Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2017 Páx. 32003

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

A agricultura galega atópase inmersa nun contexto de mercado moi competitivo e aberto derivado da progresiva liberalización do mercado mundial, da ampliación europea e as sucesivas reformas da PAC.

A racionalización do uso dos factores de produción leva a acometer proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas e que teñan como obxectivo un marcado carácter innovador ou de introdución de novas tecnoloxías, así como de incorporación de novos procesos ou de obtención de novos produtos que contribúan a diversificar a actividade principal das entidades ou a introducir actuacións de apoio complementarias á actividade dos socios, e que promovan o aumento da rendibilidade económica das explotacións agrogandeiras galegas e a mellora das condicións do traballo.

Vistos o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, que establece axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, o Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015 pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2017, no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 (Investimentos en activos físicos), submedida 4.1 (Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas) (procedemento MR323C).

Estas axudas teñen como finalidade:

1. Mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular, co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.

2. Reducir as emisións dos gases efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

Artigo 2. Definicións

Ademais das definicións establecidas na normativa comunitaria e estatal de aplicación, para os efectos desta orde, enténdese por:

1. Gastos xerais dos proxectos: os custos xerais vinculados ás operacións de investimento, tales como honorarios de enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade e plans empresariais, aos cales se refire o artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

2. Proxectos de innovación: entenderase que un proxecto é de carácter innovador se cumpre algún dos seguintes requisitos:

a) Proxecto singular.

b) Posta en marcha dunha nova tecnoloxía, creación de novos produtos ou mellorados que incorporen rasgos específicos locais.

c) Métodos de cooperación conxunta relacionados co aproveitamento das superficies agrarias de forma sustentable económica e ambientalmente.

O carácter innovador poderá estar presente no contido técnico do proxecto (no produto, no procedemento de obtención ou noutro elemento) ou na forma de organización e participación dos actores locais no proceso de toma de decisións e de aplicación do proxecto. A condición de innovador dun proxecto deberá ser acreditada mediante a pertenza á Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola a través da participación nun grupo operativo conforme o artigo 35.1.c) e os artigos 56 e 57 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda para o desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ou que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) acredite ese carácter innovador.

3. Investimentos complementarios aos procesos produtivos das explotacións: aqueles investimentos que se realicen sobre unha orientación produtiva distinta da principal.

4. Investimentos en proxectos de cooperación: aqueles investimentos realizados en coordinación cunha operación financiada a través da medida 16 do PDR de Galicia.

Artigo 3. Beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas as seguintes beneficiarias:

a) Cooperativas agrarias titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Artigo 4. Requisitos das beneficiarias

1. Xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

2. Compromiso de exercer a actividade agraria, obxecto da axuda, durante polo menos cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda.

3. As entidades deberán establecer as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a continuación da actividade de que se trate.

4. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.

5. Non ter a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), considerándose que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no número 20, alíneas a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18) do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

6. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben de estar incluídos os gastos declarados para esta axuda. Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

8. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorran algunha das circunstancias seguintes:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursos os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a seguir:

a) Reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade.

b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

c) Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licenzas de software e outros permisos.

2. Os gastos xerais dos proxectos non poderán superar o custe subvencionable do investimento, establecéndose un máximo dun 3 % para a redacción do proxecto, dun 3 % para a dirección de obra e dun 3 % para o estudo de viabilidade ou plan empresarial.

3. Non serán subvencionables a compra de dereitos de produción agrícola, animais e plantas anuais e a súa plantación; investimentos de simple substitución; maquinaria de segunda man; os custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento da explotación; os montes baixos de ciclo curto; maquinaria ou investimentos relacionados coa transformación ou coa comercialización; a maquinaria e os investimentos de carácter forestal. Tampouco será subvencionable o IVE nin licenzas e taxas administrativas.

Artigo 8. Comezo da subvencionabilidade

Só serán obxecto da axuda os investimentos efectuados despois de ter presentado a correspondente solicitude ao abeiro da presente orde de convocatoria coa excepción dos gastos xerais dos proxectos de acordo co punto 2 do artigo 60 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e logo de realización da certificación de non inicio realizada por persoal da Consellería do Medio Rural con posterioridade ao prazo de solicitude desta axuda.

Artigo 9. Presentación dos permisos administrativos

Para esta convocatoria, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán presentar a licenza municipal xunto coa solicitude de axuda nun prazo adicional de tres meses desde que remate o prazo de presentación das solicitudes. O mesmo prazo se establece para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. A falta de cumprimento destes requisitos suporá a denegación da axuda.

Artigo 10. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Unha vez que o Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario verifique o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado, despois de baremar as solicitudes de acordo co artigo 26 (criterios de selección de operacións), formulará a proposta de resolución. Este órgano estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. A persoa titular desta consellería ou en quen delegue, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de catro meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 11 Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. A notificación da concesión da axuda informará os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e da medida e da prioridade do PDR de que se trate.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos ou conceptos, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

3. Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos que se aprobaron deberá ser solicitado cunha anterioridade de polo menos 6 meses antes de que remate o prazo de execución.

Se os cambios supoñen a modificación da licenza, deberase entregar o proxecto coas modificacións que se van autorizar xunto coa licenza modificada e co resto da documentación exixida no artigo 7 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

A autorización dos cambios será anterior á súa execución. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento dos novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

Estes cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da conselleira do Medio Rural, agás aqueles que simplemente supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario.

O prazo para resolver estes cambios será de 1 mes. Se transcorrido o prazo para ditar a correspondente autorización, esta non se producir, o beneficiario entenderá denegada a súa petición de cambio de investimento.

4. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

5. A Consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 13. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de xustificación destas axudas remata o 30 de setembro de 2019, inclusive.

2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda a metade deste, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse cunha anterioridade de, polo menos, 2 meses antes de que acabe o prazo de execución. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nestas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 14. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, en calquera momento a partir do día seguinte desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 15. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 16. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro total nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Durabilidade dos investimentos: deberá reembolsarse a axuda se, nos cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, se produce calquera das seguintes circunstancias:

a) Cesamento ou relocalización da actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cambio da propiedade do elemento que proporcione a un terceiro unha vantaxe indebida.

c) Cambio substancial que afecte natureza, aos obxectivos ou ás condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os obxectivos orixinais.

4. No caso dun pagamento indebido, atendendo ao disposto no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, se for o caso, os xuros, que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

5. Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

a) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os investimentos.

b) Destrución accidental dos locais.

c) Epizootia ou enfermidade vexetal que afecte unha parte ou a totalidade do gando ou dos cultivos, respectivamente, do beneficiario.

d) Expropiación da totalidade o dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que presentou a solicitude.

6. Tampouco se producirá o reintegro cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria sexa absorbida ou fusionada por persoa xurídica que cumpra os requisitos exixidos, e esta asuma os compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas.

Artigo 17. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será a responsable de efectuar os controis en aplicación do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión. En todo caso, os controis levaranse a cabo tendo en conta o Plan galego de controis Feader das medidas non establecidas no ámbito do sistema integrado para o período 2014-2020.

2. Os pagamentos calcúlanse sobre a base do que se considera elixible durante os controis administrativos. A autoridade competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:

a) O importe pagadoiro ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión.

b) O importe pagadoiro ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado conforme a letra a) supera o importe fixado conforme a letra b) en máis do 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado conforme a letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis aló da retirada total da axuda.

Non obstante, non se aplicarán sancións cando o beneficiario poida demostrar á satisfacción da autoridade competente que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando a autoridade competente adquira doutro xeito a convicción de que o beneficiario non é responsable diso.

A sanción administrativa mencionada aplicarase, mutatis mutandis, aos gastos non admisibles detectados durante os controis sobre o terreo.

3. Non se aplicará ningunha redución, sanción ou exclusión nos seguintes supostos:

a) Cando o incumprimento obedeza a causas de forza maior.

b) Cando o incumprimento obedeza a erros obvios.

c) Cando o incumprimento obedeza a un erro da autoridade competente ou doutra autoridade, e se á persoa afectada por sanción administrativa non lle for posible detectar o erro.

d) Cando o interesado poida demostrar de forma satisfactoria para a autoridade competente que non é responsable do incumprimento das súas obrigas ou se a autoridade competente adquire doutro modo a convicción de que o interesado non é responsable.

e) Cando o incumprimento sexa de carácter menor, segundo defina a comisión.

f) Outros casos en que a imposición dunha sanción non sexa axeitada, segundo defina a comisión.

4. Antes do pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma.

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios destas axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei xeral de subvencións e nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión, ou en quen delegue, para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

Artigo 19. Publicidade das axudas cofinanciadas polo Feader

Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader.

A notificación da concesión da axuda informará os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e da medida e da prioridade do PDR de que se trate.

Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, do 28 de abril, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. Así:

• En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

– O emblema da Unión.

– Unha referencia á axuda do Feader.

• Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

– Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

– No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 €, colocando ao menos un panel ou unha placa con información sobre o proxecto e cos requisitos especificados no anexo III, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión así como a bandeira europea e o lema Feader (Europa inviste no rural), nun lugar ben visible para o público.

– No caso de que a persoa solicitante se beneficie dunha axuda pública total superior a 500.000 €, deberá colocar, nun lugar visible para o público, un cartel temporal de tamaño significativo relativo ás operacións financiadas, cos requisitos especificados no anexo IV. Posteriormente, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente, cos requisitos especificados no anexo IV, de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión da operación financiada.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos (bandeira europea e lema Feader) ocuparán como mínimo o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

Artigo 20. Transparencia, bo goberno e publicidade

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Asemade, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Sen prexuízo do disposto no artigo 9, as resolucións de concesión ou denegación da axuda serán obxecto de publicación de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións consignando todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura. O IVE non será subvencionable.

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación da factura e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento, sen que se admitan pagamentos en metálico.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento e acompañarase dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou as facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2017, con carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capitulo I desta orde.

Artigo 23. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Una vez rematado o prazo de solicitude e antes da aprobación, non se admitirán cambios no referente aos investimentos ou aos criterios de prioridade.

Artigo 24. Documentación que se presentará na solicitude da axuda

1. Para solicitar a axuda do procedemento MR323C, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación do acordo do consello reitor para solicitar a subvención.

b) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).

c) Copia dos estatutos da entidade.

d) Copia da escritura de constitución e inscrición rexistral.

e) Balances e contas de resultados do último exercicio presentado no rexistro correspondente e realizadas de acordo co plan xeral de contabilidade.

f) Certificación das explotacións agrarias asociadas participantes nos investimentos. Identificarase o NIF e o nome do titular da explotación.

g) Tres orzamentos. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

i. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo a compra de terreos.

ii. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

iii. Deberán incluír como mínimo o NIF, o nome e o enderezo da empresa oferente, o nome ou a razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

h) Certificación por parte da entidade solicitante en que consten os nomes, sexo e data de elección das persoas que compoñen o seu órgano de goberno.

i) No caso de investimentos en obra civil:

i. Proxecto visado (en soporte dixital) elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente)

ii. Xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras.

iii. No caso de novas construcións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.

j) No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe achegarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

k) No caso de investimentos relacionadas con operacións en agricultura ecolóxica, certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica.

l) Estudo de viabilidade técnico-económica elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente), que deberá incluír:

a) Unha memoria dos investimentos que se realizarán, na que se indique e xustifique:

a. O investimento colectivo que se vai realizar.

b. O número de explotacións socias.

c. Localización onde se realizará o investimento (en explotación titularidade da entidade asociativa ou ben en explotación dos seus socios). Referencia catastral das parcelas onde se realizará o investimento.

d. Orientacións produtivas actuais e orientacións produtivas dos novos investimentos.

e. Se a entidade procede ou non de fusión de cooperativas e enumeración destas, se for o caso.

f. Se o investimento se realizará ou non en zonas incluídas na Rede Natura 2000.

g. Se o investimento supón ou non un aforro enerxético.

h. Se son investimentos en tecnoloxías novas e eficaces para reducir as emisións de CO2 e NH3.

b) Unha descrición da situación inicial da explotación agrícola, con indicación das fases e obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación.

c) Un análise de mercado (con matriz dafo).

d) Unha descrición da situación final unha vez levado a cabo o plan de empresa.

e) Información pormenorizada sobre os investimentos que se van realizar e prazos (ingresos, gastos, investimento, financiamento, balance, conta de resultados e tesouraría), no cal:

• Se indiquen as melloras que se van realizar,

• Se estableza unha valoración do seu impacto sobre o cambio climático (emisións de gases de efecto invernadoiro, capacidade de adaptación),

• Se inclúan as medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo eficiente de auga, etc.,

• Figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea, estatal o autonómica así o exixa, e que preste especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000.

f) Información pormenorizada sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agrícola, incluídas as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 25. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

– Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia.

– No caso de investimentos situados en zonas incluídas na Rede Natura 2000, informe favorable da autoridade competente en materia ambiental.

– No caso de investimentos en proxectos de cooperación, comprobación de que ten resolución de concesión de axuda da operación financiada a través da medida 16 do PDR de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 26. Criterios de selección de operacións

1. Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Establécense os seguintes criterios de prioridade:

a) Número de explotacións agrícolas asociadas:

1º. > 750: 4 puntos.

2º. De 151 a 750: 3 puntos.

3º. De 31 a 150: 2 puntos.

4º. De 6 a 30: 1 puntos.

5º. De 0 a 5: 0 puntos.

b) Investimentos na explotación agrícola titularidade da entidade asociativa: 4 puntos

c) Atendendo ao importe neto da cifra de negocio (INCN):

i. 0 € ≤ INCN ≤ 2.000.000 €: 1 punto.

ii. 2.000.000 € < INCN ≤ 10.000.000 €: 2 puntos.

iii. 10.000.000 € < INCN < 25.000.000 €: 3 puntos.

d) Investimento localizado nunha zona de montaña tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014_2020: 3 puntos.

e) Órgano de goberno cunha porcentaxe de mulleres igual ou superior ao 50 %: 2 puntos.

f) Investimentos complementarios aos procesos produtivos das explotacións. 2 puntos.

g) Investimentos de aforro enerxético (>50 % do investimento elixible): 2 puntos.

h) Investimentos en tecnoloxías novas e eficaces para reducir as emisións de CO2 e NH3: 2 puntos.

i) Investimento localizado nunha zona distinta á de montaña con limitacións naturais significativas ou limitacións específicas tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014-2020: 1 punto.

j) Investimentos en proxectos innovadores: 1 punto.

k) Investimentos en proxectos de cooperación: 1 punto.

3. A puntuación máxima dunha solicitude será de 23 puntos, e necesítanse un mínimo de 6 puntos para poder ser subvencionable.

4. No caso de empate en puntos, priorizaranse as entidades solicitantes con investimentos en proxectos innovadores, seguido dos investimentos en proxectos de cooperación. Por último, se persistir este empate, priorizarse segundo a orde dos criterios de selección.

Artigo 27. Contía económica das axudas

1. O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 70 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10 % no caso dos investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica;

b) 15 % en investimentos colectivos, cando o beneficiario procede de fusión de cooperativas;

c) 10 % para investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013;

d) 10 % no caso das operacións subvencionadas no marco das asociacións europeas de innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

Establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 € e un máximo de 5.000.000 €.

Artigo 28. Xustificación e pagamento da axuda

1. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e cuxo gasto e pagamento se xustifique con posterioridade á data de presentación da solicitude (acta de non inicio), agás no caso dos gastos xerais dos proxectos, e ata a data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, presentando a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pago, para os efectos do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

3. Respecto das condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben, terase en conta o seguinte:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

4. Unha vez presentada a solicitude de pagamento dos investimentos, o persoal designado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias realizará os correspondentes controis administrativos previos ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 100.000 euros de investimento.

5. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos para os cales ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos cales a solicita, e a axuda recalcularase segundo corresponda á redución do investimento.

6. Os investimentos realizados, no caso de variación sobre os aprobados, deben garantir suficientemente que se cumpre o obxectivo perseguido no momento da solicitude. De non ser así, poderase iniciar o procedemento de revogación da aprobación da solicitude.

7. Poderán realizarse pagamentos á conta, os cales poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada.

O importe conxunto dos ditos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

De acordo co suposto previsto no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas cun importe subvencionado superior aos 18.000 euros deberán constituír unha garantía bancaria ou unha garantía equivalente que corresponda ao 110 % do importe do pagamento á conta, de acordo co referido no artigo 67.3. A dita garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do pagamento á conta.

Artigo 29. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 75 %, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 13.03.712B 772.0, para o ano 2017, seiscentos mil euros (600.000), para o ano 2018, dous millóns de euros (2.000.000) e para o 2019, tres millóns catrocentos mil euros (3.400.000). En total seis millóns de euros (6.000.000).

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

Disposición transitoria. Cláusula suspensiva

As axudas reguladas na presente orde están condicionadas á aprobación pola Comisión Europea da modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 que se lles presentou o 29 de decembro de 2016. Como consecuencia:

a) As resolucións de concesión de subvención que se adopten quedarán suxeitas á condición suspensiva en tanto se produza a referida aprobación.

b) Os beneficiarios da axuda estarán obrigados ao cumprimento do previsto no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aínda cando os termos finais en que sexa aprobada a modificación recollan obrigacións, condicións ou requisitos non previstos nestas bases reguladoras.

c) Nos supostos de diverxencias cos termos finais do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, logo de audiencia do interesado, resolverá a modificación das concesións de subvención afectadas, as cales poderán ser deixadas total ou parcialmente sen efecto, ou introducirse nelas novas condicións.

d) No caso de que unha axuda resolta ao amparo destas bases reguladoras, sexa deixada sen efecto como consecuencia dos termos en que finalmente sexa aprobada a modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, tal circunstancia non xera dereito ningún sobre o seu beneficiario.

e) As resolucións de concesión de subvención que, se for o caso, se adopten en aplicación da presente disposición deberán informar os seus beneficiarios dos termos da suspensión.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO III

Carteis e placas

Os modelos de carteis e placas que os beneficiarios de axudas Feader deben utilizar para cumprir coas obrigas recollidas no artigo 19, adaptaranse ao seguinte formato estándar, no cal o emblema da Unión Europea e a denominación do fondo, conxuntamente co lema, ademais da descrición do proxecto ou operación, deberán ocupar como mínimo o 25 % do deseño.

missing image file

Cores e tipo de letra

Cor branco fondo

Branco

Cor fondo 1

Gris

Cor fondo 2

Cian 100 %

Cor fondo 3

Negro

Tipo de letra

Rafale

Tipo de letra Feader e lema

News Gothic

Cor letra 1

Negro

Cor letra 2

Branco

Dimensións

Axuda pública total

Cartel temporal

Placa permanente

>500.000 €

Dimensión mínima (A)

140 cm

30 cm

Altura mínima chan (h)

150 cm

-

No caso de encontrarse en óptimas condicións de mantemento, o cartel temporal poderá ser utilizado como placa permanente.

Axuda pública total

Cartel

Placa

>50.000 €

Dimensión mínima (A)

100 cm

30 cm

Altura mínima

130 cm

-

No caso de investimentos en infraestruturas, tales como camiños, operación de reestruturación parcelaria ou, en xeral, actuacións que abarcan unha grande área territorial, se empregarán preferentemente carteis. Cando o investimento financiado afecte a un edificio, maquinaria ou similar, se utilizarán preferentemente placas.

Tanto os carteis como as placas serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), non sendo admisibles a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

O elemento publicitario debe manterse, polo menos, durante un prazo idéntico ao do compromiso que adquire o beneficiario ao recibir a subvención.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file