Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2017 Páx. 29041

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2017 pola que se efectúa unha convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, tras o seguimento dun curso de preparación na modalidade de teleformación.

De acordo co previsto na Orde do 29 de abril de 2014 polo que se habilita e autoriza a Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (rede CeMIT) para a formación e avaliación dos contidos formativos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, e dentro das actuacións e obxectivos do Plan de inclusión dixital de Galicia, anúnciase a convocatoria dun curso de preparación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, que se desenvolverá de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro (DOG núm. 229, do 30 de novembro), tras a adquisición, mediante un curso de preparación na modalidade de teleformación, das capacidades que constitúen o Plan formativo ofimático de Galicia e a súa posterior avaliación a través da correspondente proba presencial.

Segunda. Destinatarios

Persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes do remate do prazo de inscrición.

Terceira. Organización do curso

1. Número de prazas: 180.

2. Duración: 12 semanas (190 horas lectivas).

3. Modalidade: teleformación titorizada a través da plataforma EMA da rede CeMIT.

4. Datas de realización: do 4 de setembro ao 26 de novembro de 2017.

Cuarta. Contido

1. No curso desenvolveranse os seguintes temas:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas).

• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer (30 horas).

• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas).

• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas).

• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas).

2. O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación, do Catálogo nacional de cualificacións. As capacidades e criterios de avaliación do dito módulo formativo poden consultarse no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional de Administración e Xestión (BOE núm. 109, do 7 de maio).

Quinta. Solicitudes de participación

1. As persoas que desexen participar no curso convocado nesta resolución deberán inscribirse a través da internet na páxina web de CeMIT (https://cemit.xunta.gal), ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Con carácter previo á inscrición, é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

3. O prazo para a inscrición será de cinco (5) días hábiles a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Unha vez que remate o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base Sexta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.gal), así como un número adecuado de reservas.

Sexta. Criterios de selección

1. As 180 prazas dispoñibles asignaranse correlativamente por orde alfabética entre as persoas preinscritas en tempo e forma, aplicando o resultado dun sorteo público que se realizará unha vez que remate o prazo de inscrición, e cuxo lugar e data de realización se publicitará na páxina web de CeMIT (http://cemit.xunta.gal).

2. No sorteo extraeranse dúas letras do abecedario que determinarán, correlativamente, a primeira e segunda letra do primeiro apelido. As dúas extraccións levaranse a cabo con todas as letras.

3. A orde de prelación comezará pola persoa solicitante cuxo primeiro apelido comece coas dúas letras extraídas, e, se non houbese ningunha, continuarase pola seguinte persoa solicitante por orde alfabética pasando de «ZZ» a «AA».

4. En caso de coincidencia no primeiro apelido entre varias persoas solicitantes, acudirase como criterio de desempate ao segundo apelido e nome, por orde alfabética. Cando os apelidos vaian precedidos de preposicións, conxuncións ou artigos, estes non serán tidos en conta.

5. Os resultados deste sorteo, así como as listaxes de persoas admitidas provisionalmente con dereito a matriculación e en lista de espera, serán publicados na web da rede CeMIT para a súa consulta pública (http://cemit.xunta.gal).

Sétima. Fase de matriculación

1. As persoas admitidas provisionalmente recibirán un correo electrónico confirmatorio coas instrucións necesarias para proceder a súa matriculación.

2. As persoas con dereito a matriculación deberán aboar no prazo de cinco (5) días hábiles desde a data de publicación das listaxes provisionais a taxa correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

3. Unha vez rematado o prazo para que as persoas admitidas provisionalmente aboen os dereitos de exame, e no caso de existiren prazas libres, chamarase da lista de espera ata cubrir todas as vacantes. As persoas admitidas por esta quenda deberán aboar a taxa correspondente aos dereitos de exame no prazo de cinco (5) días hábiles desde a data do dito chamamento.

4. As persoas que resulten seleccionadas poderán comunicar a súa renuncia a participar no desenvolvemento da actividade con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberá comunicarse por correo electrónico ao enderezo formacion-cemit@xunta.gal.

Oitava. Taxas de exame

1. Segundo o anexo 1 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa para inscribirse nas probas de obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática será de dez euros con dez céntimos (10,10 euros).

2. Estarán exentas do pagamento da dita taxa as persoas con dereito a matriculación incluídas dentro dos supostos de exencións recollidos no artigo 23.10 da Lei 6/2003 de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, así como calquera documentación complementaria no caso de exención, deberá presentarse electronicamente no enderezo formacion-cemit@xunta.gal, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comprobación da validez da copia electrónica presentada.

Novena. Probas de avaliación presencial

1. As persoas que completen a totalidade do curso de preparación dentro do prazo establecido poderán optar voluntariamente á proba da avaliación final convocada pola Amtega, a través da rede CeMIT, para acreditar as capacidades, as destrezas e os coñecementos globais en ofimática co fin de obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, tal e como se recolle no artigo 6.1 do Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a dita certificación.

O acceso aos contidos ou o seguimento deste curso de preparación por teleformación non outorga dereito á expedición de ningún tipo de certificación.

2. As probas presenciais celebraranse, unha vez rematado o curso, en Santiago de Compostela e, cando menos, nunha aula CeMIT de cada provincia, segundo a dispoñibilidade e datas que se establezan en posterior convocatoria que será publicada na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal/ema), xunto coas condicións de realización e demais características da dita proba.

3. A non comparencia no lugar e data sinalado para a realización das probas suporá a perda dos dereitos que se poidan derivar desta convocatoria, non sendo tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

Décima. Facultades da Amtega

1. Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e xestión das probas de avaliación. Así mesmo, correspóndelle prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. Modificar o desenvolvemento e contido das probas, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

3. Expedir a certificación galega de competencias dixitais en ofimática a todas aquelas persoas que superen a proba da avaliación final presencial, segundo o disposto no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, que regula a citada certificación.

Décimo primeira. Notificacións

1. Notificaránselles ás persoas que superen as probas de avaliación a súa resolución preferentemente por medios electrónicos, podendo decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento serán incluídos nun ficheiro co obxecto de xestionar este e informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, así como para a emisión do correspondente certificado. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

2. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante escrito dirixido á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), achegando copia do seu DNI ou, de ser o caso, acreditando representación suficiente, ou a través dun correo electrónico a: lopd.amtega@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2017

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia