Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2017 Páx. 25497

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de maio de 2017 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., con domicilio na praza de Pontevedra, número 19, na Coruña.

Feitos:

1. O 30 de marzo de 2017, a Fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 20 de febreiro de 2017, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 350, pola entidade Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., que actúa representada polo presidente do seu Consello de Administración Constantino Fernández Pico.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, ten como finalidade principal a difusión, promoción e o fomento de actividades deportivas, culturais e sociais intimamente vencelladas ao obxecto social da entidade fundadora.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Constantino Fernández Pico como presidente; Enrique Calvete Pérez como secretario, e Fernando Vidal Raposo, Juan José Jaén Rodríguez, Martín Pita López e Daniel Ramos Lobón como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 2 de maio de 2017,

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e interpoñer, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza