Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2017 Páx. 32649

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2017 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión deste organismo autónomo á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para a xestión da formación dos/das profesionais do Servizo Galego de Saúde, derivada do programa Úlceras fóra.

De conformidade co previsto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á Resolución do 16 de xuño de 2017, do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a xestión da formación dos/das profesionais do Servizo Galego de Saúde, derivada do programa Úlceras fóra.

– Actividade: a Axencia asumirá a xestión das actividades formativas propostas polo Servizo de Integración Asistencial do Servizo Galego de Saúde, dentro dos límites orzamentarios establecidos. Estas actividades formativas deben estar enmarcadas dentro da formación referida á deterioración da integridade cutánea e tisular ou a actividades que faciliten a apertura de liñas de investigación ou mellora do traballo coa mellor evidencia dispoñible.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encomenda de xestión a un medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio ven recollida no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: ata o 31 de decembro de 2017.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde