Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2017 Páx. 25943

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de maio de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

As políticas de acción humanitaria oriéntanse á protección da vida e da dignidade humana, ademais de aliviar, diminuír e previr o sufrimento humano en situacións de crise, nas cales existe unha especial e estendida ameaza á vida, á saúde ou á supervivencia básica, que supera a capacidade de resposta dos individuos e das comunidades.

Á acción humanitaria propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de actuación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais que senten coma un deber ético común o compromiso de traballar neste ámbito asumindo os principios de humanidade, imparcialidade, independencia e neutralidade.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de prestar axuda humanitaria en terceiros países. A axuda humanitaria e de emerxencia en caso de catástrofe natural, ou causada pola acción humana, foi recollida como obxectivo prioritario da cooperación exterior nesta lei e nos distintos plans directores da cooperación galega para o desenvolvemento que identifican a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación para o desenvolvemento, a executar de forma directa ou a través dos diferentes actores da cooperación.

No Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicado no DOG núm. 91, do 14 de maio, establécese no seu artigo 33, punto 1, as competencias da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior nesta materia.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións a proxectos de acción humanitaria no exterior.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2017 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 pola contía total de 300.000 €.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos
de acción humanitaria no exterior

Artigo 1. Obxecto

1.1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (procedemento PR811A).

1.2. Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

2.1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:

3.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento (sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) polo menos con un ano de antelación ao da publicación da convocatoria.

b) Ter xustificadas, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas para a anualidade 2015 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos de acción humanitaria. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que sobre os beneficiarios de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Ter unha duración máxima de 12 meses. A súa execución debe rematar antes do 31 de decembro de 2017 e pode estar iniciado desde o 1 de xaneiro de 2017.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios do país de execución que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo, sempre e cando se atope legalizada no país de actuación.

Non terán a consideración de contrapartes ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución do proxecto.

c) Que o proxecto estea deseñado para responder a necesidades humanitarias priorizando á poboación con base na súa vulnerabilidade, sen que se discrimine por razón de raza, sexo, relixión, cultura ou orixe.

d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria.

e) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

5.1. A solicitude de subvención presentarase no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e conforme ao que establece o artigo anterior.

5.2. As ONGD solicitantes poderán presentar un máximo dun proxecto.

5.3. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto (o de formulación técnica e do orzamento do proxecto) que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org, obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación que é necesaria presentar xunto cos documentos de formulación é:

a) Declaración responsable da persoa que ten a representación legal da entidade en que se especifiquen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo II.

b) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) e do seu socio local, da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

c) Memoria da organización solicitante e do seu socio local en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de acción humanitaria levados a cabo nos anos anteriores financiados por entidades galegas, públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona do proxecto que se presenta e coas mesmas persoas beneficiarias, ou daquelas realizadas noutras zonas pero no mesmo sector de actuación.

d) Plan/estratexia da entidade solicitante e do seu socio local para os seguintes anos en que se enmarca o proxecto presentado.

5.4. Consonte o establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, a falta de documentación e/ou información solicitada impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas letras b), c) e d) e os documentos normalizados do proxecto.

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

5.5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5.6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5.7. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5.8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día de pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Condicións de financiamento

7.1. Con cargo a esta convocatoria a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto. A subvención concedida non superará en ningún caso os 70.000 euros.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizados.

7.2. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 8. Gastos do proxecto

8.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos do proxecto.

Os gastos inventariables, de equipamentos, construción e reformas (capítulo VII) non poderán imputarse á subvención solicitada e deberán ser financiados pola entidade solicitante ou por outros financiadores.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos.

a) Alugamento de inmobles, tales como salas, estancias ou bodegas, para o desenvolvemento de capacitacións e outras actividades imprescindibles para a adecuada execución do proxecto. Non se imputarán nesta partida os gastos de alugamento da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade solicitante ou socio local. O alugamento dos locais da entidade solicitante en terreo ou do socio local imputaranse na partida de funcionamento.

b) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas: inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas; materiais de construción e transporte; obras de acceso e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento; construción de pozos e sistemas de regadíos; obras de contención e mitigación de riscos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou socio local.

c) Equipamentos e materiais.

Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, e equipamento médico, educativo, etc. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado, almacenamento e posta en funcionamento dos equipamentos, taxas aduaneiras ou portuarias, etc.

Materiais consumibles: considéranse aqueles que se consumen en prazos inferiores a un ano, tales como: material de primeira necesidade para a saúde, a hixiene, o acubillo, utensilios de cociña, materiais médico sanitarios, material de escritorio, material informático, material de formación, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, así como os gastos de transporte seguro, envío, desaduanaxe, e almacenaxe seguro deles.

Tamén se inclúe o alugamento de maquinaria e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

d) Adquisición de medios de transporte de dúas rodas e de vehículos especializados e vinculados coa actividade subvencionada (como ambulancias, cisternas de auga, etc.).

e) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:

Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española que presta os seus servizos no país, ou rexión onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela.

Persoal local: aquel persoal sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no que presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente as súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención.

Incluirase nesta epígrafe a fórmula de «diñeiro por traballo» («cash for work» en inglés) no caso de que o proxecto a inclúa como modalidade de traballo.

Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención.

En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto.

f) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de análise de necesidades, diagnósticos, capacitacións, seminarios, informes… recollidos na formulación da intervención.

g) Viaxes, estancias e axudas de custo. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade, hospedaxe e manutención do persoal e beneficiarios/as, necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros, alugamento e mantemento e reparacións de vehículos). Incorporaranse nesta partida os gastos necesarios para garantir a seguridade no traslado de persoas.

h) Funcionamento en terreo. Gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o alugamento de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 4 % do orzamento do proxecto.

i) Avaliación externa non obrigatoria realizada por persoa ou entidade de recoñecida experiencia, en Galicia ou no país de execución do proxecto, para o que se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, xuntando a documentación que a xustifique. Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, a avaliación externa poderá realizarse tras a expiración do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario. A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 3.000 euros.

j) Auditoría contable. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 2.000 euros. A auditoría será obrigatoria para proxectos cunha subvención superior a 50.000 euros e opcional no caso de subvencións iguais o menores a 50.000 euros. Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, a auditoría contable poderá realizarse tras a expiración do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.

k) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; os derivados da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se requiren na convocatoria.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local, que resultan da formulación e execución do proxecto, así como da difusión e seguimento en Galicia. Non poderán superar o 5 % do orzamento total do proxecto.

Estes gastos imputaranse á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. Como achegas pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos valorizados. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total. As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens consumibles, deben ter en conta a antigüidade.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os elementos de transporte externos, a excepción dos vehículos de dúas rodas e vehículos especializados como ambulancias, cisternas de auga, etc.

• Os gastos de alugamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, agasallos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

• As liquidacións por despido do persoal.

Artigo 9. Criterios de valoración

9.1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.

1. Experiencia relevante en actuacións de acción humanitaria (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade e poboación onde se vai executar). Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto) e asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente. Máximo: 6 puntos.

3. Estratexia de acción humanitaria da entidade para os vindeiros anos. Máximo: 5 puntos.

4. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación, con especial concreción na acción humanitaria (valorarase o traballo e presenza en Galicia, a participación en redes galegas, e o acomodo a liñas estratéxicas da Cooperación Galega). Máximo: 1 punto.

5. Achega financeira da entidade ao proxecto. Máximo: 1 punto.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 20 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de acción humanitaria, na zona ou comunidade e poboación con que se vai executar o proxecto e no sector de actuación del. Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente. Máximo: 7 puntos.

3. Achega financeira do socio local ao proxecto. Máximo: 1 punto.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións, locais ou internacionais, de xeito coordinado baixo o enfoque clúster. Máximo: 5 puntos.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 53 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre as necesidades humanitarias derivadas do contexto social, económico, político e cultural da poboación beneficiaria e da zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada e as necesidades humanitarias identificadas e descritas. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal e aplicación estándares humanitarios. Máximo: 4 puntos.

4. Financiamento. Coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

5. Recursos humanos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa das persoas e colectivos destinatarios, criterios de determinación e análise da súa vulnerabilidade, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 5 puntos.

7. Aliñamento do proxecto coas políticas e programas do país e, se é o caso, coas políticas, programas e chamamentos dos organismos de Nacións Unidas. Máximo: 5 puntos.

8. Fortalecemento da resiliencia e das capacidades locais. Aplicación do enfoque de medios de vida sustentables. Máximo: 5 puntos.

9. Coordinación e complementariedade. Máximo: 5 puntos.

10. Seguimento e conectividade, baixo o enfoque VARD (vinculación entre a axuda, rehabilitación e desenvolvemento). Máximo: 5 puntos.

11. Incorporación da perspectiva de xénero en todas as fases do ciclo do proxecto. Máximo: 3 puntos.

12. Impacto ambiental. Máximo: 3 puntos.

IV. Aspectos relacionados coa planificación estratéxica da Cooperación Galega: ata 7 puntos.

1. Proxectos de atención a crises esquecidas ou de xestión de riscos, prevención, mitigación e preparación ante desastres, así coma da xeración de resiliencia. Máximo: 4 puntos.

2. Proxectos que, a través da axuda en orixe ou en países veciños, melloren a situación das persoas refuxiadas, migrantes ou desprazadas, no marco da Crise no Mediterráneo. Máximo: 3 puntos.

9.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos será necesario acadar unha puntuación do 50 % nos puntos I, II e III.

Artigo 10. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Notificacións

11.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11.2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

11.3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

11.4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Valoración das solicitudes

13.1. Para a súa valoración constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título Preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 25 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous/dúas funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os devanditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

13.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos de cooperación no exterior será necesario alcanzar unha puntuación mínima do 50 % nas epígrafes I, II e III.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles que sexa posible.

13.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os devanditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e as leis anuais de orzamentos.

Artigo 14. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 15. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

Artigo 16. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 17. Publicidade da concesión das subvencións

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación das entidades beneficiarias, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da Cooperación Galega, de conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 18. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días declaración por escrito da aceptación da axuda, en que conste o seu compromiso de achegar directamente, ou cubrir con outras achegas, a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o devandito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 19. Anticipos

19.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % sen necesidade de exixir garantía.

19.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade, no modelo que figura como anexo III.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo modelo que figura como anexo II.

Artigo 20. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

20.1. Con base no que establece o artigo 29.3 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes. A xustificación dos proxectos realizarase sobre o seu custo total, incluíndo, se é o caso, as cantidades xeradas polo cambio no mercado monetario e os xuros bancarios.

20.2. As subvencións concedidas deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e con data límite do 31 de marzo de 2018.

20.3. Para a presentación do informe de final deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org

20.4. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura no anexo IV e que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de vinculación VARD, transferencia e xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

20.4.1. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados alcanzados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

– Informe de avaliación externa, se estaba prevista a súa realización.

20.4.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas), que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 euros e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros.

1. A conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Certificado de custos indirectos, asinado pola persoa que ostente a representación legal da entidade beneficiaria.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

e) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

2. A conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, para subvencións por importe superior a 50.000 euros e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros, incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Certificado de custos indirectos, asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

e) Informe do/da auditor/a de contas, que deberá estar inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) no caso de ser realizada por persoal sometido á lexislación española.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun/ha auditor/a de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo, sempre que no devandito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no devandito país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un/unha auditor/a establecido/a nel, sempre que a súa designación a leve a cabo o órgano concedente, ou sexa ratificada por este a proposta do beneficiario, consonte uns criterios técnicos que garantan a adecuada calidade.

A revisión da conta xustificativa polo/a auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os/as auditores/as poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables do beneficiario; nese caso, o alcance da revisión do/da auditor/a estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A presentación da auditoría como forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Finalizada a revisión da conta xustificativa, o/a auditor/a deberá emitir un informe en que detallará os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregado, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e a porcentaxe de deficiencias advertida respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto, selada e asinada polo/a auditor/a.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, debendo proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

20.4.3. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación económica os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

20.4.4. Para aquelas actuacións cuxa execución se vexa afectada por contextos sobrevidos de desastres naturais, conflito armado ou crises humanitarias que dificulten ou mesmo imposibiliten dispor da adecuada documentación soporte xustificativa do gasto, se poderá aplicar un procedemento extraordinario de xustificación económica, logo de comunicación e autorización do órgano xestor, consistente na entrega dunha declaración responsable da entidade beneficiaria da subvención, na cal se certifique o envío dos fondos e a realización da intervención concreta, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes, consonte o que establece o artigo 23 do o Decreto 29/2017, do 9 de marzo.

20.4.5. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que non sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén esta epígrafe non alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración Autonómica.

No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 23 destas bases.

20.4.6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

20.5. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia», indicando, ademais, o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada unha das entidades financeiras do proxecto. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, acompañaranse cunha relación deles en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén poderán utilizarse, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, importe, nome e apelido da persoa que presta o servizo, concepto do gasto e nome do proxecto subvencionado. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención, podendo tamén ser validada con posterioridade polo mesmo órgano sempre que este estime que a autorización se producise de terse solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A devandita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, acompañando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Os criterios establecidos para os xustificantes de gastos e de pagamentos deberán respectar as normas e especificidades dos países en que se desenvolva o proxecto.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, indicando data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.

20.6. No caso de que a xustificación, parcial ou total, dos proxectos non estiver completa ou presentase defectos, o prazo para a súa emenda e para a entrega da documentación complementaria requirida polo órgano que efectuase a revisión, será de corenta e cinco (45) días hábiles, tal e como se establece o artigo 22.2 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo.

20.7. Os impostos susceptibles de recuperación serán atendidos como un anticipo con cargo á subvención concedida en canto non sexan efectivamente recuperados. No momento da presentación da xustificación da subvención concedida achegarase, se é o caso, declaración responsable de non recuperar os devanditos impostos.

Se a recuperación destes se producir durante o prazo de execución do proxecto ou actividade, os importes recuperados serán aplicados a sufragar gastos vinculados á actividade, dentro do seu prazo de execución, sen que sexa necesaria autorización previa do órgano concedente, salvo que a súa aplicación implique cambios ou modificacións que afecten obxectivos, resultados, localización territorial, contraparte ou socio local ou poboación beneficiaria.

No caso de que a recuperación se produza nos catro anos seguintes á finalización do prazo de execución da actividade, o beneficiario poderá propor a súa aplicación a actividades asociadas ou complementarias á actuación subvencionada. O órgano concedente emitirá resolución de autorización da aplicación dos fondos, indicando o prazo de execución e a súa xustificación, salvo que o devandito órgano entenda que as actividades ás cales se pretende aplicar as cantidades recuperadas non poden ser consideradas como asociadas ou complementarias á actuación subvencionada; nese caso emitirá resolución de denegación da aplicación dos fondos. Se a resolución for denegatoria, procederase á devolución do anticipo para o pagamento dos impostos.

A obrigación de devolver á Administración concedente os impostos recuperados subsistirá durante catro anos desde a presentación da xustificación, ao cabo dos cales, de non recuperarse aínda os impostos, deberá emitirse declaración responsable que acredite a devandita circunstancia.

Artigo 21. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

21.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación de terse efectuado.

21.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

21.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

21.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, salvo causas xustificadas por motivos de seguridade que deberían ser comunicadas ao centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

21.5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia/adecuación, conectividade, coherencia, cobertura, eficacia, eficiencia, e impacto, seguindo o establecido polo CAD da OCDE na guía ALNAP.

21.6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior e acción humanitaria ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola Cooperación Española e a Unión Europea, recollendo como mínimo:

– Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

– Texto principal: comezando por unha descrición do proxecto avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

– Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

– Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos/das avaliadores/as e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

21.7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, obríganse a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o estatuto do cooperante.

Artigo 22. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, persoas beneficiarias, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Conforme o que establece o o Decreto 29/2017, de 9 de marzo, no seu artigo 21, o prazo de execución das actividades subvencionadas poderá ser ampliado automaticamente ata un máximo de tres meses, sen necesidade de autorización previa polo órgano xestor. Deberá o beneficiario comunicalo previamente ao órgano competente antes de que expire o prazo de execución inicial, sendo indistinto que se exceda o límite do correspondente exercicio orzamentario. As ampliacións do prazo de execución superiores a tres meses requirirán a autorización previa do órgano xestor.

Excepcionalmente, poderá solicitarse e outorgarse unha segunda ampliación de prazo de execución antes de expirar a primeira, fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, debendo acreditarse de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables ao beneficiario. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que o beneficiario supere as devanditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impida continuar coa execución da actividade financiada ou subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a que for outorgada a dita subvención.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade «Xunta de Galicia» situada na entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Reintegro por incumprimento

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da súa totalidade en caso de incumprimento pleno, ou á parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais a que proceda.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 25. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

26.1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puider impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

26.2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto.

Artigo 28. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15704 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: cooperacion.exterior@xunta.gal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file