Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2017 Páx. 27321

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 16 de maio de 2017 pola que se convocan as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como dos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

BDNS (Identif.): 349428.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos de transferencias 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

2. As comunidades de propietarios/as solicitantes non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se acreditará por medio da declaración responsable do representante legal da comunidade de propietarios/as (anexo I).

3. Para poder ser beneficiaria da axuda, a comunidade de propietarios/as debe selo dun edificio que cumpra os seguintes requisitos:

a) Que teña unha antigüidade superior a 10 anos.

b) Que reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. No caso contrario, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garanten que o edificio reúne as condicións necesarias de seguridade estrutural.

Segundo. Obxecto

Esta resolución, correspondente ao procedemento VI420A, ten por obxecto convocar para o exercicio 2017 as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e os transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Orde do 20 de abril de 2016, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como dos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 88, do 10 de maio).

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2017 08 80 451A 781.0. A contía será de 1.000.000,00 euros, e destínanse para tal fin 116.695,81 euros con cargo ao ano 2017 e 883.304,19 euros con cargo ao 2018.

A contía nas subvencións será de ata o 60 % do orzamento subvencionable aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2017

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo