Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2017 Páx. 31981

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo de integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Con data do 21 de febreiro de 2017, a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais (CC OO, CIG e UGT) asinaron o acordo de integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Visto o acordo, de conformidade co procedemento establecido no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (REXCON), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2017

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC OO e UGT para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (en diante, Consorcio) é unha entidade de dereito público de carácter interadministrativo, creada en virtude do convenio de colaboración subscrito o día 3 de xullo de 2006 e publicado no Diario Oficial de Galicia o 7 de xullo de 2006, pola Resolución do 4 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

Co fin de avanzar na mellora das condicións de traballo do persoal do Consorcio, e tomando en consideración as súas singularidades, as partes acordan incluír este persoal dentro do ámbito de aplicación do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Deste xeito, o acordo dá solución á continuidade da prestación do servizo público aproveitando a experiencia profesional dos seus profesionais e equiparando progresivamente as súas condicións laborais e económicas ás do resto do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Unha vez aprobado o día 22 de setembro de 2016, no seo da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, pola Administración e polas organizacións sindicais CIG, CC OO, CSIF e UGT, quedaban trámites posteriores, previos e necesarios para a súa efectividade que, finalmente o día 21 de febreiro de 2017 foron acordados por CC OO, CIG e UGT, en reunión entre a Administración e o Comité intercentros do persoal laboral que resulta no acordo de inclusión de dúas novas categorías no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e que se inclúe como anexo.

Ademais, a Administración e as organizacións sindicais CIG, CC OO e UGT, en xuntanza coa Comisión Superior de Persoal,

ACORDAN:

Primeiro. Modificación do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia para a inclusión de categorías homologables para a incorporación do persoal do Consorcio

A incorporación do persoal do Consorcio ao Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia realizarase do seguinte xeito:

a) No suposto de que o persoal do Consorcio fose contratado para o desempeño dun posto de traballo neste organismo, de características homologables cunha categoría profesional actualmente existente no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, a incorporación realizarase nesta categoría, que será tomada como referencia tanto na oferta de integración do persoal fixo como na novación contractual do persoal temporal.

b) No suposto de que o persoal do Consorcio fose contratado para o desempeño dun posto de traballo neste organismo para o cal non exista actualmente unha categoría homologable no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, a incorporación realizarase nunha categoría de nova creación que se incorporará ao propio convenio. Para estes efectos, ambas as partes comprométense a iniciar de maneira inmediata un proceso de negociación conducente á devandita creación de categorías.

O día 21 de febreiro de 2017, as partes acordan, en xuntanza mantida entre a Administración e o Comité intercentros do persoal laboral, a creación dentro do convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia das categorías que se inclúen no anexo do presente acordo.

Segundo. Modificación do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia para a inclusión dun réxime retributivo transitorio para o persoal procedente do Consorcio

Ambas as partes comprométense á inclusión dunha disposición específica que será de aplicación ao persoal procedente do Consorcio que se pase a incorporar ao convenio colectivo.

Esta cláusula recollerá o réxime transitorio aplicable ao persoal procedente do Consorcio nos termos que se indican a seguir:

a) A partir do 1 de xaneiro de 2017, a xornada do persoal dos centros do Consorcio será a mesma que a do persoal do convenio único.

b) Recoñecerase a antigüidade do persoal do Consorcio para o efecto de acreditar os correspondentes trienios, que se aboarán a partir do 1 de xaneiro de 2017.

c) A equiparación retributiva do persoal que presta servizos no Consorcio que opte por integrarse como persoal laboral fixo –por ser esa a súa actual relación laboral– ou que sexa integrado como persoal laboral temporal no Convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia será idéntica á do persoal do Convenio colectivo único nas mesmas categorías, e aplicaranse as seguintes porcentaxes anuais de equiparación:

• No ano 2018, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2019, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2020, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2021, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2022, equiparación efectiva co persoal laboral da Xunta de Galicia.

Terceiro. Adhesión

As partes con capacidade negociadora comprométense a formalizar un acordo de adhesión ao Convenio colectivo único da Xunta de Galicia con efectos do 1 de xaneiro de 2017.

A dita adhesión incluirá expresamente a modificación do artigo 1 do citado convenio único e tamén a inclusión dunha nova disposición transitoria que, como mínimo, regule a temporalidade establecida para a adhesión recollida nas cláusulas previstas no presente documento.

Cuarto. Modificación do decreto de listas

Unha vez creadas ou reorganizadas as categorías do Consorcio dentro das do Convenio colectivo único, as partes comprométense a unha modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal do persoal laboral da Xunta de Galicia, para que se aplique o réxime do decreto na contratación do persoal do Consorcio.

Acadado o dito acordo, abrirase un prazo extraordinario para que se poidan inscribir os distintos interesados, nas categorías propias do Consorcio ou naquelas que son análogas coas que xa existen no convenio único. Os servizos prestados nas categorías do Consorcio computaranse do mesmo xeito que os prestados na Administración da Xunta de Galicia.

Porén, as listas de contratación propias do Consorcio estarán vixentes ata a súa substitución polas derivadas do Decreto 37/2006.

Quinto. Modificación do Decreto de integración 129/2012

As partes asinantes, para a axilidade do proceso e a consecución dos obxectivos perseguidos polo presente acordo, comprométense a facer todas as modificacións necesarias do Decreto 129/2012 para iniciar a integración efectiva do persoal laboral temporal e do resto do persoal do Consorcio no primeiro trimestre do ano 2017.

Sexto. Integración do persoal laboral fixo do Consorcio

O persoal laboral fixo do Consorcio poderase integrar voluntariamente como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, de acordo co Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, segundo a modificación que se acorde do devandito decreto.

As ordes que regulen a integración do persoal laboral fixo negociaranse unha vez creadas ou reorganizada as categorías do Consorcio dentro das do Convenio colectivo único.

O persoal laboral fixo que non resulte integrado no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia como consecuencia do proceso de integración recollido neste punto quedará en situación ad personam, manterá as condicións de traballo e retributivas previstas no seu contrato de traballo e a súa prestación de servizos adaptarase ao réxime funcional de organización do traballo do Consorcio. O posto de traballo correspondente declararase a extinguir.

Sétimo. Integración do persoal laboral temporal do Consorcio

A integración do persoal temporal farase de oficio, segundo a modificación que se acorde do devandito decreto, despois da publicación da correspondente orde, como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Así, o persoal laboral temporal do Consorcio pasará a ser persoal laboral temporal da Xunta de Galicia nos mesmos postos de traballo para os cales foi seleccionado, realizarase a oportuna novación do contrato laboral e incorporarase á Xunta de Galicia na categoría laboral correspondente.

Aos novos contratos laborais temporais que se formalicen para prestar servizo nos dispositivos xestionados polo Consorcio de Servizos Sociais aplicaránselles as mesmas condicións de traballo e retributivas que se establecen no presente acordo para o persoal laboral que se incorpora ao Convenio colectivo único.

Oitavo. Relacións de postos de traballo

No prazo máximo de tres meses desde o acordo de adaptación das categorías, elaborarase a relación de postos de traballo do persoal do Consorcio, para os efectos da súa integración no Rexistro Central de Persoal dependente da Dirección Xeral de Función Pública.

Noveno. Procesos selectivos, OPE, concurso de traslados e mantemento do emprego

A Xunta de Galicia comprométese a realizar os procesos selectivos oportunos, mediante concurso-oposición, para a cobertura dos postos de traballo con carácter definitivo, segundo o permita a lexislación sobre oferta de emprego público.

A Administración comprométese a que en cada un dos anos 2017, 2018, 2019, 2020, nas ofertas de emprego público dependentes da Consellería de Facenda, se inclúa un mínimo do 20 % das prazas cuxos postos de traballo estean no Consorcio. As ditas porcentaxes poderanse acumular sempre que a lexislación básica estatal o permita.

Durante o proceso de integración non diminuirá o número total de postos existentes antes da adhesión.

Décimo. Funcionarización

A Administración iniciará os trámites para a funcionarización do persoal do Consorcio, de todas as categorías, de conformidade co establecido na disposición transitoria primeira da Lei de emprego público de Galicia e demais normas concordantes, e do mesmo xeito que para o persoal das mesmas categorías e que xa é persoal laboral da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comisión de seguimento

Constituirase unha comisión de seguimento paritaria, formada por igual número de membros por cada parte. Por parte da Administración estará integrada por representantes das consellerías de Política Social e de Facenda e, pola parte social, por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes do presente acordo. Será presidida polo director xeral da Función Pública ou persoa en que este delegue.

As súas funcións son a interpretación e o seguimento do cumprimento das cláusulas do presente acordo.

Décimo segundo. Depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia

Facúltase a persoa que designe a Dirección Xeral de Función Pública para a tramitación ante a autoridade laboral dos acordos que pola súa natureza deban estar suxeitos a depósito e/ou publicación.

Disposición adicional primeira

Con independencia das atribucións da comisión de seguimento prevista supra para o coñecemento e a resolución dos conflitos derivados da aplicación e interpretación do presente acordo, as partes asinantes acordan a súa solución extraxudicial segundo os mecanismos establecidos no artigo 162 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Disposición adicional segunda

As partes acordan non avisar ou, de ser o caso, deixar sen efecto o aviso previo das eleccións sindicais do persoal do Consorcio. Os mesmos membros dos comités de empresa manterán a súa condición, funcións e crédito horario ata a celebración das próximas eleccións sindicais do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017

Pola Administración:

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

Polas organizacións sindicais:

CIG: Roberto Varela Gestal.

CC OO: José Emilio Doforno Guzmán.

UGT: Lino Díaz Goas.

ANEXO
Acordo de inclusión entre a Xunta de Galicia e o Comité intercentros do persoal laboral (CIG, CC OO e UGT) de dúas novas categorías no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia para dar cumprimento ao acordo de integración do persoal do Consorcio no devandito convenio

A Consellería de Política Social entende que no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia non existen as categorías de xerocultor e de persoal de servizos xerais (PSX) e que, polo tanto, é necesaria a súa creación no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia para a adecuada prestación dos servizos, tal como está acontecendo no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O acordo entre a Xunta de Galicia e CIG, CC OO e UGT para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia establece na súa cláusula primeira: «como requisito previo de inicio das actuacións recollidas… negociaranse no seo do Comité intercentros, por proposta da Consellería de Política Social, as categorías do Consorcio que haxa que incluír, por non coincidiren coas existentes no anexo de categorías do Convenio colectivo único…».

A inclusión no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia das novas categorías posibilitará, tal como se establece na cláusula segunda, que:

«a) A partir do 1 de xaneiro de 2017, a xornada do persoal dos centros do Consorcio será a mesma que a do persoal do convenio único.

b) Recoñecerase a antigüidade do persoal do Consorcio para o efecto de acreditar os correspondentes trienios, que se aboarán a partir do 1 de xaneiro de 2017.

c) A equiparación retributiva do persoal que presta servizos no Consorcio que opte por integrarse como persoal laboral fixo –por ser esa a súa actual relación laboral– ou que sexa integrado como persoal laboral temporal no Convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia será idéntica á do persoal do Convenio colectivo único nas mesmas categorías. Aplicaranse as seguintes porcentaxes anuais de equiparación:

• No ano 2018, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2019, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2020, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2021, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2022, equiparación efectiva co persoal laboral da Xunta de Galicia».

A Administración e o Comité intercentros (co voto a favor de CC OO, CIG e UGT), en reunión do día 21 de febreiro de 2017, acordaron a inclusión no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia das categorías propostas pola Consellería de Política Social coas mesmas funcións que actualmente están a desempeñar no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ata que se desenvolvan os traballos da Comisión de funcións establecidas no Convenio único segundo o que a seguir se establece e que recolle as funcións establecidas no regulamento de réxime interior do Consorcio:

1. Xerocultor/a (IV-43): é persoal que, baixo a dependencia do director do centro ou a persoa que determine, ten como función a de asistir o usuario na realización das actividades básicas e instrumentais da vida cotiá, tanto sociais como sanitarias, que non poida realizar por el mesmo por mor da súa discapacidade, e efectuar aqueles traballos encamiñados á súa atención persoal e do seu contorno. Entre outros:

a) Hixiene persoal do usuario.

b) Segundo o plan funcional dos centros, terá que efectuar a limpeza e o mantemento dos utensilios do residente, facer as camas, recoller a roupa, levala á lavandaría e colaborar no mantemento dos cuartos.

c) Dar de comer a aqueles usuarios que non o poidan facer por si mesmos; neste sentido, ocuparase igualmente da recepción e distribución das comidas aos usuarios.

d) Realizar os cambios posturais e aqueles servizos sanitarios auxiliares de acordo coa súa preparación técnica que lle sexan encomendados.

e) Comunicar as incidencias que se produzan sobre a saúde dos usuarios.

f) Limpar e preparar o mobiliario clínico, materiais e aparatos de caixa de urxencias.

g) Acompañar o usuario nas saídas, paseos, xestións, excursións, xogos e tempo libre en xeral.

h) Colaborar co equipo de profesionais mediante a realización de tarefas elementais que complementen os servizos especializados daqueles, para contribuír á autonomía persoal do usuario e á súa inserción na vida social.

i) Complementar o traballo asistencial, educativo e formativo que reciban dos profesionais respectivos.

j) Actuar na coordinación e baixo a responsabilidade dos profesionais dos cales dependan directamente.

k) Sixilo profesional sobre os procesos patolóxicos que sufran os residentes, así como asuntos referentes á súa intimidade.

l) En xeral, todas aquelas actividades que, sen estaren especificadas antes, lle sexan encomendadas, que estean incluídas no exercicio da súa profesión e preparación técnica, e que teñan relación co sinalado anteriormente e calquera outra correspondente á súa categoría.

2. Persoal de servizos xerais (IV-44). Terá as seguintes funcións:

a) A realización de tarefas administrativas e de apoio á xestión no centro, servizo ou unidade respectiva.

b) A elaboración de preparados sinxelos (almorzos e merendas) e as tarefas de distribuír comidas, recoller a vaixela e calquera outro enxoval, acondicionar o comedor e demais tarefas relacionadas con estas ou similares cando sexan necesarias para cumprir a carteira de servizos do centro ou unidade.

c) Recepción, portaría, atención e información aos usuarios. Apertura e peche dos centros ou unidades.

d) Limpeza, lavandaría, mantemento e apoio ás funcións xerais.

e) Calquera outra de análogo contido ou que teña relación coas funcións anteriores.

Acordadas, como requisito previo, as categorías anteriores, as partes, en cumprimento do acordo entre a Xunta de Galicia e CIG, CC OO e UGT para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, acordan a modificación do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia consistente en:

Primeiro. Modificación do seu artigo 1 para a inclusión do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no seu ámbito de aplicación.

Artigo 1. Ámbito persoal e territorial

1. Este convenio colectivo establece e regula as normas polas cales se rexerán as relacións de carácter xurídico-laboral entre a Xunta de Galicia e o persoal que, suxeito á lexislación laboral, preste os seus servizos baixo a súa dependencia, a dos seus organismos autónomos e no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Segundo. A inclusión dunha nova disposición sobre a transitoriedade de aplicación do convenio ao persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar:

Disposición transitoria 13. Aplicación ao persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

«a) A partir do 1 de xaneiro de 2017, a xornada do persoal dos centros do Consorcio será a mesma que a do persoal do convenio único.

b) Recoñecerase a antigüidade do persoal do Consorcio para o efecto de acreditar os correspondentes trienios, que se aboarán a partir do 1 de xaneiro de 2017.

c) A equiparación retributiva do persoal que presta servizos no Consorcio que opte por integrarse como persoal laboral fixo –por ser esa a súa actual relación laboral– ou que sexa integrado como persoal laboral temporal no Convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia será idéntica á do persoal do Convenio colectivo único nas mesmas categorías. Aplicaranse as seguintes porcentaxes anuais de equiparación:

• No ano 2018, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2019, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2020, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2021, diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do Consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

• No ano 2022, equiparación efectiva co persoal laboral da Xunta de Galicia».

Terceiro. A modificación do anexo 2A do convenio para a inclusión das categorías de xerocultor/a, e a de persoal de servizos xerais (PSX) nos termos sinalados supra.

Cuarto. Con respecto ás categorías de persoal laboral que se inclúen no Convenio colectivo de conformidade co previsto no punto terceiro anterior, terase en conta que:

a) Se permitirá a mobilidade das persoas integrantes da categoría 3 do grupo IV aos postos de traballo creados na categoría de xerocultor/a, segundo os sistemas de provisión de postos establecidos no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

b) Os profesionais da categoría de persoal de servizos xerais (PSX) non terán que realizar ordinariamente as funcións de lavandaría se o centro conta cun servizo de lavandaría específico que as teña encomendadas.

c) Os profesionais da categoría de persoal de servizos xerais (PSX) non terán que realizar ordinariamente as funcións de cociña se o centro conta cun servizo de cociña específico que as teña encomendadas.

d) Os profesionais da categoría de persoal de servizos xerais (PSX) realizarán funcións de limpeza unicamente con carácter puntual, atendendo as necesidades cando sexa necesario para manter a continuidade do servizo, e sempre fóra do horario en que o centro ou unidade dispoña de servizo específico de limpeza.

e) Non se crearán PSX nos servizos centrais das distintas consellerías en Santiago de Compostela nin nos seus equivalentes nas delegacións e servizos territoriais nas provincias.

f) Debateranse os criterios de creación da categoría de PSX no ámbito do Convenio colectivo único nunha comisión técnica integrada por representantes da Administración e representantes do Comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia pertencentes ás organizacións sindicais que subscriban o presente anexo.

g) Enténdese conveniente suprimir a expresión «para o persoal» do segundo parágrafo do punto noveno do Acordo aprobado o día 22 de setembro de 2016 e substituíla por «cuxos postos de traballo estean no Consorcio».

h) As partes consideran necesario dar cabida, no acordo aprobado na Comisión de Persoal o día 22 de setembro de 2016, o aprobado no presente instrumento que se configurará, en todo caso, como anexo daquel. En tal sentido, levarase á Comisión de Persoal o novo acordo suprimindo especialmente as referencias que nel se contiñan ao día 20 de decembro de 2016.