Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2017 Páx. 26308

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 18 de maio de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

BDNS(Identif.): 348576.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS): (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para os efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe ou clústers empresariais apoiados no ámbito das axudas do Igape ás agrupacións (clústers) innovadoras convocadas por Resolución do 28 de xuño de 2013 (DOG núm. 127, do 5 de xullo) ou que teñan a cualificación de AEI (agrupaciones empresariais innovadoras) outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, mediante subvencións a fondo perdido a proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 18 de maio de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nestas convocatorias aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4805 e polos seguintes importes: 400.000 € con cargo ao exercicio 2017 e 300.000 € con cargo ao exercicio 2018

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica