Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2017 Páx. 28532

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANUNCIO do 2 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa (expediente IN408A 2017/001-1), conxuntamente coa autorización ambiental integrada (expediente 2017-IPPC-I-42) para a planta de xeración eléctrica a partir de biomasa, no concello de Curtis, de Greenalia Biomass Power, S.L.

O Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, establece no seu artigo 16.2 que o período de información pública será común para aqueles procedementos cuxas actuacións se integran no da autorización ambiental integrada, así como, se for o caso, para os procedementos de autorizacións substantivas das industrias sinaladas no artigo 3.3: «a autorización de industrias ou instalacións industriais que estean legal ou regulamentariamente sometidas a autorización administrativa previa, de conformidade co artigo da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria. En particular, terán esta consideración as autorizacións establecidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico».

De acordo co anterior, acórdase someter conxuntamente os expedientes de solicitude de autorización administrativa previa (expediente IN408A 2017/001-1) e de ambiental integrada (expediente 2017-IPPC-I-42) para a planta de xeración eléctrica a partir de biomasa promovida por Greenalia Biomass Power, S.L.

Solicitante: Greenalia Biomass Power, S.L.

Denominación: planta de biomasa en Curtis, A Coruña.

Instalación: planta de produción de electricidade a partir de biomasa.

Actividade: produción de enerxía eléctrica.

Situación: polígono industrial Curtis-Teixeiro, parcelas G01-G17.

Domicilio social: rúa Sor Joaquina, nº 4, baixo esquerda, 15011 A Coruña (A Coruña).

Localización da instalación: concello de Curtis (A Coruña).

Expediente: autorización administrativa previa (IN408A 2017/001).

Para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro) e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 1 de decembro), faise público por un espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da última publicación deste acordo, o anteproxecto da planta de combustión de biomasa para a produción eléctrica de 49,913 MW eléctricos coas características técnicas recollidas no anexo I de este anuncio.

Todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examinar o proxecto e presentar alegacións no Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria, sita na rúa Vicente Ferrer, 2-2ª planta, 15071 A Coruña.

Expediente: autorización ambiental integrada (2017-IPPC-I-42).

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316 do 31 de decembro de 2016), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedarán expostos os documentos titulados: Tramitación da autorización ambiental integrada dunha planta de produción eléctrica a partir de biomasa en Curtis (A Coruña). Greenalia Biomass Power, S.L. Memoria ambiental. Maio 2017.

– Planta de biomasa en Curtis (A Coruña). Proxecto de execución. Abril 2017.

Coas características recollidas no anexo II.

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. O documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Ademais, poderán consultalo na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://www.cmati.xunta.es/ >>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO I
(Expediente IN408A 2017/001-1)

Características técnicas:

Planta de combustión de biomasa para a produción eléctrica de 49,913 MW eléctricos composta por:

• Sistema de recepción, tratamento, almacenamento e alimentación da biomasa.

• Caldeira de tipo leito fluído burbullante para produción de vapor

• Turbina de vapor, redutor e acoplamento elástico co xerador eléctrico de 62,5 MVA a 11 kV, cos φ=0,8 para unha potencia total de 49,913 Mwe.

• Subestación de AT, 66 kV, execución en intemperie, configuración de liña de saída, composta por un transformador principal (T-1) trifásico, en baño de aceite mineral, de 62,5 MVA en réxime ONAN, relación de transformación 66±4×2,5 %/11 kV e un transformador auxiliar de grupo (T-2) trifásico, en baño de aceite mineral, de 8/10 MVA, refrixeración ONAN/ONAF, relación de transformación 11±2,5±5 %/6,6 kV.

• Liña de potencia trifásica para interconexión da subestación de 66 kV da planta coa subestación da distribuidora, cable de AT, 36/66 kV, Al, XLPE, 1×630 mm2 (RHZ1-2OL (S) 36/66 kV, 1×630 Al + H165). Lonxitude aproximada 2 km.

• Instalacións de control e servizos auxiliares.

Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 1 de decembro).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014 pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).

ANEXO II
(Expediente 2017-IPPC-I-42)

Descrición da instalación:

Greenalia Biomass Power, S.L. proxecta construír unha planta de combustión de biomasa forestal para a produción eléctrica de 49,9 MW eléctricos (150 MW térmicos) no parque empresarial de Teixeiro, concello de Curtis.

A planta consumirá ao redor de 546.000 t/ano de biomasa recollida, principalmente, nas provincias da Coruña e Lugo. O funcionamento da planta será continuo, cunha operatividade anual garantida de 8.000 h, unha produción bruta anual de 375.695 MW (dos cales 324.434 MW se transferirán á rede).

Verteduras:

A orixe das augas de vertedura que se xerarán nas plantas é:

• Augas sanitarias: procedentes dos vestiarios e aseos.

• Augas de proceso: procedentes dos rexeitamentos das diferentes seccións do proceso de produción de enerxía ou as xeradas durante as operacións de limpeza, baldeo ou fugas.

• Augas pluviais: procedentes das augas de chuvia recollidas nas zonas urbanizadas.

As augas sanitarias e de proceso discorrerán de forma independente dentro da parcela, para xuntarse antes do seu envío á rede de augas residuais do polígono. No tocante ás augas pluviais, serán dirixidas á rede de augas pluviais do polígono, tratando previamente as da zona de almacenamento polo posible arrastre de materias en suspensión, e verteranse á bacía do río Mandeo a través de varios puntos de conexión próximos ao dito polígono.