Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2017 Páx. 26755

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 19 de maio de 2017 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/18.

BDNS (Identif.): 348590.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Centros non universitarios sostidos con fondos públicos:

a) Centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria integrados no Plan de mellora en convocatorias anteriores.

b) Centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de nova incorporación neste programa.

c) Centros privados concertados que se integraron no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2016/17.

d) Centros privados concertados de nova incorporación neste programa a través da presente convocatoria.

Segundo. Obxecto

A través desta orde preténdese seleccionar novos centros para a súa incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias, sempre que a través do seguimento que se realiza desde a coordinación do programa e, moi especialmente, a través da memoria correspondente ao actual curso 2016/17, acaden unha valoración positiva. No caso dos centros concertados integrados na convocatoria anterior que soliciten a súa continuidade, ademais deste requisito terase en conta a correcta xustificación da axuda recibida.

As contías asignadas a través desta convocatoria, así como as axudas concedidas, teñen como finalidade incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:

a) A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.

b) O deseño de espazos, recursos e actividades cun enfoque inclusivo.

c) A incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria: espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido.

d) A súa contribución á mellora dos procesos de ensino e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.

e) O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

f) O deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.

g) A imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital.

h) A realización de actividades de formación de usuarios das bibliotecas e os seus recursos.

i) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto lector de centro.

j) O fomento da lectura e da escritura.

k) A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.

l) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.

m) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de maio de 2017 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/18.

Cuarto. Importe

Os importes destinados aos centros privados concertados teñen carácter de subvención. A dotación global de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a renovación e o funcionamento da biblioteca escolar para os centros privados concertados que resulten seleccionados a través desta convocatoria ascende a un máximo de 102.000 € e tramitarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

1. 10.60.423A.780.2, destinada á adquisición de fondos documentais, en distinto soporte, por unha contía máxima de 24.000 € para o período setembro-decembro de 2017 e de 48.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2018.

2. 10.60.423A.780.1, para a renovación de mobiliario e outros equipamentos, por unha contía máxima de 8.000 € para o período setembro-decembro de 2017 e de 16.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2018.

3. 10.60.423A.482.0, para gastos de funcionamento da biblioteca, por unha contía máxima de 2.000 € para o período setembro-decembro de 2017 e de 4.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 3 de xullo de 2017.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria