Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2017 Páx. 23305

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2017, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convocan os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (Lomce), fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo; capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de maneira diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia é, polo tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dáse acollida ao programa Galicons-net a través do Plan Proxecta, para favorecer a integración das metodoloxías innovadoras a través dos distintos programas e temáticas.

En consonancia con estes principios, o programa Galicons-net ten como obxectivo o desenvolvemento das competencias clave e da educación en valores a través da realización dun proxecto de innovación educativa en materia de consumo responsable.

O programa Galicons-net tenta potenciar a educación para o consumo responsable nos centros docentes non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como motivar un traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado nas distintas etapas educativas, e permite formar cidadáns e cidadás que se poidan desenvolver na sociedade dunha maneira responsable, solidaria e con sentido crítico, dando preferencia ao «ser» fronte ao «posuír».

Co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polo alumnado e o profesorado no programa Galicons-net e fomentar a participación de novos centros docentes nesta iniciativa conxunta do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na promoción da educación en materia de consumo responsable no ámbito do ensino, establécese a incorporación dunha dotación económica para premiar os proxectos que mellor potencien o consumo responsable en cada centro docente.

Por todo iso, como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e como directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

DISPOÑEMOS:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código do procedemento IN116A).

Artigo 2. Destinatarios

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2016/17 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Artigo 3. Categorías de participación

1. Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.

2. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.

3. Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas. Os centros con alumnado pertencente a varias categorías de participación deberán seleccionar unha das categorías sinaladas, segundo aquela que mellor represente o traballo realizado no centro. No caso de que non se seleccione ningunha categoría de participación, entenderase que o centro se presenta na categoría de participación correspondente ao alumnado de maior nivel académico.

Artigo 4. Características dos proxectos

1. Os centros deberán realizar un proxecto de innovación educativa sobre unha ou varias das seguintes temáticas de consumo responsable que mellor se adapte ás súas necesidades.

a) Consumo e xénero:

– Xoguetes, xénero e publicidade.

– Impacto das relacións de xénero no consumo.

– Consumo e xénero: onte, hoxe e mañá.

b) Linguaxe publicitaria:

– Publicidade na miña contorna.

– Publicidade dirixida á adolescencia.

– Publicidade: onte, hoxe e mañá.

c) Comercio electrónico:

– Hábitos de consumo de comercio electrónico.

– Seguridade no comercio electrónico.

– Comercio electrónico: onte, hoxe e mañá.

d) Servizos financeiros:

– Tipoloxía dos servizos financeiros: captación e investimento.

– Identificación de servizos inseguros: créditos rápidos e cláusulas abusivas.

– Servizos financeiros: onte, hoxe e mañá.

2. O proxecto deberá incluír un título directamente relacionado coa temática seleccionada.

3. O proxecto deberá concretar o proceso de aprendizaxe na elaboración dun produto final que permita expoñer o coñecemento adquirido e o traballo realizado. Terá formato libre e formalizarase a través de calquera tipo de soporte (textual, audiovisual, informático, virtual, gráfico, campaña de concienciación...).

4. O proxecto deberá basearse nun traballo colaborativo entre o alumnado e guiado polo profesorado.

5. O desenvolvemento do proxecto en cada centro deberá servir para acadar os seguintes obxectivos específicos:

a) Concienciar o alumnado da súa condición de persoa consumidora, iniciándoo no funcionamento dunha sociedade de consumo responsable.

b) Fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada, de forma que poida elixir, con pleno coñecemento, entre os bens e servizos que están ao seu dispor e coñecer os seus dereitos e deberes como persoa consumidora.

c) Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

Artigo 5. Apoio aos centros docentes para a realización dos proxectos

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrécelles aos centros docentes o asesoramento que precisen para a realización dos proxectos, que poderán solicitar póndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 6. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Debido á actividade profesional, económica e social que desempeñan as persoas físicas que sexan titulares dun centro docente, tanto no ámbito da educación como na xestión dos servizos vinculados á propia actividade educativa, considérase que as persoas físicas que sexan titulares de centros educativos teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Os proxectos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro conforme o modelo que figura como anexo I desta resolución.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Estará elaborada en galego. Terá unha extensión máxima de 5 páxinas; contará, de forma resumida, o traballo realizado para a elaboración do proxecto e estruturase da seguinte maneira:

– Portada, que debe indicar o título do proxecto e a temática de traballo escollida.

– Índice paxinado.

– Corpo da memoria, que debe explicar de forma resumida as seguintes cuestións relativas ao desenvolvemento do proxecto:

• Os obxectivos iniciais marcados e o nivel de cumprimento.

• As distintas fases do proxecto.

• As conclusións obtidas coa realización do proxecto.

• Os materiais e os produtos creados no proxecto.

• O grao de participación dos axentes implicados na realización do proxecto (profesorado, alumnado, familias, resto da comunidade educativa).

– Anexo bibliográfico, fotográfico e virtual (coas ligazóns ás páxinas en que se poida visualizar o traballo desenvolvido, se é o caso).

c) Documentación, en formato físico ou dixital, que permita visualizar os produtos elaborados.

2. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de xuño de 2017.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante ou representante (DNI ou NIE).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia deles, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 13. Premios

Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.

Artigo 14. Certificación e recoñecemento

1. Ademais dos premios, os centros recibirán un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. A persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Artigo 15. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Unha persoa asesora de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a:

A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega do Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que coide pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 16. Criterios de valoración

Para a selección dos proxectos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios e puntuacións:

1. A adecuación do proxecto ás temáticas propostas en materia de consumo: ata un máximo de 3 puntos.

2. A coherencia do traballo realizado cos obxectivos do proxecto: ata un máximo de 3 puntos.

3. A calidade, creatividade e orixinalidade dos materiais producidos: ata un máximo de 3 puntos.

4. A claridade expositiva da memoria final: ata un máximo de 1 punto.

Artigo 17. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non son resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á Presidencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non é expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 4.500 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2017, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os centros gañadores teñen a obriga de destinar os premios á adquisición de material informático.

3. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 19. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras teñen a obriga de asumir as responsabilidades que poidan resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados nos cales se poderán introducir as variacións que se consideren máis adecuadas para a súa finalidade educativa.

Artigo 20. Retirada da documentación

A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo de trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderase recorrer potestativamente, perante a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 22. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, nº 1, 3, 5, baixo, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a igc.informacion@xunta.gal.

Desenvolvemento normativo

Facúltase a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2017

Sol María Vázquez Abeal

Directora do Instituto Galego
do Consumo e da Competencia

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file