Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2017 Páx. 27271

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de maio de 2017 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 16 de decembro de 2016 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

Mediante a Orde do 16 de decembro de 2016 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2017), convocáronse para o curso 2016/17 axudas a centros privados concertados que teñen por obxecto regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados de educación primaria e/ou de educación secundaria para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

O financiamento das axudas, recollido nesta orde de axudas no artigo 2, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.423A.482.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, inicialmente por un importe de cento trinta e seis mil euros (136.000 €) con cargo ao orzamento de 2017.

A orde contempla no punto 3 do seu artigo 2 a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria previamente á resolución do expediente se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito con fondos adicionais. De acordo con isto, e logo da aprobación da xeración de crédito pola Consellería de Facenda, procede ampliar as axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa por un importe de sesenta e oito mil euros (68.000 €), sendo a suma total da dotación orzamentaria da convocatoria, resultante despois da ampliación, de douscentos catro mil euros (204.000 €).

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencia que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras, de acordo coa Orde do 16 de decembro de 2016 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2017), increméntase no importe de sesenta e oito mil euros (68.000 €) na aplicación 10.50.423A.482.0.

2. A ampliación prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 16 de decembro de 2016.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria