Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2017 Páx. 29472

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.

A Consellería de Sanidade é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e desenvolvemento das funcións e competencias en materia de sanidade, de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e na Constitución española, segundo o Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Adscrito á Consellería de Sanidade, baixo a súa dirección, vixilancia e tutela, configúrase o Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, como organismo autónomo de carácter administrativo dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. A súa estrutura orgánica regúlase actualmente no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e os seus fins e funcións, no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 53 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a atención sociosanitaria configúrana o conxunto de coidados sanitarios e aqueloutros que lle correspondan dentro do sistema de servizos sociais establecido na súa normativa específica, destinados aos/ás pacientes xeralmente crónicos/as que, polas súas especiais características, poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social.

Así mesmo, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, no seu artigo 136, establece que a atención sociosanitaria deberá cubrir as necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións. Do mesmo xeito, o citado artigo encomenda á Consellería de Sanidade o fomento de actuacións integrais sociais e sanitarias ante aquelas circunstancias de dependencia, cronicidade, discapacidade ou outras en que a cooperación entre o sistema sanitario e o sistema de servizos sociais comporte vantaxes sociais e asistenciais.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a sectores con especiais necesidades sociosanitarias.

Do mesmo xeito, a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial é a unidade encargada de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións de carácter sociosanitario que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas, entre elas, as entidades sen ánimo de lucro, na xestión de programas de carácter sociosanitario.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia recolle a posibilidade de establecer programas específicos para o tratamento de situacións que presenten unha alta incidencia no territorio ou unha gran relevancia sociosanitaria, como é o caso do alcoholismo.

O Plan de trastornos aditivos de Galicia 2011-2016 define entre os seus obxectivos o de mellorar a cobertura asistencial das adicións, entre elas o alcoholismo e o xogo patolóxico, e recolle nas súas liñas de actuación a oferta de tratamentos adaptados ás necesidades de cada persoa.

Tendo en conta estas premisas e a importancia actual do tecido asociativo galego no desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario, considérase de interese prioritario o establecemento dunha liña de axudas orientadas a apoiar o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario destinados a colectivos de persoas afectadas por alcoholismo e ludopatía, así como persoas dependentes e afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson, e que necesiten coidados e actividades de rehabilitación e apoio para o mantemento da súa autonomía dentro da comunidade.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os que foron establecidos,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario. Os devanditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao alcoholismo, alcoholismo e outras adicións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA803A para este procedemento administrativo.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxos fins estatutarios principais sexan a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adicións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.

Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa Comunidade Autónoma.

b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia; entendendo como tal a presenza física e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 20 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.

e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa implementación.

No desenvolvemento do programa participarán técnicos/as e o persoal cualificado necesario, e a dirección e coordinación terá que levala a cabo un/unha técnico/a coa titulación universitaria axeitada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Actividades e gastos subvencionables

1. As actividades subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de axuda:

Liña A. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas á ludopatía, ao alcoholismo e/ou ao alcoholismo e outras adiccións sen substancia:

a) Ludopatía:

Programas sociosanitarios de rehabilitación en persoas afectadas por ludopatía.

b) Alcoholismo e/ou alcoholismo e outras adicións sen substancia:

1º. Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas non sometidas a tratamento ambulatorio.

2º. Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.

Liña B. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson:

1º. Programas de rehabilitación fisioterápica.

2º. Programas de rehabilitación logopédica.

3º. Programas de rehabilitación cognitiva.

4º. Programas de terapia ocupacional.

5º. Programas de apoio psicolóxico.

2. Enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos.

3. As entidades só poderán concorrer a unha liña de axuda, á liña A ou á liña B, e solicitar axuda para un único programa.

4. As federacións que reciban subvención non poderán xustificar os gastos do programa a través de calquera outra entidade que reciba axuda mediante esta orde.

5. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo ao longo de 2017.

6. Consideraranse gastos subvencionables os destinados a sufragar os gastos correntes e de persoal en que dun xeito indubidable incorra a entidade beneficiaria como consecuencia do desenvolvemento do programa subvencionado, e non pola súa actividade asistencial, e se realicen dentro do prazo establecido pola presente convocatoria. Para estes efectos, serán gastos subvencionables os realizados desde a entrada en vigor da orde ata o 31 de outubro de 2017.

Artigo 4. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades e contía

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 232.000 € con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, con código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

O crédito inicial sinalado distribúese para as liñas de axuda recollidas nesta convocatoria da seguinte maneira:

Liña A: 116.000 €.

Liña B: 116.000 €.

2. Subvencionaranse os primeiros 15 programas pertencentes á liña A e os 15 primeiros programas da liña B, de acordo coa orde de prelación establecida. Se dentro dunha mesma liña non se esgota o crédito dispoñible para esta, o crédito sobrante poderase destinar para o financiamento dos programas das entidades que se atopen en reserva segundo a orde de prelación establecida. Se aínda así queda crédito sen asignar nunha das liñas, este poderase destinar á outra liña de axuda seguindo o criterio anteriormente establecido.

3. As subvencións que reciban as entidades en virtude desta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, pero non para o mesmo programa, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

4. O importe da axuda para o programa subvencionado será, como máximo, de 10.000 euros. De acordo co disposto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe das subvencións outorgadas non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos nacionais ou internacionais, supere o custo total das actividades subvencionadas que desenvolverá a entidade beneficiaria.

A contía solicitada non poderá superar os 10.000 € nin ser inferior a 2.000 €.

A obtención doutras axudas deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial no momento da súa concesión.

5. De acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se poderán outorgar subvencións por contía superior ao importe do crédito recollido no número 1 deste artigo, agás que se produza o incremento do crédito dispoñible para este fin.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Documentación obrigatoria que hai que achegar:

a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) Copia da escritura de constitución, estatutos da entidade solicitante e certificación de estar inscrita no rexistro administrativo competente.

c) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2016.

d) Documentación acreditativa da calidade técnica do programa segundo o modelo do anexo II, en que se recolla:

d.1) Memoria descritiva do programa, en que conste, como mínimo:

1º. Denominación.

2º. Indicación da tipoloxía que corresponda segundo a clasificación recollida no artigo 3

3º. Colectivo específico a que vai dirixido o programa.

4º. Cronograma (número de horas dedicadas ao programa, datas concretas de realización e horario previsto).

5º. Fundamentación teórica e pertinencia do programa.

6º. Criterios de inclusión.

7º. Obxectivos: xerais e específicos.

8º. Metodoloxía.

9º. Indicadores de proceso e resultado de acordo cos obxectivos definidos. Enténdese por indicador de proceso aquel que permita avaliar a realización dunha actividade independentemente do resultado e por indicador de resultado, o que avalía o grao en que a actividade acadou os obxectivos propostos.

d.2) Recursos humanos que a entidade dedicará para o desenvolvemento do programa, indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo e as funcións que vai desenvolver. Deberase indicar a persoa responsable da dirección e coordinación do programa, de acordo co previsto no artigo 2.1.e).

d.3) Medios materiais con que conta a entidade para a realización do programa.

d.4) Valoración económica do programa e desagregación dos custos previstos para a súa realización.

d.5) Concello ou concellos onde se desenvolverá o programa.

d.6) Lingua en que se desenvolverán as actividades.

e) Anexo II e anexo VII debidamente cubertos e asinados.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, quen poderá solicitar da entidade solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante.

c) Titulación académica do persoal que vai levar a cabo o programa.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes (anexos I e VII).

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nos ficheiros denominados Relacións comerciais e económicas con terceiros e Xestión económica e orzamentaria, co obxecto de xestionar este procedemento, así como informar ás entidades interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable destes ficheiros é a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Para dar cumprimento ao presente procedemento, os devanditos datos poden ser obxecto de comunicación aos seguintes organismos: Ministerio de Facenda e Función Pública, como responsable da Base de datos nacional de subvencións.

As axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. As entidades interesadas poderán exercer os dereitos de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro; así mesmo terán dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 desa lei a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Procedemento, instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días, corrixa a falta, realice as aclaracións ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os programas solicitados e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos programas presentados. Esta comisión estará integrada polas seguintes persoas:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial ou a persoa en que delegue, que actuará como presidente/a.

b) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

c) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias.

d) Dous/dúas técnicos/as da devandita subdirección, asumindo un/unha deles/as a secretaría.

Por proposta do/da presidente/a do devandito órgano, poderase solicitar o asesoramento de expertos/as externos/as con competencia nas materias propias dos programas obxecto de subvención.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, considerarase independente aquela persoa en que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

6. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, realizará a proposta de resolución.

Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes

Para a valoración dos diferentes puntos deste artigo só se terán en conta os que estean debidamente xustificados.

1. A Comisión de Valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

1.1. Valoración da entidade solicitante (0-30 puntos):

a) Grao de implantación da entidade. Valorarase o maior ámbito territorial de implantación da entidade (máximo 4 puntos):

1º. Federación de ámbito autonómico ou asociación integrada nunha federación de ámbito autonómico: 4 puntos.

2º. Outro tipo de entidade: 2 puntos.

b) Antigüidade da entidade. Outorgarase 1 punto por cada dous anos transcorridos desde a data de creación da entidade (máximo 5 puntos).

Para os efectos do cómputo tomarase como referencia a data que figure nos estatutos da entidade ou na documentación de constitución correspondente.

c) Experiencia da entidade solicitante na realización de actividades ou en programas relacionados coa tipoloxía de axuda a que se presente. Outorgarase 1 punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de organismos públicos, sempre que esa axuda fose para actividades ou programas relacionados co tipo de axudas obxecto desta orde. Se no mesmo ano se reciben varias axudas, só se computará unha delas. Para a súa comprobación deberán presentar copia acreditativa da concesión da subvención ou referencia do diario oficial en que se publicou a dita concesión (máximo 10 puntos).

d) Calidade na xestión da entidade, mediante o desenvolvemento, implantación e mantemento de sistemas de xestión de calidade recoñecidos, debidamente acreditados e actualizados mediante premios ou recoñecementos de calidade (4 puntos).

e) Grao de dedicación da entidade aos colectivos a que se dirixen os programas obxecto de subvención (máximo 7 puntos):

1º. Asociación ou entidade dedicada exclusivamente á atención en alcoholismo, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson: 7 puntos.

2º. Asociación ou entidade non dedicada exclusivamente aos devanditos colectivos: 3 puntos.

1.2. Valoración dos programas (0-70 puntos):

a) Concello ou concellos onde se desenvolverá o programa (máximo 5 puntos):

1º. Un concello: 1 punto.

2º. De dous a cinco concellos: 3 puntos.

3º. Máis de cinco concellos: 5 puntos.

b) Ámbito de actuación destinado exclusivamente a determinados colectivos: persoas mozas ou adolescentes, mulleres ou colectivos en risco de exclusión (5 puntos).

c) Contido e calidade do programa (máximo 60 puntos): para garantir un mínimo de calidade dos programas, todos eles deberán superar unha puntuación mínima de 30 puntos nesta epígrafe:

1º. Descrición do programa en que se terán en conta os/as profesionais dedicados/as ao seu desenvolvemento e a súa idoneidade, número estimado de beneficiarios/as, lugar de realización, número de horas dedicadas á realización do programa, cronograma detallado das datas e do horario previstos (máximo 12 puntos).

2º. Fundamentación teórica e pertinencia do programa (máximo 8 puntos).

3º. Descrición dos criterios de inclusión no programa (máximo 10 puntos).

4º. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa (máximo 10 puntos).

5º. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa. Avaliaranse os protocolos de traballo previstos para a consecución dos obxectivos e o nivel de detalle da metodoloxía (máximo 10 puntos).

6º. Adecuación da proposta de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa (máximo 10 puntos).

2. As solicitudes serán baremadas ata un máximo de 100 puntos, conforme o procedemento que se recolle neste número. Avaliaranse inicialmente os criterios correspondentes á capacidade técnica da entidade. Seguidamente, realizarase a valoración individual de cada programa, o cal deberá obter a puntuación mínima exixida. Esta última puntuación sumarase, por separado, á puntuación obtida pola entidade na fase de valoración da súa capacidade técnica. Como resultado obteranse dúas listaxes ordenadas de maior a menor, incluíndo a quenda de reservas, unha por cada unha das liñas de axuda previstas, que indicará a orde de prelación para a asignación dos importes a cada unha das entidades a que se lles concederá a subvención, considerando en todo caso os seguintes límites:

1º. Recibirán subvención os 15 programas da liña A e os 15 programas da liña B mellor puntuados, de acordo coa orde de prelación establecida, sen prexuízo do establecido no artigo 4.2.

2º. Se dúas ou máis entidades obtivesen unha puntuación igual, e por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo do número de axudas recollido no número anterior non puidesen recibir axuda todas elas, a preferencia para a obtención da correspondente subvención seguirá os seguintes criterios e pola seguinte orde:

a) Maior puntuación na valoración do programa (artigo 11.1.2).

b) Maior puntuación acadada na epígrafe do contido e calidade do programa (artigo 11.1.2.c).

c) Antigüidade da entidade (artigo 11.1.1.b).

d) Uso da lingua galega para desenvolver as actividades do programa.

3. O importe da subvención adxudicada será proporcional á puntuación total obtida tras a valoración dos criterios, asegurando en todo caso un importe mínimo suficiente para garantir o desenvolvemento do programa en condicións de eficacia e calidade.

4. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial poderá realizar os axustes que considere axeitados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

5. Se de conformidade co artigo 12.4 unha entidade beneficiaria renuncia á axuda destinada ao programa e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 4.1 ou do límite máximo de número de axudas recollido no número 2 deste artigo quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na orde de prelación establecida tal como se recolle neste artigo 11, incluída a quenda de reservas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión que será notificada ao/á beneficiario/a nos termos previstos no número 3 deste artigo.

Artigo 13. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a persoa titular da presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á data de notificación, se o acto é expreso, ou de seis meses se non o é, contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 14. Pagamento e xustificación

1. O pagamento da subvención realizarase de acordo co procedemento de aprobación de gasto e pagamento recollido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En aplicación do disposto no número anterior, a contía da subvención farase efectiva mediante pagamento único. Este pagamento realizarase unha vez cumprida a finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos artigos 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e xustificados os gastos e pagamentos realizados mediante a seguinte documentación:

a) Copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes, onde se faga constar o/a acredor/a e documento, a data de expedición, a data de pagamento, o concepto e o importe (segundo o anexo III).

b) Certificación expedida polo/a secretario/a ou o/a representante da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento das actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados (segundo o anexo IV).

Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por el.

c) Declaración responsable (segundo anexo V):

1º. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, de calquera entidade privada, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2º. Declaración de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3º. Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

4º. Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo total repercutido para a entidade.

3. Considéranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 3.6.

4. A documentación xustificativa dos gastos presentarase obligatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica https://sede.xunta.gal, e dirixirase á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, con data límite do 15 de novembro de 2017. Esta subdirección xeral emitirá unha certificación favorable de ser conforme.

De conformidade co artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, consideraranse gastos realizados os que fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación e aqueloutros gastos realizados e que por imperativo legal non se puidesen ter pagado nese prazo.

Así mesmo, con data límite do 31 de decembro de 2017 as entidades subvencionadas deberán presentar un informe sobre os resultados das actividades realizadas no marco do programa obxecto de subvención segundo o anexo VI.

5. No caso de que unha entidade non realice o 100 % da actividade obxecto da axuda ou, de ser o caso, non realice o 100 % do gasto previsto no orzamento do programa, iso dará lugar á modificación da resolución da concesión, e reducirase a contía da axuda concedida proporcionalmente á actividade realizada e ao custo efectivamente repercutido á entidade.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:

1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o cal se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, así como cantos estados contables e rexistros sexan exixibles de conformidade co disposto nas presentes bases, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Incluír en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consonancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 16, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño.

9. Así mesmo, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas dispostas neste artigo, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a:

a) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

b) Comunicar á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.

c) Comunicar, en todo momento, á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación nas datas, no horario e nos lugares previstos para a realización de cada programa.

Artigo 16. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, de ser o caso, da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

2. Malia o recollido no artigo 12.5, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

Artigo 17. Infraccións e sancións

Respecto do réxime de infraccións e sancións será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file