Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2017 Páx. 23766

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2017/18.

O Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o Plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1, establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Arte Dramática en desenvolvemento do citado Decreto 179/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, regula respectivamente os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características da proba específica de acceso, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2017/18. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2017/18, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso

1. De acordo co establecido no artigo 3 da citada Orde do 21 de novembro de 2016, requirirase estar en posesión do título de bacharel ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica de acceso a que se refire o artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De conformidade co establecido no artigo 4.1 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática terá por obxecto demostrar que o aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos, e axustarase ao disposto no artigo 5 da citada orde, segundo a especialidade para a que se opte.

3. De conformidade co establecido no artigo 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso faculta unicamente para a participación do aspirante no proceso de admisión a estas ensinanzas no curso para o que son convocadas e realizadas, en calquera dos centros do Estado nos que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderán presentarse á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomado poderá presentarse á dita proba se o título universitario de diplomado quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a dita proba, e no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez estean en posesión do título de bacharel, no prazo extraordinario de matrícula, se houber vacantes na quenda correspondente, e segundo os criterios de asignación establecidos nesta resolución.

Segundo. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, os/as aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Arte Dramática que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Arte Dramática, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, a realización e a cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Terceiro. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

De acordo co establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Arte Dramática, reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida, para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, e que reúna os requisitos académicos establecidos.

Cuarto. Órganos competentes para resolver os procesos de admisión

1. Acceso. Tribunais.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso, constituirase un tribunal por especialidade, que figura no anexo a esta resolución. A dirección da escola garantirá a actuación destes tribunais e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo desta resolución.

Quinto. Inscrición dos/as aspirantes ao acceso

1. A inscrición farase na secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación desta resolución e o 12 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, o centro deberá expor no seu taboleiro de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas por especialidade.

2. Para a formalización das solicitudes de admisión, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia facilitaralles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase na secretaría do centro, xunto coa seguinte documentación: título de bacharel ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba que substitúe o requisito de titulación ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude, quedando condicionada a súa admisión á superación dela.

3. O día 13 de xuño, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia exporá as listaxes provisionais de admitidos ás probas específicas no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web. Os aspirantes que non fosen admitidos ou que observen erros na listaxe poderán presentar a súa reclamación os días 14 e 15 de xuño, na secretaría da escola.

4. O día 16 de xuño, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá achegar á comisión de admisión, a través do correo electrónico sxapere@edu.xunta.es, a relación definitiva de inscritos para o acceso e admisión, ordenada alfabeticamente, con apelidos, nome, documento nacional de identidade, NIE ou pasaporte, segundo proceda; proba ou probas que deban superar, especialidade/s dos estudos superiores de Arte Dramática aos que opte.

5. O día 19 de xuño, a relación definitiva das persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da escola, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es

Sexto. Desenvolvemento das probas

As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016, e darán comezo o día 26 de xuño, de acordo co calendario que para tal efecto establezan os tribunais en cada unha das especialidades.

Sétimo. Reclamacións e recursos

1. A cualificación das probas específicas de acceso poderá ser obxecto de reclamación dirixida ao presidente do tribunal cualificador, no prazo de dous días hábiles contados a partir do día da súa publicación. O tribunal deberá resolver sobre as reclamacións presentadas no prazo de dous días hábiles seguintes ao do remate deste prazo de reclamación.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo tribunal, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

4. Os acordos e decisións sobre a asignación de prazas poderán ser obxecto de reclamación, presentada mediante escrito fundamentado na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dirixida á comisión de acceso, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo: sxapere@edu.xunta.es

Sétimo. Admisión do alumnado

Concluída a proba específica, e antes do día 7 de xullo, os tribunais publicarán a listaxe de aspirantes presentados/as con expresión da cualificación final obtida na proba específica, e aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e remitirán a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para a súa publicación no portal educativo.

Os tribunais encargados da avaliación e cualificación da proba específica de acceso deberán resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, e publicarán o día 12 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, achegando as listaxes á comisión de admisión.

A comisión, á vista das listaxes dos aspirantes que superaron a proba de acceso, determinará, en función do número de vacantes, os aspirantes que obtiveron praza, e publicará o día 14 de xullo, no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es, a listaxe definitiva de alumnado admitido por especialidade.

Oitavo. Matrícula

1. Os/as aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días 17 e 26 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula, a escola facilitaralles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase a solicitude de matrícula na secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada polo/a aspirante. A non formalización da solicitude de matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas, que valorará a dirección da escola, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no curso académico 2017/18.

3. No caso de quedaren prazas vacantes, o centro poderá realizar probas de acceso extraordinarias no mes de setembro, de acordo co establecido nesta resolución. Para tal fin, o centro establecerá un calendario destas na primeira quincena de setembro e fará públicas as vacantes nas distintas especialidades no taboleiro de anuncios e na páxina web do centro. Finalizado este proceso, o centro comunicará á dirección xeral competente en materia de educación o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que quedasen sen cubrir.

A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun número mínimo de alumnos e alumnas admitidos. Non se cuantifica para estes efectos o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

1. Tribunal encargado da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Arte Dramática.

– Dirección Escénica e Dramaturxia.

Carmen Labella Rivas (presidenta).

Afonso Becerra Arrojo (secretario).

Daniel González Salgado.

María Trinidad Díaz Sánchez.

Leonel Joaquín García Laborde.

Suplentes:

Irene Moreira Fontán.

Joan Chiralt Bailach.

– Escenografía.

Carlos Pinilla Trujillo (presidente).

Carmen Romero Rodríguez (secretaria).

Eufrasio Lucena Muñoz.

María Jesús Ramos Calvelo.

Alejandra Montemayor Suárez.

Suplentes:

David Mortol Moreno.

María Sarmiento Rivas.

– Interpretación.

Ángeles Gayoso Diz (presidenta).

Nuria Montero Gullón (secretaria).

María Francelina Crespo Méndez.

Fernando Llera Rodríguez.

Alfonso Rodríguez Fernández.

Suplentes:

Sergio Macías Casillas.

Mónica Groba Lorenzo.

2. Comisión de admisión aos estudos superiores de Arte Dramática para o curso 2017/18.

Presidente: Juan Durán Alonso.

Secretario: Álvaro Ariño Roure.

Vogal: Manuel Francisco Vieites García.