Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 22 de maio de 2017 Páx. 24569

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 28 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión da subvención especial e da contía adicional previstas no Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral, así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo.

O Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, establece medidas para facilitar a reinserción laboral, así como axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo, que se encontren en situación de desemprego.

O artigo 6 do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, prevé a concesión directa das ditas axudas, atendendo ao seu carácter singular polo seu interese público, económico e social, derivado das particulares circunstancias económicas e sociais do colectivo de traballadores afectados, ao abeiro do disposto nos artigos 22.2.c) e 28 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A disposición adicional primeira habilita as comunidades autónomas que asumiron o traspaso da xestión realizada polo Servizo Público de Emprego Estatal en materia de traballo, emprego e formación para ditar normas de procedemento e bases reguladoras para adaptar a concesión das axudas especiais á súa propia organización.

En virtude da citada habilitación, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4 de outubro de 2011 a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvención ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro.

Posteriormente, mediante o Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro, modificouse o Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, establecendo unha axuda adicional para os citados traballadores para os exclusivos efectos de financiar a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social para cubrir a perda do nivel de cotización que puidesen sufrir tales traballadores como consecuencia da perda de emprego.

Mediante a Orde do 31 de outubro de 2013 modifícase a Orde do 20 de setembro de 2011, para os efectos de regular a dita axuda adicional e introducir algunha modificación procedemental destinada a clarificar e axilizar a tramitación dos expedientes de subvención.

No momento actual faise necesaria a adaptación deste procedemento con dous obxectivos. Por unha banda, actualizar o procedemento para presentar solicitudes tanto para o restablecemento da subvención especial como para novas persoas solicitantes da contía adicional. Por outra banda, é necesario regular o prazo para presentación da solicitude da contía adicional admitindo o dereito das potenciais persoas beneficiarias a presentala en calquera momento posterior ao cumprimento dos requisitos exixidos, así como a contía que terá dereito a percibir en función do momento en que realice a súa solicitude.

Polo tanto, con esta orde preténdese regular un procedemento de concesión directa, aberto e permanente, aplicable tanto para o recoñecemento inicial do dereito á subvención como para a renovar a súa percepción, nos supostos de suspensión desta.

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establece o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación. As funcións e servizos transferidos foron asumidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

O Decreto 175/2016, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, establece que a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral asumirá o deseño, planificación e execución das medidas dirixidas á prestación dos servizos previstos na carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego, na Estratexia española de activación para o emprego, a confección e execución dos correspondentes plans anuais de políticas de emprego, así como a formulación de propostas de inclusión de medidas e programas concretos.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia do procedemento de concesión directa da subvención especial (TR361A) e da contía adicional (TR361B) previstas no Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral, así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo, modificado polo Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro.

Artigo 2. Réxime xurídico

Estas subvencións axustaranse, ademais de ao disposto na presente orde, ao establecido:

– No Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, modificado polo Real decreto 1783/2011, do 16 de novembro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral, así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

– Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, nos seus artigos básicos.

– Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– No Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional

– Na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– No Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

– Na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, pola que se regula o Convenio especial no sistema da Seguridade Social.

– E demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Serán persoas beneficiarias da subvención especial e/ou contía adicional, recollidas nesta orde, as persoas traballadoras afectadas polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, ou 25/2001, do 31 de xullo, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter 52 ou máis anos.

b) Estar desempregado, non ocupado e inscrito como demandante de emprego nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

c) Non ter dereito ao gozo da prestación por desemprego de nivel contributivo ou, en caso de ter dereito a esta, tela esgotada.

d) Para percibir a contía adicional, ter subscrito o convenio especial coa Seguridade Social que se regula no artigo 5 bis do citado Real decreto 196/2010.

2. Serán persoas beneficiarias as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos do número 1 anterior e os demais establecidos nesta orde, permanezan en situación de desemprego desde a extinción dos seus contratos polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo. Así mesmo, poderanse beneficiar das ditas subvencións as persoas traballadoras que, con posterioridade aos citados expedientes de regulación de emprego, realicen traballos por conta allea ou por conta propia e se produza a extinción do traballo por conta allea ou o cesamento da actividade por conta propia con anterioridade ao 28 de febreiro de 2010 ou con posterioridade á dita data, e quedasen en situación de desemprego. Se a causa da finalización da actividade por conta propia ou allea fose por vontade da persoa traballadora aplicarase, de ser o caso, o previsto no parágrafo seguinte.

Non se terá dereito á subvención no suposto de que a persoa traballadora extinguise o seu contrato por conta allea ou cesase na súa actividade por conta propia, por vontade propia sen causa xustificada no prazo dos tres meses anteriores ao 28 de febreiro de 2010 ou con posterioridade á dita data.

3. Cando a persoa solicitante reúna os requisitos indicados no punto 1, agás a letra c), e estea a percibir a prestación contributiva por desemprego, o dereito ao gozo das axudas recollidas na presente orde comezará a partir do día seguinte á extinción da citada prestación.

4. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes:

a) Permanecer inscritas como desempregadas nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia e seguir estando dispoñibles para aceptar unha colocación que resulte axeitada á súa capacidade laboral e condicións socioprofesionais e para participar en actuacións dirixidas a favorecer a súa inserción laboral. O rexeitamento inxustificado de accións de inserción laboral suporá a perda do dereito á subvención.

b) Facilitar toda a información e documentación que lles sexa requirida en calquera fase do procedemento polos órganos de tramitación ou control da Administración, tanto para os efectos de acreditar o cumprimento dos requisitos para o recoñecemento do dereito como para manter o dereito á súa percepción.

c) Comunicarlle ao Servizo Público de Emprego de Galicia calquera variación que se produza respecto das circunstancias tidas en conta no momento da concesión, así como en relación aos requisitos exixidos para manter o dereito á percepción da subvención especial e contía adicional ou dos compromisos e obrigas asumidos pola persoa beneficiaria.

d) Comunicarlle ao Servizo Público de Emprego de Galicia o inicio de calquera traballo, ou ben o pase á situación de pensionista por xubilación ou por incapacidade permanente nos graos de incapacidade permanente absoluta para todo tipo de traballo ou grande invalidez, co fin de interromper o pagamento da subvención.

e) Comunicar a solicitude ou concesión de calquera outro tipo de axuda para a mesma finalidade que se subvenciona.

f) Cumprir as obrigas impostas pola lexislación específica aplicable.

Artigo 5. Criterios de concesión

A concesión destas subvencións estará supeditada en todo caso á dispoñibilidade de crédito para este fin, tendo en conta o establecido no artigo 10 do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, respecto dos libramentos de fondos por parte do Servizo Público de Emprego Estatal.

A subvención especial e/ou a contía adicional outorgaranse por orde de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, desde que o expediente estea completo e en función do cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde.

Artigo 6. Contía e remuneración

1. A contía da subvención especial será de 3.000 euros anuais e os períodos inferiores ao ano ratearanse. No caso de persoas traballadoras que non puidesen ser recolocadas nun prazo de 24 meses desde o comezo da percepción desta subvención, a contía da subvención será de 5.500 euros anuais.

Desde o 1 de xaneiro de 2012 e con efectos do 1 de xaneiro de cada ano, estas contías actualizaranse, con respecto ás do ano anterior, na mesma porcentaxe en que varíe a contía do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Así mesmo, as persoas traballadoras consideradas no artigo 3 terán dereito a percibir a cantidade adicional establecida no artigo 5.bis do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, segundo a modificación realizada polo Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro, para os exclusivos efectos de financiar a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social pola perda do nivel de cotización que puidesen sufrir esas persoas traballadoras como consecuencia da perda de emprego.

O importe desta cantidade adicional non poderá ser superior á contía que corresponda cotizar respecto á base de cotización do convenio especial que se vai subscribir de acordo co disposto na letra b) do artigo 5.bis do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, segundo a modificación realizada polo Real decreto 1783/2011, do 16 de decembro.

A elección da base de cotización do convenio especial efectuarase de forma que non resulte superior ao 85 % do termo medio das bases de cotización, durante os doce meses anteriores ao cesamento no traballo, como consecuencia dos referidos expedientes de regulación de emprego, coas actualizacións ou incrementos que procedan, de acordo co disposto no artigo 6.2.1 da Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro. Para o caso de que existise obriga de cotizar por parte das persoas beneficiarias de subsidios por desemprego, a base de cotización non será superior á diferenza entre a base que resultase da aplicación da dita porcentaxe e a base pola cal cotice en cada momento o Servizo Público de Emprego Estatal á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. A subvención especial e a cantidade adicional, sen prexuízo do previsto no artigo 15, devindicaranse desde que a persoa traballadora reúna os requisitos establecidos para cada suposto e retrotraeranse os seus efectos, como máximo, ata o día 28 de febreiro de 2010, e ata o día inmediato anterior a aquel en que cumpra a idade ordinaria de xubilación, adquira a condición de pensionista de incapacidade permanente ou por xubilación de forma anticipada, conforme a normativa da Seguridade Social aplicable en cada caso, ou concorra calquera outra causa das previstas nesta orde, de extinción ou suspensión desta subvención especial.

3. Unha vez recoñecido o dereito á percepción da subvención especial e/ou da contía adicional, a súa aplicación estenderase polo período de tempo establecido no número anterior, sempre que se manteñan os requisitos, e con aplicación dos supostos de suspensión, renovación e extinción recollidos nesta orde.

Artigo 7. Suspensión, renovación e extinción

1. A realización por parte da persoa beneficiaria dun traballo por conta allea ou por conta propia dará lugar á suspensión da percepción da subvención especial e/ou da contía adicional durante a realización dos ditos traballos. Cando se produza a extinción do traballo por conta allea ou o cesamento da actividade por conta propia, poderase continuar coa percepción da subvención, logo de solicitude do interesado, agás cando a extinción ou o cesamento da actividade se deba a causas imputables á vontade da persoa traballadora sen causa xustificada. Esta suspensión interromperá o cómputo do período de 24 meses establecido no parágrafo primeiro do artigo 6, número 1.

2. Extinguirase o dereito á percepción da subvención especial e/ou contía adicional polo paso da persoa traballadora beneficiaria ás situacións de xubilación, de pensionista por incapacidade permanente, de xubilación anticipada, por falecemento ou pola concorrencia de calquera outra causa que derive desta orde ou do resto de normativa que resulte de aplicación.

3. O rexeitamento inxustificado para participar en calquera das medidas para facilitar a reinserción laboral que se establecen no artigo 4 do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, suporá a perda do dereito á subvención.

Artigo 8. Financiamento

1. O financiamento da subvención especial e da contía adicional efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.41.322A.480.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou aplicación que a substitúa, procedentes de transferencias de fondos do Servizo Público de Emprego Estatal, que se consignan no seu orzamento, tal e como establece o artigo 3.2 do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro.

A súa concesión estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia no momento da adquisición do compromiso.

2. Para os efectos do disposto no número anterior, durante a vixencia do programa darase publicidade ao crédito destinado á concesión das axudas previstas nesta orde para a anualidade correspondente, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Para o exercicio 2017 este crédito será o aprobado pola Resolución do 23 de marzo de 2017 por un importe de 250.000 euros na aplicación orzamentaria 09.41.322A.480.2, proxecto 2013 00544, que poderá ser ampliado en función das necesidades e dos fondos transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

3. As ditas consignacións estarán supeditadas ás modificacións orzamentarias que se poidan realizar como consecuencia de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.

Artigo 9. Compatibilidade

As persoas traballadoras obxecto das medidas reguladas nesta orde poderán tamén selo das demais políticas activas de emprego establecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10. Iniciación do procedemento de concesión

1. As subvencións previstas nesta orde tramitaranse en réxime de concesión directa, segundo o establecido no artigo 6 do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, atendendo ao seu carácter singular polo seu interese público, económico e social derivado das particulares circunstancias económicas e sociais do colectivo das persoas traballadoras afectadas polos expedientes de regulación de emprego mencionados no artigo 1, ao abeiro do disposto nos artigos 22.2.c) e 28 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, 67 do seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

2. O procedemento iniciarase por instancia da persoa interesada mediante a presentación da correspondente solicitude, e será aplicable tanto para o recoñecemento inicial do dereito como para a renovación da percepción nos supostos de suspensión establecidos.

Artigo 11. Presentación de solicitudes

As solicitudes da subvención especial e/ou contía adicional, tanto para o recoñecemento inicial do dereito como para a súa renovación, deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para o caso de solicitar a axuda especial, ademais do anexo I debidamente cuberto:

Copia da resolución do expediente de regulación de emprego onde conste a persoa traballadora.

Certificado expedido polo Servizo Público de Emprego Estatal, relativo ao recoñecemento e extinción por esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo. No caso de non ter dereito á dita prestación, certificado neste sentido expedido polo mesmo Servizo Público de Emprego Estatal.

Documentación acreditativa da capacidade do representante legal da persoa solicitante para actuar no seu nome e na súa representación.

Comunicación empresarial en que conste a extinción do traballo por conta allea ou acreditación do cesamento da actividade por conta propia por causas alleas á vontade da persoa solicitante no caso de extinción do traballo por conta allea ou cesamento da actividade por conta propia.

b) Para o caso de solicitar a cantidade adicional para o financiamento do convenio especial, ademais do anexo II debidamente cuberto:

– Resolución da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de concesión do convenio.

– Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de que a base de cotización subscrita no convenio especial non supere o máximo establecido no artigo 6 desta orde.

– Copia do convenio especial subscrito.

– Comunicación empresarial en que conste a extinción do traballo por conta allea ou acreditación do cesamento da actividade por conta propia por causas alleas á vontade da persoa solicitante no caso de extinción do traballo por conta allea ou cesamento da actividade por conta propia.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Se do exame da solicitude se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para tramitar estes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Certificación que debe emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Certificación que debe emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Certificación que debe emitir a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Declaracións responsables

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable relacionada cos seguintes aspectos:

a) O cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3 desta orde.

b) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Non incorrer en ningunha das circunstancias que impiden obter a condición de beneficiario previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 15. Prazo de presentación

1. O prazo ordinario de presentación de solicitudes será de dous meses desde que se cumpran os requisitos establecidos nesta orde.

Cando a percepción da subvención especial e/ou contía adicional estean suspendidas conforme o disposto no artigo 7.1, o prazo de dous meses para solicitar a súa renovación comezará a contar a partir do día seguinte ao da extinción do traballo por conta allea ou do cesamento de actividade por conta propia.

Cando a persoa solicitante estea a percibir a prestación contributiva por desemprego, o prazo de dous meses comezará a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza a extinción da dita prestación.

No caso de que se presentase a solicitude fóra do prazo de dous meses establecido no presente artigo, esta será admitida tendo en conta que o inicio do dereito á percepción da subvención especial e/ou contía adicional, ou a súa renovación, se producirá desde o día da presentación.

2. No caso concreto do recoñecemento inicial da subvención especial, a vixencia do dereito ao seu recoñecemento rematou o día 27 de febreiro de 2012. As persoas solicitantes que nesta data cumprían os requisitos, excepto o do artigo 3.1.c (estaban a percibir a prestación contributiva por desemprego), disporán do prazo de dous meses para solicitar a axuda contados a partir do día seguinte á extinción da citada prestación. Esta limitación non se aplica aos casos de suspensión e renovación nin á solicitude inicial da contía adicional.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas a presentar electronicamente as solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que poderán solicitar das persoas interesadas a achega adicional dos documentos ou datos aclaratorios que consideren necesarios para resolver sobre a solicitude presentada e realizarán cantas actuacións consideren necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba ditar resolución, e formularán a correspondente proposta de resolución, logo de comprobación do cumprimento dos requisitos por parte da persoa solicitante.

Artigo 18. Resolución de concesión

1. O recoñecemento do dereito á subvención corresponde, dentro dos seus respectivos ámbitos, ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por delegación da persoa titular da dita consellería mediante resolución na cal se fará constar que a persoa traballadora reúne os requisitos para poder ser beneficiaria da subvención.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución procedente será de tres meses contados desde o día seguinte á data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

4. Transcorrido o prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, entenderase desestimada a pretensión por silencio administrativo, sen prexuízo de que exista a obriga legal de resolver sobre a solicitude.

5. A resolución de concesión das axudas fixará expresamente a súa contía, incorporará as condicións, obrigas e determinacións accesorias a que se debe suxeitar o beneficiario e notificaráselles ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común.

6. As resolucións que se diten ao abeiro desta convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas poderán as persoas interesadas interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza a desestimación por silencio administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 10.1.a) e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ou, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza a desestimación por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común.

7. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

8. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. A xustificación por parte das persoas beneficiarias das subvencións percibidas axustarase ao establecido no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no capítulo II do título II do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nas súas normas de desenvolvemento.

2. A subvención será concedida e pagada logo de xustificación, por parte da persoa beneficiaria, do cumprimento dos requisitos indicados nesta orde, sen prexuízo dos controis que se poidan establecer para verificar o seu mantemento.

No caso da subvención especial, que se concede en atención á concorrencia dunha determinada situación da persoa perceptora, a xustificación consistirá na acreditación da dita situación na forma prevista na presente orde previamente á resolución da concesión.

A xustificación da subvención en concepto de cantidade adicional realizarase mediante a presentación do xustificante bancario ou calquera outro medio que acredite suficientemente o aboamento das cotas relativas ao convenio especial por parte da persoa beneficiaria.

3. Recoñecido o dereito á percepción da subvención, o pagamento producirase por períodos mensuais, sempre que se achegue a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3 e sen prexuízo de que se liquide dunha soa vez o período transcorrido desde a xeración do dereito ata o seu recoñecemento.

Non obstante o anterior, o pagamento poderase realizarse desde o momento en que exista constancia da transferencia de fondos do Servizo Público de Emprego Estatal á Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento destas axudas.

4. Non se poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, mentres sexa debedora de reintegro ou se no correspondente expediente non consta o cumprimento da súa obriga de comunicar as subvencións solicitadas e obtidas para a mesma finalidade.

5. Corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por delegación da persoa titular da dita consellería, o recoñecemento da obriga e a proposta de pagamento destas axudas.

Artigo 21. Resolución de incidencias

Corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria resolver as incidencias que se produzan, tales como prórrogas de prazos, modificacións xustificadas ou calquera outra variación das condicións particulares da concesión.

Artigo 22. Incumprimentos e reintegros

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a obtención da subvención especial e/ou axuda excepcional, darán lugar, á vista da natureza e causas do incumprimento, á revogación ou ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. Será de aplicación o artigo 17.3 do Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Dará lugar á obriga de reintegrar as cantidades percibidas a concorrencia das causas de nulidade da resolución de concesión recollidas no artigo 36 da Lei 38/2003, do 17 de novembro. Tamén procederá o reintegro total ou parcial e a exixencia dos xuros de demora desde a data do pagamento da subvención ata que se acorde a procedencia do reintegro desta, nos supostos recollidos no artigo 37 da citada lei.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e o seguimento do programa.

2. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que deberá efectuar o órgano concedente, se é o caso, así como a calquera outra actuación, que sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, e achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das ditas actuacións.

Disposición adicional primeira. Facultades de execución e desenvolvemento

1. Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas instrucións sexan precisas para a execución e o desenvolvemento do disposto nesta orde.

2. Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para autorizar e redistribuír os créditos orzamentarios destinados ao financiamento das axudas previstas nesta orde, e nos xefes e xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador que se sinalan nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior exerceraas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego ou, no seu defecto, de conformidade co disposto no Decreto de estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Disposición transitoria primeira

As persoas beneficiarias que tivesen concedida a subvención especial e/ou a contía adicional con carácter previo á publicación desta orde conservarán o dereito á súa percepción. Unicamente terán que presentar unha nova solicitude acolléndose á presente orde no caso de restablecemento da axuda despois dunha suspensión nos termos recollidos no artigo 7.

Disposición transitoria segunda

As persoas que, reunindo os requisitos para a concesión da contía adicional, non presentasen a correspondente solicitude dentro do prazo previsto na Orde de 20 de setembro de 2011 e este prazo estivese vencido, disporán dun prazo de presentación de dous meses a partir da entrada en vigor da presente orde. Para estas persoas a data de inicio do dereito á percepción da contía adicional será a que correspondería de presentaren a súa solicitude no día seguinte ao remate do prazo de dous meses desde o cumprimento das condicións do artigo 3 da presente orde. No caso de que presenten a solicitude con posterioridade ao vencemento do prazo que establece esta disposición, aplicarase o previsto no artigo 15 e recoñeceráselles o dereito a partir da data efectiva de presentación.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral, así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file