Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2017 Páx. 22111

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2017 pola que se anuncian os actos en conmemoración do Día das Letras Galegas.

Un dos fins da EGAP, establecido no artigo 3 da Lei 14/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, é a difusión e normalización da lingua galega. Coa finalidade de conmemorar o Día das Letras Galegas, e especialmente este ano á figura de Carlos Casares,

RESOLVO:

Anunciar a celebración dos actos en conmemoración do Día das Letras Galegas conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas de 2017 ao escritor e editor ourensán Carlos Casares (1941-2002). A EGAP, como institución pública galega, súmase á homenaxe deste galego insigne organizando un acto literario, así como unha viaxe de interese cultural.

2. Destinatarios.

No acto literario poderá participar calquera persoa interesada. Á viaxe cultural terá acceso só o persoal empregado público ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia (ata 50 prazas). No caso de presentárense máis solicitudes que prazas, terá preferencia o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

3. Desenvolvemento.

3.1. O día 12 de maio, ás 12.00 horas, no salón de actos da EGAP, celebrarase un acto literario no cal Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa recitarán fragmentos da obra de Carlos Casares.

3.2. O día 13 de maio terá lugar unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor agasallado. O programa e o percorrido poderanse consultar na páxina web da EGAP.

4. Inscrición.

As persoas interesadas en participar no acto literario deberán formalizar a súa inscrición, a través da área de matrícula da web da EGAP https://egap.xunta.gal/matricula/. O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata as 23.00 horas do día 10 de maio de 2017.

Unha vez formalizada a inscrición a que se refire o punto anterior, as persoas interesadas en participar na viaxe cultural deberán, ademais, enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, no cal se indiquen o seu nome, apelidos e datos de contacto, así como o seu vínculo de pertenza a calquera das administracións públicas de Galicia.

A inscrición na viaxe implica a obrigatoriedade de asistir ao acto literario. Para a selección da viaxe cultural terase en conta a data e a hora de recepción do correo electrónico.

5. Información sobre a selección.

A listaxe de persoas seleccionadas poderase consultar na páxina web de EGAP, así como nos teléfonos 981 54 62 41/981 54 63 31/981 54 62 39 do Servizo de Estudos, Investigación e Publicación da Escola, que atenderán calquera outra petición de información.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública