Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 2017 Páx. 24906

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 10 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento TR807I).

BDNS (identif.): 346606.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotores non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

2. As empresas privadas que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego (ILE).

3. As persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Segundo. Obxecto

Xerar emprego estable para as persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres; as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social e as unidades familiares con todos os seus membros en situación de desemprego, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego, mediante os seguintes tipos de axuda:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención para a formación.

c) Subvención para o inicio da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento TR807I).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dous millóns de euros (2.000.000 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 31 de xullo de 2017.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria