Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2017 Páx. 23027

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2017 pola que se convoca un curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), para licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No DOG do 9 de abril de 2012 publicouse o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Na data do 7 de abril de 2017 publicábase no DOG o Decreto 35/2017, do 30 de marzo, polo que se modifica o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O artigo único do Decreto 35/2017, do 30 de marzo, dispón no apartado «Un» que se engaden dúas novas letras D) e E) nos puntos 1 e 2 do artigo 6; segundo elas a acreditación da formación mínima para o exercicio da actividade de socorrismo en instalacións acuáticas, que suporá a inscrición na sección socorristas en instalacións acuáticas, poderá obterse mediante o título de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), establecido no anexo VI e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda, e o título de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), establecido no anexo VI e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda.

Por outra banda, o apartado terceiro do citado Decreto 35/2017, engade unha disposición adicional segunda pola que a Academia Galega de Seguridade Pública, nas súas propias instalacións existentes ou ben mediante contrato, convenio ou calquera outro instrumento xurídico válido con terceiro, poderá impartir os cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas e o de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais.

En consecuencia, para fomentar a realización da formación mínima e o acceso ao Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia a través de esta nova vía, anúnciase a convocatoria dun curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), para licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Actividades formativas

A actividade formativa será a que se especifica no anexo desta resolución, na cal se indica tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, número de horas lectivas, número de prazas, e datas de realización. A dita actividade formativa terá preferentemente horario de mañá e de tarde.

O curso convocado realizarase na Academia Galega de Seguridade Pública (r/ Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), sen prexuízo da realización das prácticas ou outras actividades necesarias fóra da Agasp.

De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución son as establecidas no Decreto 35/2017, do 30 de marzo, polo que se modifica o Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia (DOG do 7 de abril de 2017).

Terceira. Destinatarios/as

a) Licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte.

b) Técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas.

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Estar en posesión do título de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e non atoparse inscrito de forma definitiva no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en posesión do título de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e non atoparse inscrito de forma definitiva no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

Ademais, os interesados durante este prazo de solicitudes, achegarán mediante correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es o título de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar nalgún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de sete días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un número suficiente de solicitantes que reúna os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. A selección realizarase por orde de entrada da inscrición.

2º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Oitava. Acreditación da condición de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas

Os interesados durante este prazo de solicitudes achegarán mediante correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es o título de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá requirir calquera documentación que sexa necesaria.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico, ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal ou por fax ao número 886 20 61 23, e cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Aloxamento

A Agasp proporcionará sempre que sexa posible aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es

Todo isto condicionado ás dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Agasp.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa dos cursos é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente.

A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto.

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as probas.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, ampliar o número de edicións ou prazas, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 4 de maio de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia (CAFDO-EAN)

Denominación do curso

Núm. de edicións

Horas lectivas

Prazas
por edición

Datas

Horario

Curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia (CAFDO-EAN)

1

270

25

Do 26 de maio ao 11 de xuño

Venres e sábado (mañá e tarde) e domingos pola mañá