Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2017 Páx. 34067

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 354748.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para os distintos tipos de axudas.

2. As empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral.

Segundo. Obxecto

Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, previamente cualificadas no rexistro administrativo de Galicia.

Terceiro. Tipos de axudas

1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda:

a) Á contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

b) Á contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira das empresas de inserción laboral.

c) Á contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.

d) Á creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

e) Ao inicio e á posta en marcha da actividade.

f) Á asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL.

g) Á formación para as persoas en proceso de inserción.

h) Á mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.

2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias dos seguintes tipos de axuda:

a) Á contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.

b) Á asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se convocan para o ano 2017.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse trescentos setenta e oito mil setecentos noventa con vinte e nove euros (378.790,29 €).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 4 de setembro de 2017.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria