Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2017 Páx. 26568

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2017 pola que se fan públicos o lugar e a data de realización dos exercicios da fase oposición do proceso selectivo para a cobertura de postos de traballo desta axencia mediante contratación laboral fixa, convocado pola Resolución do 20 de xaneiro de 2015.

A base 8.1.4 da Resolución desta axencia do 20 de xaneiro de 2015, pola que se convocou un proceso selectivo para cubrir postos de traballo de diversas categorías e se nomearon os membros dos tribunais, establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e data que se fixe nunha resolución da Dirección Técnica da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia (na actualidade Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos), que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa dita base, esta axencia, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no proceso selectivo para cubrir postos de traballo desta axencia mediante contratación laboral fixa, convocado pola Resolución da Dirección Técnica da Fundación Centro de Transfusión de Galicia do 20 de xaneiro de 2015, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición na data e hora que para cada categoría se indican no anexo desta resolución.

Os exames realizaranse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, sita na avenida do Burgo, s/n, Santiago de Compostela.

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de emprego público, así como na páxina web da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, as distintas aulas para a realización de probas.

Cada aspirante deberá consultar, con carácter previo, a aula que lle corresponda.

Terceiro. As persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Cuarto. Os/as aspirantes serán convocados/as nun único chamamento e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

De conformidade co establecido na base 8.1.4 da resolución da convocatoria, realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, cambiando a súa orde de realización, se for o caso.

No marco das previsións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos permitirá ás mulleres embarazadas ingresadas no mesmo día do exame facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todas as aspirantes, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, desprazará ao centro sanitario unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que previamente o xustificasen e solicitasen no fax da Dirección da Axencia 981 59 00 85 e 981 59 31 51, ata con 72 horas de antelación á data de realización dos exercicios.

Quinto. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, «smartwatch» ou soportes de memoria, e queda prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos, constituíndo causa de non admisión ao chamamento a simple tenza deles. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles ou outros soportes.

Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017

María Luisa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

ANEXO

Data

Categoría

Hora

Enfermeiro/a

8.30

Auxiliar de informática

8.30

Sábado, 1 de xullo de 2017

Médico xeral

16.30

Responsable de comunicación

16.30

Promotor da doazón

16.30

Técnico especialista de laboratorio

8.30

Auxiliar administrativo

8.30

Domingo, 2 de xullo de 2017

Técnico superior

16.30

Médico especialista en hematoloxía e hemoterapia

16.30

Condutor/celador

16.30

Auxiliar clínica/laboratorio

16.30