Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 2017 Páx. 25200

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 28 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se fai público o Plan de xestión da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, que integra territorios das comunidades autónomas de Asturias e Galicia, foi declarada o 18 de setembro de 2007 polo Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB (Persoa e Biosfera) da UNESCO, reunido en París, e desde entón forma parte da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, regula, no seu artigo 70, as características das reservas da biosfera e establece que estes espazos deberán contar, como mínimo, cunha ou varias zonas núcleo que sexan espazos naturais protexidos ou LIC, ZEC ou ZEPA da Rede Natura 2000, un programa de actuación e, finalmente, cun órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de acción e programas. O citado Programa MaB denomina a este plan de actuación, plan de xestión.

Os órganos de xestión desta Reserva da Biosfera (a Comisión de Coordinación Institucional, o Foro de Participación Social e a Comisión Xerente), de composición paritaria entre Asturias e Galicia, traballaron na elaboración do Plan de xestión da reserva. O plan identifica os obxectivos, os eixes estratéxicos, as liñas de actuación e as principais accións que se van desenvolver nos vindeiros anos, así como o financiamento previsto.

Este plan foi sometido a un proceso de participación pública, informado polo Foro de Participación Social e, finalmente, vén de ser aprobado pola Comisión de Coordinación Institucional, en sesión que tivo lugar o día 11 de abril de 2017 en Fonteo (Baleira), tal e como establece o Regulamento de funcionamento da reserva.

Para garantir a transparencia do Plan de xestión da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, e a súa plena difusión,

ACORDO:

Poñer á disposición da cidadanía o Plan de xestión da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Espazos_protexidos/Areas_protexidas_de_ambito_internacional/Reservas_da_Biosfera/seccion.html&std=Rio_Eo_Oscos_TerrasdeBuron.html

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural