Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2017 Páx. 18404

III. Outras disposicións

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2017 pola que se ordena a publicación do convenio de adhesión do Concello de Cervantes.

O día 17 de xaneiro de 2017, a Axencia e o Concello de Cervantes asinaron o convenio de adhesión dese concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

De conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017

José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

ANEXO
Convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2017

Interveñen:

Dunha parte, Benigno Gómez Tadín, alcalde do Concello de Cervantes, provincia de Lugo, en representación do Concello, de conformidade co disposto no artigo 61 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

E doutra parte, Beatriz Mato Otero, conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, nomeada polo Decreto 148/2016, do 13 de novembro, no exercicio das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Expoñen:

Primeiro. A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG, en adiante), no seu artigo 10, establece que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común por parte da Administración autonómica e dos municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.

Así mesmo, establece que son membros da Axencia a Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela. A incorporación dos municipios realizarase a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá obter a aprobación previa do Pleno da Corporación e da persoa titular da consellería con competencia en materia de urbanismo e ordenación do territorio, e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística foron aprobados por Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e publicados no Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 16 de novembro.

Segundo. O Concello de Cervantes ten atribuídas competencias en materia de disciplina urbanística, en virtude do disposto no artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e nos artigos 152 e seguintes da LSG.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no seu artigo 10, determina que a Administración local e as demais administracións públicas axustarán as súas relacións recíprocas aos deberes de información mutua, colaboración, coordinación e respecto aos ámbitos competenciais respectivos e que procederá á coordinación das competencias das entidades locais entre si e, especialmente, coas das restantes administracións públicas, cando as actividades ou os servizos locais transcendan o interese propio das correspondentes entidades, incidan ou condicionen relevantemente os das devanditas administracións ou sexan concorrentes ou complementarios dos destas.

O texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, no seu artigo 69, establece que as competencias compartidas ou concorrentes poderán ser exercidas conxuntamente pola Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma e a local, mediante a constitución de entes instrumentais de carácter público ou privado.

Terceiro. En virtude do establecido no artigo 10 da LSG, a Axencia exercerá as competencias que lle sexan delegadas polos concellos consorciados.

Neste sentido, o artigo 9 dos estatutos da Axencia, aprobados por Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, dispón que a adhesión necesariamente producirá a atribución á Axencia das competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio integrado voluntariamente na Axencia, nos supostos que determine a lei urbanística autonómica, segundo se estableza no convenio de adhesión.

Cuarto. Este convenio de adhesión obtivo a aprobación previa do Pleno da Corporación Municipal de Cervantes, en sesión que tivo lugar o 30 de maio de 2016, co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da Corporación, de conformidade co disposto no artigo 10 da LSG e no artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, obtivo a aprobación da persoa titular da consellería con competencias en materia de urbanismo e ordenación do territorio, do 17 de xaneiro de 2017, de conformidade co disposto no artigo 10 da LSG.

Os intervenientes recoñecen mutua capacidade para o outorgamento do presente convenio de adhesión, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Incorporación á Axencia

O Concello de Cervantes, na provincia de Lugo, incorpórase e adhírese como membro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, asumindo os dereitos e obrigacións que disto derivan, de conformidade co estipulado no presente convenio de adhesión e co establecido nos estatutos da Axencia, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e na Lei do solo de Galicia.

Segunda. Delegación de competencias

1. O Concello de Cervantes delega na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística, establecidas nos artigos 152 e seguintes da LSG, en relación coas obras e cos usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunha das seguintes clases de solo:

a) Solo rústico ou non urbanizable en calquera das súas categorías (artigos 31 e seguintes da LSG e disposición transitoria primeira da LSG).

b) Solo urbanizable ou apto para urbanizar, mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento (artigo 27 e disposición transitoria primeira da LSG).

c) E núcleos rurais delimitados no planeamento urbanístico municipal (artigo 23 e disposición transitoria primeira da LSG).

A Axencia exercerá efectivamente estas competencias desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia.

2. Nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo Concello.

3. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados pola Axencia en exercicio de competencias delegadas corresponderalle ao Concello.

Para resolver o recurso deberá solicitarse informe da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Cando se reciba o escrito de interposición de recurso na Axencia, esta deberá remitirllo ao Concello co seu informe e unha copia completa e ordenada do expediente administrativo.

4. A delegación de competencias poderá ser revogada en calquera momento polo Pleno da Corporación, coa maioría exixida no artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. A revogación será efectiva unha vez comunicada á Dirección da Axencia e publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceira. Contribución ao sostemento da Axencia

1. O Concello contribuirá ao sostemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coas seguintes achegas económicas:

a) O 50 % do produto das multas coercitivas impostas pola Axencia para a execución das ordes de reposición da legalidade ditadas no exercicio das competencias delegadas polo Concello;

b) E o 50 % do importe das sancións impostas pola Axencia aos responsables de infraccións urbanísticas, en exercicio das competencias delegadas polo Concello.

2. O importe das multas coercitivas e das sancións impostas pola Axencia en exercicio de competencias delegadas polo Concello serán ingresadas polos suxeitos obrigados directamente na conta xeral da Axencia. No suposto de que non sexan aboadas en período voluntario, a Axencia solicitará da Consellería de Facenda o seu cobramento pola vía de constrinximento.

Ao finalizar cada exercicio anual, a Axencia transferirá ao Concello unha cantidade equivalente ao 50 % dos ingresos percibidos polas sancións impostas en exercicio das competencias delegadas.

Cuarta. Obrigacións asumidas polo Concello

O Concello de Cervantes asume as seguintes obrigacións:

a) Prestar a cooperación e asistencia activa que a Axencia lle solicite para o exercicio eficaz das súas competencias;

b) Facilitarlle ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o cumprimento adecuado das súas funcións;

c) Prestar o auxilio da Policía local para facilitar as inspeccións, executar as ordes de precinto de obras e identificar os responsables de posibles infraccións;

d) Absterse de outorgar licenzas urbanísticas que impliquen a legalización de obras e usos do solo respecto dos que a Axencia ordenase a súa demolición, cesamento ou restauración da realidade física alterada;

e) Solicitar informe da Axencia previamente á resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados en exercicio das competencias delegadas polo Concello;

f) Contribuír ao sostemento económico da Axencia nos termos establecidos no presente convenio de adhesión;

g) E respectar as estipulacións do presente convenio e o establecido nos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro.

Quinta. Programa de incorporación

A incorporación do Concello á Axencia será efectiva desde o día seguinte ao de publicación deste convenio no Diario Oficial de Galicia.

Os expedientes relativos ás obras en execución nas materias que son obxecto de delegación deberán ser remitidos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no prazo dun mes desde a data de entrada en vigor deste convenio.

Sexta. Prazo de vixencia do convenio

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o seu prazo de vixencia será indefinido.

A resolución do presente convenio producirase no suposto de que o Concello de Cervantes perda a condición de membro da Axencia por calquera da causas que se establecen no artigo 12 dos estatutos da Axencia e cos efectos que o mesmo artigo dispón.

Sétima. Interpretación do convenio

As controversias que puidesen xurdir na interpretación do presente convenio e a súa aplicación serán resoltas polo Consello Executivo da Axencia, de conformidade co disposto no artigo 10 dos estatutos da Axencia aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

E para que así conste, asinan o presente convenio de adhesión, por duplicado exemplar, no lugar e na data arriba indicados.