicitante, nas contías determinadas para o ano desta convocatoria, computando todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Naqueles países para os cales o Estado español non teña fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva da Seguridade Social do Estado español por xubilación vixente no ano desta convocatoria.

Se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade ou pensión non contributiva) máis o resultado de multiplicar o 30 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan, ou do 70 % no caso de menores de 16 anos, menos unha.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar a formada pola persoa solicitante da axuda, cónxuxe ou parella de feito, fillos/as e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan coa persoa solicitante. Igualmente, conside-raranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa solicitante ou a súa unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

En casos acreditados de graves situacións de catástrofes naturais ou de calquera outra causa que orixine unha situación repentina de desamparo ou emerxencia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá, logo de resolución, modificar os niveis de rendas para poder ser persoa beneficiaria destas axudas.

b) Ter patrimonio insuficiente.

A carencia de patrimonio deberá ser acreditada polas mesmas persoas que no punto anterior.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles na unidade económica familiar cun valor superior ás contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Estes niveis de patrimonio poderán ser modificados nos mesmos casos e nos mesmos termos que o establecido no último parágrafo do punto anterior.

c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente ou a necesidade de realizar a viaxe por mor destas razóns.

Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias ou asistenciais as seguintes:

– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio.

– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.

– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, edu-cación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea de-bidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos, a persoa solicitante da axuda deberá de acreditar previamente que ten cuberta a correspondente prestación sa-nitaria.

– Situacións sobrevidas causadas por graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval.

– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Artigo 5. Financiamento, contía das axudas e gastos subvencionables

1. Financiamento.

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 20.000 € correspondente á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Este importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación á vista do número de solicitudes pre-sentadas. Transcorrido o segundo cuadrimestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto neste artigo, este poderá reducirse ata unha porcentaxe similar á empregada ata esa data para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. Contía das axudas.

Acreditadas as circunstancias excepcionais e urxentes que concorran en cada suposto que motive a solicitude, a súa contía será variable en función das causas expostas no artigo anterior e atendendo aos seguintes criterios de valoración:

a) No caso de atoparse no exterior en situacións de marxinación social, asignaráselle una axuda económica única do 15 % do importe da PEA (prestación por razón de necesidade) correspondente ao país de residencia, e incrementarase un 5 % en caso de que o grao de dependencia sexa tal que a persoa non se poida valer por si mesma.

b) Para as situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación, a axuda económica sería do 50 % do orzamento presentado, cun máximo de 3.000 €, tal e como se indica neste artigo.

c) En situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga, será de aplicación o criterio referido na letra a).

d) En situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto no país de residencia, aplicarase o criterio indicado para o suposto b).

e) Para a axuda de viaxes, a axuda consistirá no custo da pasaxe e está recollido na resolución de convocatoria que a contía máxima que se concederá será de 1.500 € por persoa beneficiaria.

En todo caso, a contía máxima da axuda concedida por persoa beneficiaria non poderá exceder 3.000 €, excepto para as axudas destinadas á realización de viaxes, que deberán realizarse na clase máis económica do medio de transporte que se utilice, nas cales a contía máxima que se conceda ou de custos que se satisfagan será de 1.500 € por persoa beneficiaria.

3. Gastos subvencionables.

Segundo o tipo de finalidade, serán subvencionables os seguintes gastos acreditados:

a) Os derivados das urxencias sociais e sanitarias recollidas no artigo 4.c).

b) De custos de viaxe: os necesarios para paliar os efectos das causas expostas an-teriormente, que precisen o traslado da persoa interesada a outro país que non sexa o de residencia habitual. Para estes efectos, entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daquel. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe. As resolucións de concesión para a realización de viaxes, ditadas ao abeiro da correspondente resolución, implicarán que a Secretaría Xeral da Emigración poderá efectuar, de ser o caso, as xestións que sexan precisas para a emisión dos billetes e para a súa posta á disposición da persoa beneficiaria da axuda, quen, salvo manifestación expresa en contra, entenderase que presta o seu consentimento para a realización de tales trámites.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal. Neste caso, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2017, ambos os dous incluídos.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:

1.1. Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade española:

a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, no cal conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

1.2. Documentación acreditativa da orixe galega.

A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

b) Ter vinculación con calquera concello galego no Censo electoral de residentes no exterior e ser descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

A vinculación cun concello galego no Censo de residentes no exterior non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición no dito censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.

No caso de solicitar axuda de viaxe, se é o caso, deberá acreditarse a situación econó-mica da persoa acompañante e a da súa unidade económica familiar, así como a da familia de acollemento en Galicia, se a houber.

a) Copia da última declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar presentada.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, ou de que non estiveren obrigados a realizala, unha xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que se perciba.

b) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certifica-do catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan.

1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda que inclúa un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a dita situación, emitido por un organismo oficial ou por un organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emi-tidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

1.5. Para a realización de prestacións sanitarias no territorio do Estado español, acredi-tación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar.

Para o caso de acollemento familiar ou asistencial en Galicia, acreditación por parte da familia de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda. Neste caso, o membro que actúa no nome da familia de acollida tamén deberá cubrir a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo II e presentar a documentación que se especifica nos puntos 1.1, alínea a) e 1.3, alíneas a) e b).

1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberán pre-sentarse certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.

Neste caso, a persoa acompañante tamén deberá cubrir a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo II e presentar a documentación acreditativa da súa identidade e nacionalidade, así como da súa situación económica e a da súa unidade económica familiar.

1.7. Outra documentación xustificativa ou informes do estado de necesidade que fun-damenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a graduación do estado de necesidade.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no Censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún de-reito subxectivo para as persoas beneficiarias e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, a persoa beneficiaria faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiras, antes do 31 de decembro do ano desta convocatoria.

2. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

Artigo 11. Procedemento de instrución e concesión

1. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Ga-legas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspon-dente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

Se a Comisión de Avaliación así o estimar, poderá encargar informes socioambientais, que serán realizados por profesionais titulados que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, entenderase por desistida a súa petición, de con-formidade co que se dispón no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución, na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Resolución e pagamento

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará a pro-posta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver será de dous meses contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse rexeitadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberán realizarse con anterioridade ao 31 de decembro de 2017.

2. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. Realizarase, salvo casos que así o aconsellen, mediante transferencia bancaria. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

No suposto de viaxes de persoas ou grupos familiares, nos cales a situación que determina a concesión de axuda aconselle que estas sexan consideradas como axudas en especie, serán por conta da Secretaría Xeral da Emigración os trámites e pagamentos para a expedición dos billetes e/ou taxas necesarios para a realización de tales viaxes sen que se poidan exceder no seu financiamento os límites previstos no artigo 5.2.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, a persoa beneficiaria faleza, poderá aboárselles a axuda ás persoas que, de acordo coa normativa do país de residencia, acrediten a súa condición de herdeiras dentro do prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión, sempre que o obxecto da axuda así o aconselle.

Artigo 13. Notificación

As resolucións seranlles notificadas ás persoas solicitantes e deberán ser sempre motivadas.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou se deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días desde a notificación desta sen que a persoa interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiaria.

2. No caso de que se comunicase a renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, logo do aboamento da axuda correspondente:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e, en caso das axudas de viaxe, xustificar ante a Secretaría Xeral da Emigración telo realizado.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral da Emi-gración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Adoptar, de ser o caso, as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita Lei 9/2007.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subven-cións de Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere adecuados.

Artigo 16. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportu-no procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, praza de Mazarelos 15, 15703 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico emigracion@xunta.gal

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade coa Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, e co disposto no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, non se procederá á publicidade destas axudas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia, nin da relación de persoas beneficiarias nin do importe das axudas concedidas, porque a súa publicación podería ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e intimidade persoal e familiar das persoas solicitantes.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, trasmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Su-perior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Su-perior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file