Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 3 de maio de 2017 Páx. 21676

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2017, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR852A).

A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental e unha das bases esenciais de convivencia democrática, valores que os poderes públicos deben garantir, non só removendo os obstáculos que impliquen ou dificulten a súa plenitude senón promovendo a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social.

Tales obxectivos son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes que cheguen, na súa virtualidade de información e incidencia na conformación da opinión e posturas, a todos os galegos.

Actualmente os medios de comunicación dispoñen de múltiples canles para informar a cidadanía, non só a través dos xornais en formato papel senón tamén a través dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica, aos cales hai que engadir a difusión da información a través da internet.

Faise necesario que o Goberno galego poña os axeitados instrumentos de financiamento ao servizo da potenciación e difusión dos medios de comunicación que, ademais de responder ás devanditas premisas e de acordo cos artigos 1, 5, 27, parágrafos 19 e 20, e demais concordantes do Estatuto de autonomía, defendan a identidade de Galicia e os seus intereses, a súa lingua, a súa cultura e, en xeral, a galeguidade entendida como vínculo histórico dos galegos de dentro e fóra de Galicia.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas a empresas xornalísticas e de radiodifusión (código de procedemento PR852A) e efectuar a convocatoria para o ano 2017.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Financiamento

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.1 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2017 por importe de 1.675.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A distribución dos créditos será a seguinte:

– Axudas a xornais impresos en formato papel: 1.255.000 euros.

– Axudas a empresas radiofónicas privadas: 266.400 euros.

– Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet: 153.600 euros.

Artigo 3. Réxime de recursos

Contra estas bases reguladoras e a convocatoria de axudas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Tipos de axuda, actuacións e gastos subvencionables

1. As axudas destinadas a empresas xornalísticas desagréganse en tres tipos de axudas:

a) Axudas a xornais impresos en formato papel.

Poderanse conceder estas axudas ás empresas xornalísticas que, cumprindo o resto dos requisitos establecidos nesta resolución, editen, publiquen e distribúan xornais impresos en formato papel co mesmo título e numeración sucesiva.

Quedan excluídas da concesión desta axuda as publicacións de distribución gratuíta.

En todo caso, deberán estar incluídas no informe do Estudo xeral de medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Axudas a empresas radiofónicas privadas.

Poderanse conceder estas axudas ás empresas radiofónicas privadas que prestan servizos de comunicación audiovisual radiofónica no territorio da comunidade autónoma, emitindo a través da correspondente frecuencia. O devandito servizo préstase para a audición simultánea de programas e contidos sobre a base dun horario de programación.

Quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas radiofónicas que non sexan titulares ou arrendatarias da correspondente licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual mediante ondas hertzianas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, deberán estar incluídas no informe do Estudo xeral de medios elaborado pola Asociación da Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

c) Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet.

Poderanse conceder axudas ás empresas xornalísticas que transmitan e difundan información diaria e periódica a través da internet.

En calquera caso, quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas de radiodifusión privadas que emitan exclusivamente a través da internet.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta resolución.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar individualmente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que se imputasen polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos destas axudas enténdese por empresas xornalísticas as persoas xurídicas que:

a) Editen e distribúan xornais diarios impresos en formato papel ou que difundan a súa actividade informativa mediante xornais dixitais a través da internet na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Como empresas radiofónicas privadas, sexan titulares ou arrendatarias dunha licenza para prestar servizos de comunicación audiovisual radiofónica en ondas hertzianas na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano anterior ao da presente convocatoria.

Adicionalmente, poden difundir a súa actividade informativa mediante a internet, de acordo co previsto nos artigos 22 e 23 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual, no que corresponde aos servizos de comunicación audiovisual radiofónicos.

Artigo 4. Beneficiarios

1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, as beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións que cumpran co obxecto destas axudas e co resto de requisitos establecidos nesta resolución.

2. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro medio de traballadores en alta de polo menos cinco traballadores e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma no ano natural anterior ao da convocatoria.

3. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns interiores de institucións, as publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.

b) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.

c) As que, ao longo do ano anterior ao da convocatoria, incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.

d) As empresas radiofónicas cun modelo de programación secuencial e repetitivo, cuxas emisións se baseen en contidos musicais.

e) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.

Artigo 5. Uso da lingua galega

1. As empresas da epígrafe a) do artigo 3 deberán empregar a lingua galega como mínimo nun 8 % do total da súa información.

2. As empresas da epígrafe b) do artigo 3 deben cumprir co disposto no artigo 10.j) do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia: «Empregar a lingua galega nas súas emisións de forma que o 50 %, como mínimo, do tempo de programación sexa en lingua galega. O uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horarias. Non obstante, para as emisoras que actualmente formen parte das cadeas de ámbito estatal, aplicarase a porcentaxe arriba sinalada nas desconexións que se realicen dentro do ámbito da Comunidade Autónoma galega».

3. As empresas deben cumprir co establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Así mesmo, deben cumprir coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12.7.2003.

4. Nas informacións redactadas en castelán respectarase a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo.

Introducirase a oferta positiva establecida no Plan xeral de normalización da lingua galega, cando menos na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública. Para estes efectos, a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

Artigo 6. Competencia.

A competencia para resolver o procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, de acordo co establecido na disposición adicional segunda.un.c) do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas obrigadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da persoa xurídica solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día das súas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día das súas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

f) Certificado acreditativo de estar dado de alta no imposto sobre actividades económicas (IAE).

En ausencia de oposición da persoa interesada, solicitaranse os documentos electronicamente a través de pasaXe! ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para os efectos.

No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta deberá indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

2. A Secretaría Xeral de Medios publicará na súa paxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren interpoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Documentación complementaria que hai que presentar coa solicitude

1. Documentación común. Coa solicitude (anexo II) achegarase:

a) Documentación fidedigna acreditativa da representación.

b) Certificación actualizada ao ano da convocatoria da inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do cadro medio de traballadores en situación de alta durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Documentación especifica:

I. Axudas a xornais impresos en formato papel.

a) Memoria descritiva das actividades durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, en que se fagan constar os números publicados e/ou o número de traballos ou artigos escritos en lingua galega. Incluirá o número de exemplares difundidos da publicación de que se trate (anexo III).

b) Certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), para os efectos de xustificar a difusión declarada na letra anterior. Na súa falta, calquera outra documentación que o acredite.

II. Axudas a empresas radiofónicas privadas.

a) Memoria descritiva das actividades durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, en que se faga constar a programación, especificando que parte se realiza en lingua galega. Incluirá unha relación das emisoras, coas súas frecuencias, para as que se solicita a subvención (anexo III).

b) Informe do Estudo xeral de medios, para acreditar a audiencia acumulada de cada emisora relacionada na letra anterior, no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

III. Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet.

a) Memoria descritiva das actividades durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, en que se faga constar os números publicados e/ou o número de traballos ou artigos escritos en lingua galega. Incluirá o número de visitas efectuadas (anexo III).

b) Certificacións expedidas por unha entidade de control da difusión, para os efectos de xustificar o número de visitas efectuadas, declarada na letra anterior. Na súa falta, calquera outra documentación que o acredite.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase obrigatoriamente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reúne algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Medios.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral de Medios mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Medios, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través do correo electrónico axudas.medios@xunta.gal

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A unidade administrativa que teña asignada a función de xestión de axudas e subvencións relativa aos medios informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse do solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que poida resultar necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, se for o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria, serán remitidos á comisión de valoración regulada no artigo seguinte.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe en que se especificarán as solicitudes admitidas, a avaliación que lles corresponde, así como o importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente: unha persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de medios de comunicación.

b) Vogais:

– Unha persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de política lingüística.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación con categoría non inferior á de xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria proposta polo órgano competente en materia de política lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.

c) Secretario/a: unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 14. Criterios de cuantificación das axudas

1. A valoración das solicitudes presentadas, tendo en conta o período a subvencionar de cada beneficiario e medio de comunicación, realizarase de acordo cos seguintes criterios:

I. Axudas a xornais impresos en formato papel.

a) Criterio referido á difusión de exemplares.

A distribución do crédito farase en proporción directa aos exemplares difundidos da publicación obxecto da avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta os exemplares difundidos por cada xornal dos beneficiarios, en relación co número total difundido por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido ao uso da lingua galega.

Para o cálculo individualizado do importe utilizarase a porcentaxe declarada na solicitude, restando ao mínimo establecido como requisito no artigo 5. Esta porcentaxe aplicarase tendo en conta o número de exemplares difundidos por cada xornal dos beneficiarios.

c) Criterio referido á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura. Esta porcentaxe aplicarase tendo en conta o número de exemplares difundidos por cada xornal dos beneficiarios.

II. Axudas a empresas radiofónicas privadas.

O importe máximo de axuda por solicitude será de 90.000 euros. Anularase o remanente de crédito que se poida crear como consecuencia deste importe máximo.

a) Criterio referido ao número de oíntes.

A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de oíntes do medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de oíntes de cada un dos medios dos beneficiarios en relación co número total de oíntes de todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido ao uso da lingua galega.

Para o cálculo individualizado do importe utilizarase a porcentaxe declarada na solicitude, restando ao mínimo establecido como requisito no artigo 5. Esta porcentaxe aplicarase tendo en conta o número de oíntes de cada un dos medios dos beneficiarios.

c) Criterio referido á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura. Esta porcentaxe aplicarase tendo en conta o número de oíntes de cada un dos medios dos beneficiarios.

III. Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet.

a) Criterio referido ao número de visitas.

A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de visitas que reciba o medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de visitas que reciba cada un dos medios dos beneficiarios en relación co número total de visitas que reciben todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido ao uso da lingua galega.

Para o cálculo individualizado do importe utilizarase a porcentaxe declarada na solicitude, restando ao mínimo establecido como requisito no artigo 5. Esta porcentaxe aplicarase tendo en conta o numero de visitas que reciba cada un dos medios dos beneficiarios.

c) Criterio referido á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura. Esta porcentaxe aplicarase tendo en conta o número de visitas que reciba cada un dos medios dos beneficiarios.

2. O crédito asignado para cada tipo de axuda distribuirase entre os criterios de valoración das solicitudes de acordo coa seguinte táboa:

 % de repartición do crédito segundo os criterios de valoración

Tipo de axuda

Difusión exemplares/Núm. oíntes/Núm. visitas

Uso da lingua galega

Normalización da lingua

Axudas a xornais impresos en formato papel

74 %

24 %

2 %

Axudas a empresas radiofónicas privadas

74 %

24 %

2 %

Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet

74 %

24 %

2 %

Artigo 15. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor remitirá o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución ao titular do órgano competente en materia de medios, o cal, ditará a correspondente resolución.

A resolución motivarase de conformidade co establecido nestas bases reguladoras, concedendo ou denegando a axuda, e expresará, polo menos, a súa contía e, de ser o caso, a causa da denegación.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre este prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios poñerán fin á vía administrativa, polo que contra elas poderán interpoñer os interesados os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución obxecto de impugnación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Xustificación e pagamento

1. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto nos artigos 48, 50 e 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación nos termos que se establezan na resolución de concesión, nun prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da súa notificación. Utilizaranse os modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta resolución, incluíndo, en todo caso:

I. Documentación específica. Conta xustificativa.

i) Para as empresas beneficiarias dunha axuda igual ou superior a 30.000 euros.

a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas obxecto da subvención que conterá unha relación dos gastos e investimentos da actividade, así como os custos indirectos que se asignan á actividade subvencionada.

b) Informe dun auditor de contas, designado polo beneficiario, que revise a conta xustificativa. En todo caso, no informe debe quedar acreditado que o importe da axuda concedida é inferior aos custos xerados pola difusión das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións encamiñadas a defender a identidade de Galicia e dos seus intereses, a promoción dos seus valores, a normalización da súa lingua ao afondar e difundir a súa cultura no exercicio anterior ao da correspondente convocatoria.

ii) Para as empresas beneficiarias dunha axuda inferior a 30.000 euros.

a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas obxecto da subvención, cunha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. Se é o caso, deberán indicarse os criterios de repartición dos custos indirectos incorporados (anexo V).

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e acreditación do pagamento mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada.

II. Documentación xeral.

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos (anexo IV).

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas das distintas administracións públicas para esta mesma finalidade (anexo VI).

c) Declaración responsable de que continuou co emprego da lingua galega nas publicacións, informacións ou emisións ata a data de concesión da axuda (anexo VI).

d) As entidades beneficiarias acreditarán o uso da lingua galega e a actividade informativa orientada á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura, achegando xustificación documental referida ao ano natural anterior ao da convocatoria.

Con carácter de mostra representativa, dependendo do tipo de axuda concedida, achegaranse arquivos sonoros ou en formato pdf de dúas emisións ou publicacións mensuais, cun resumo, indicando as datas de emisión ou publicación.

e) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral de Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

f) Declaración responsable, debidamente actualizada, de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo VI).

g) Escrito de aceptación expresa da axuda. Se non se produce manifestación expresa no prazo establecido na resolución de concesión entenderase tacitamente aceptada (anexo VI).

h) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como os xuros derivados destes.

i) Calquera outra documentación que se estableza pola normativa reguladora.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o cal presentarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar unha axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Se é o caso, acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes da correspondente proposta de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. En caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) A dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

k) Continuar co uso da lingua galega nas emisións ou cabeceiras ata o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria.

l) Subministrar toda a información necesaria para que a Secretaría Xeral de Medios cumpra coas obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo do correspondente requirimento, e en virtude do disposto no artigo 4 da citada lei.

Artigo 19. Compatibilidade

As axudas previstas nestas bases serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade de Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 21. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

Terá a consideración de incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda a non xustificación dos compromisos recollidos no artigo 17.2.II.d).

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Infraccións e sancións

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Publicidade

1. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, contía concedida e finalidade da subvención, en aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non regulado nestas bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file