Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2017 Páx. 28737

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 19 de maio de 2017 pola que se convocan para o ano 2017 as subvencións do Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

BDNS (Identif.): 350055.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán obter a condición de persoas ou de entidades beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios/as e as agrupacións de comunidades de propietarios/as, legalmente constituídas, así como as persoas físicas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións do Programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, para a anualidade 2017.

2. Estas subvencións están destinadas a cubrir parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión dun informe de avaliación dos edificios que inclúa a análise das condicións de accesibilidade, eficiencia enerxética e do seu estado de conservación.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 9 de marzo de 2015 (DOG núm. 63, do 6 de abril).

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, polo importe de 600.000 €.

2. A contía da subvención será equivalente a unha cantidade máxima de 20 euros por cada unha das vivendas de que conste o edificio e unha cantidade máxima de 20 euros por cada 100 m2 de superficie útil de local, sen que en ningún caso poida superar a cantidade de 500 euros nin o 50 % do custo do informe de avaliación do edificio, excluído o IVE correspondente.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo