Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 12 de xuño de 2017 Páx. 28514

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2017, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título Punto de entrega de gas natural MOP 16/4 bar a Gas Galicia SDG, S.A. no lugar de Conturiz (Lugo), promovida pola empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A. (expediente IN627A 2017/1-2).

Para os efectos previstos nos artigos 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese ao trámite de información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título Punto de entrega de gas natural MOP 16/4 bar a Gas Galicia SDG, S.A. no lugar de Conturiz (Lugo), que promove a empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A.

Peticionario:

Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A., con CIF nº A-66560152 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

Mediante Orde do 14 de outubro de 1993 a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Lugo e Vilalba.

Esta concesión administrativa transformouse en autorización administrativa cando entrou en vigor da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, porque, segundo o establecido na súa disposición adicional sexta, todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas e substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas.

O 29 de xuño de 2016 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista que leva por título Extensión da rede de distribución de gas natural I0-12 no lugar de Conturiz (Lugo), que completou o 17 de agosto de 2016 coa presentación da solicitude de declaración de utilidade pública e que incluía este punto de entrega e que non chegou a ser autorizada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DXEM).

O 11 de xaneiro de 2017 a empresa solicitou desistir desa solicitude por ter chegado a acordo co propietario afectado para a instalación da ERM e por considerar necesario dividir o proxecto en dous: un para o punto de entrega de gas natural (promovido por Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A.) e outro para a extensión de rede ata os puntos de consumo (promovido por Gas Galicia SDG, S.A.). Esta desistencia foi estimada por resolución da DXEM do 27 de xaneiro de 2017.

Obxecto da petición:

O 11 de xaneiro de 2017 a empresa Gas Natural Redes Distribución Gas SDG, S.A. presentou a nova solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título Punto de entrega de gas natural MOP 16/4 bar a Gas Galicia SDG ,S.A. no lugar de Conturiz (Lugo).

Descrición das instalacións:

O proxecto de referencia prevé a instalación dunha antena de aproximación, unha estación de regulación e medida (ERM) e a canalización de saída en MOP 4 bar no lugar de Conturiz (Lugo).

O alcance das instalacións de gas obxecto deste proxecto resúmense nos seguintes puntos:

– Execución dunha antena de aproximación en MOP 16 bar, desde o gasoduto de gas natural á EDAR de Lugo ata a ERM que se vai instalar, cunha lonxitude de 10 m e en tubaxe de aceiro de 4” de diámetro no lugar de Chousa do Costado.

– Instalación dunha ERM 16/4 Q 1000-D, na superficie delimitada pola parcela de referencia catastral 27900A537000310000WB , polígono 537, parcela 31, de 4.248 m2, situada ao sueste do núcleo urbano, no lugar de Chousa do Costado.

– Execución dunha canalización de gas de saída da ERM en MOP 4 bar, en tubaxe de PE de 110 mm de diámetro.

– Instalación de 2 válvulas de corte para a regulación e control do fluxo de gas na canalización de entrada e saída da ERM. A válvula localizada na canalización de saída sobre as coordenadas X: 620.852, Y: 4.758.779 (UTM 29, ETRS 89) será o punto de inicio da rede de distribución de Gas Galicia SDG, S.A.

Termo municipal afectado:

A solicitude afecta o termo municipal de Lugo, na provincia de Lugo.

Orzamento:

O orzamento das instalacións ascende á cantidade de quince mil oitocentos sete euros con setenta e catro céntimos (15.807,74 €).

O que, de acordo coa normativa invocada, se fai público para coñecemento xeral e para que aquelas persoas que se consideren afectadas polo proxecto titulado Punto de entrega de gas natural MOP 16/4 bar a Gas Galicia SDG, S.A. no lugar de Conturiz (Lugo), poidan examinalo nesta xefatura territorial, con enderezo na rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo, e presentar as alegacións que consideren oportunas no prazo de 20 días a partir do seguinte á publicación deste anuncio.

Lugo, 10 de marzo de 2017

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo