Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2017 Páx. 34073

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 6 de xullo de 2017 pola que se convoca o programa Xuventude Crea.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da mocidade, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Coa aprobación do Decreto 246/2016, do 13 de novembro, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 8, a estrutura da Consellería de Política Social. A dita consellería conta coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

Polo exposto, a Consellería de Política Social, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Xuventude Crea.

Por todo isto,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Parte xeral

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Xuventude Crea, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017, e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda e cociña.

O programa Xuventude Crea regúlase a través do procedemento administrativo BS310Q (programa Xuventude Crea).

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Poderán solicitar a participación as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2017 agás o establecido no capítulo II segundo para cada especialidade.

2. Enténdese por profesional para os efectos da presente disposición, aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta en que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

3. Agás no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual.

4. Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

5. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición, e unicamente a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non acadarse unha participación mínima de dez solicitantes logo de comunicación a estas persoas.

6. A información contida neste artigo debe ser cumprimentada co disposto no capítulo II (parte específica).

Artigo 3. Obras e premios

1. Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

2. As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.

3. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer as persoas participantes.

4. Establécense os seguintes premios por cada unha das especialidades (teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, deseño de xoias, moda e cociña):

Un primeiro premio de 3.000 euros.

Un segundo premio de 1.500 euros.

Un terceiro premio de 1.000 euros.

O cobramento destes premios queda condicionado á correspondente actuación por parte das persoas premiadas nos lugares que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado enmarcados dentro do Circuíto de Creatividade. As primeiras persoas premiadas realizarán dúas actuacións e as segundas e terceiras unha actuación.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden a suficiente calidade.

5. Cada persoa participante non poderá recibir máis dun premio por especialidade.

6. Estes premios serán complementados de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade.

7. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme á lexislación tributaria.

8. Entregaranse diplomas a todas as persoas premiadas e ás persoas finalistas.

9. Segundo a calidade das obras poderían ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio repartirase de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A solicitude das persoas participantes deberá facerse no impreso de solicitude (anexo I).

As solicitudes deberán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Se é o caso, da obra ou da documentación que corresponda de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta. Tanto na obra como na documentación citada non figurarán datos que identifiquen o autor ou autora.

b) Un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do autor ou da autora, e no cal irá o boletín de inscrición (anexo II) debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

1) Copia do DNI polas dúas caras ou de documento oficial que acredite suficientemente a identidade (se a persoa participante é un grupo será a de todos os membros do grupo), só no caso de que a persoa interesada ou os membros do grupo deneguen expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. No caso de denegación expresa por parte dun grupo utilizarase o anexo III, para facer constar esta circunstancia.

2) No caso de que a persoa participante sexa menor de idade precísase autorización do/da pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

3) Certificado de empadroamento, no caso de que a persoa solicitante interesada ou os membros do grupo deneguen expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. No caso de denegación expresa por parte dun grupo utilizarase o anexo III, para facer constar esta circunstancia.

4) Calquera soporte audiovisual que se envíe (CD, DVD...) deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravado.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 6. Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de agosto de 2017.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, requirirase á persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites posteriores ás solicitudes deberán realizarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Tramitación: comisión de selección

Constituirase unha comisión de selección en cada especialidade que terá como función o exame e valoración das solicitudes presentadas, elaborar a proposta de resolución e elevala ao órgano competente para resolver.

As solicitudes que estean completas remitiranse á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación de tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución.

As decisións da comisión de selección terán a consideración de actos de trámite.

Os seus membros serán nomeados/as pola persoa titular da Consellería de Política Social, a proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e estará integrada por un/unha presidente/a, que será exercido pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou a persoa en quen delegue; un/unha secretario/a, que recaerá nun/nunha funcionario/a da Consellería de Política Social con voz pero sen voto e un máximo de cinco vogais, todas estas persoas profesionais e expertos/as de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore. Na composición da comisión de selección procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Os nomes das persoas integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web http://xuventude.xunta.gal con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As persoas compoñentes da comisión de selección agás o/a presidente/a, percibirán axudas de custo pola súa colaboración.

Artigo 10. Resolución

Corresponderá ditar a resolución do procedemento á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

A resolución será notificada a todas as persoas solicitantes, segundo o establecido no artigo 10, no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditara no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, se o acto non fora expreso, as persoas interesadas e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto; ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de seis meses se o acto fose presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A relación de premiados/as de cada especialidade será publicada na páxina web
http://xuventude.xunta.gal

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Destino e devolución das obras

1. As obras das persoas participantes premiadas quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as especialidades incluídas na presente convocatoria.

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso de traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado dos dereitos de edición.

O feito de participar nesta convocatoria supón a autorización das persoas participantes, a favor da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se estime oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

3. Os autores e as autoras quedarán comprometidos/as a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

4. Nos traballos premiados divulgados polo seu autor/a deberá constar que foi premiado na edición de Xuventude Crea na modalidade correspondente.

5. As obras das persoas participantes non premiadas ou, de ser o caso, calquera outro material presentado no seu lugar, deberán ser retiradas por elas ou pola persoa autorizada no lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da comisión de selección.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que poderá darlles o destino que estime oportuno.

Artigo 13. Protección de datos de carácter persoal

De acordo co artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase que os datos recollidos ao abeiro desta disposición, que se consideran exactos e postos ao día, ademais de pertinentes e axeitados, serán incorporados ao ficheiro «Actividades dirixidas á cidadanía», cuxa finalidade é a xestión de todas as actividades dirixidas á cidadanía tales como: programas de lecer, actividades de voluntariado, desenvolvemento de actividades culturais, etc. Os datos recollidos non serán cedidos a terceiros, agás que algunha lei o previse. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Política Social. A persoa interesada pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante esta Secretaría Xeral Técnica no enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.gal

CAPÍTULO II
Parte específica

Sección 1ª. Teatro

Artigo 14. Condicións xerais

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2017. Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e os 16 anos.

En calquera caso, tanto as persoas integrantes da dirección como o do equipo técnico non se verán afectados polo disposto no artigo 2, parágrafo 1, desta disposición.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán:

a) Listaxe das persoas compoñentes do grupo, indicando a idade e a función.

b) Unha síntese da obra (título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa ...).

c) DVD dunha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos.

Artigo 15. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 grupos que serán os que representen as obras ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 650 euros por grupo.

Sección 2ª. Artes plásticas

Artigo 16. Condicións xerais

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura e escultura.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD. No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando a xuízo da comisión sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

c) Ficha técnica da obra na cal se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura).

No caso de escultura o peso máximo da obra non poderá superar os 50 kg.

Artigo 17. Desenvolvemento

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a súa exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data en que terá lugar a exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no apartado 8 deste artigo.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe farase polo autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. As pinturas deberán levar marco ou bastidor.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 3ª. Fotografía

Artigo 18. Condicións xerais

1. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha ou varias fotografías, ata un máximo de 10, en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando a xuízo da comisión sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

b) Declaración responsable de que a obra presentada, non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

c) Ficha técnica da obra en que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais.

Artigo 19. Desenvolvemento

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data en que terá lugar o evento, todo isto sen prexuízo do disposto no apartado 7 deste artigo.

3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe farase polo autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 4ª. Música

Artigo 20. Condicións xerais

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Maqueta en CD debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polas persoas compoñentes inscritas, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego e, en calquera caso, un dos temas deberá ser en galego, agás que se trate de pezas instrumentais.

b) Ficha técnica na cal se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

c) Fotografía recente do grupo ou solista.

d) Relación nominal mecanografada das persoas compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

e) Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

f) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado/a.

g) Declaración responsable acreditativa de que a persoa participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD.

3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.

Artigo 21. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 persoas participantes que serán as que actuarán ante esta, no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos ocasionados pola actuación por un importe máximo de 600 euros no caso de grupos ou de 300 euros no caso de solistas.

2. Para as actuacións da fase final as persoas participantes levarán os seus propios instrumentos, agás a batería, que será proporcionada pola organización.

3. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polo persoal técnico da organización.

Sección 5ª. Relato breve

Artigo 22. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN A-4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección 6ª. Poesía

Artigo 23. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN A-4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección 7ª. Videocreación

Artigo 24. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. Quedan excluídas deste certame todas as obras que teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha ficha técnica da obra en que se inclúa o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía da videocreación e datos técnicos e artísticos de interese.

5. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso a gravación deberá estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para a súa correcta visión, xa que no caso contrario a obra será rexeitada.

6. A duración de cada obra non poderá exceder os 12 minutos.

7. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2016.

8. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resérvase o dereito a solicitar ás persoas participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública.

9. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resérvase a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nos medios de comunicación.

Sección 8ª. Banda deseñada

Artigo 25. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. No caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 9ª. Graffiti

Artigo 26. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN A-3 (realizado a man e presentado a cor).

b) Fotografías dos graffitis realizados máis recentemente pola persoa solicitante (ou enderezo da internet onde se poidan ver os traballos).

Artigo 27. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 9 persoas participantes, que serán requiridas para realizar un mural de aproximadamente 4 m × 2 m ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 350 euros por participante individual ou grupo. A selección realizarase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: deseño, estrutura, tema e colorido (que deberán responder á maior calidade).

2. A xuízo da comisión, será motivo de descualificación a realización de graffitis fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección 10ª. Deseño de xoias

Artigo 28. Condicións xerais

1. A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de fornituras compradas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

As fotografías das xoias deberán presentarse sobre unha folla de álbum de fotos, tamaño DIN A-4 e mostrarse na escala máis próxima á real 1:1. Deben estar sen asinar e sen ningunha identificación do autor ou da autora.

b) Na parte posterior da folla do álbum de fotos, incluirase unha ficha técnica da colección, onde se explicarán os materiais utilizados e todos os datos que sexan de interese na colección.

Sen prexuízo do anterior, as fotografías das xoias presentaranse tamén en CD.

Artigo 29. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 10 participantes, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, selección de materiais, terminacións e acabados, e estas obras exhibiranse ante esta comisión no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, se fosen requiridos/as para iso.

Sección 11ª. Moda

Artigo 30. Condicións xerais

1. As coleccións deben ser orixinais.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) Unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm × 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

b) Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 31. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para unha exposición ata un máximo de 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, experimentación formal nos deseños, selección de tecidos, colorido, patronaxe, volumes e texturas, e que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 500 euros por participante.

Sección 12ª. Cociña

Artigo 32. Condicións xerais

1. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

2. Só se admitirá unha receita por participante, sexa individual ou en grupo.

3. A receita presentada por cada participante –individual ou en grupo– pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 5 da presente disposición, e no mesmo sobre, as persoas participantes presentarán:

a) A receita, que deberá estar escrita en lingua galega, terá que incluír: título do prato, relación de ingredientes –avalados, prioritariamente, por algunha das denominacións de orixe de Galicia– e o proceso de elaboración.

b) Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD.

5. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Artigo 33. Desenvolvemento

1. Haberá unha fase semifinal por provincia. A comisión seleccionará un máximo de catro participantes por provincia para a fase semifinal, para que elaboren o prato proposto no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asumirá os gastos orixinados para a súa elaboración por un importe máximo de 75 euros por participante (individual ou grupo). No caso de que nunha provincia se presentaran menos de catro proxectos, a comisión poderá decidir que participen na semifinal desa provincia participantes doutras provincias ata completar os catro proxectos, no caso de que nas outras provincias exceda de catro o número de proxectos presentados.

2. A comisión seleccionará a unha persoa participante por provincia para participar na fase final, para que elaboren o prato proposto no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

3. Nas dúas fases, semifinal e final, o tempo máximo de elaboración do prato será de 2 horas.

4. Para as dúas fases –provincial e final– as persoas participantes levarán a súa propia vaixela e enxoval, agás a cociña, que será proporcionada pola organización.

5. Para a selección dos pratos propostos a comisión de selección terá en conta, preferentemente, os seguintes criterios: a presentación, a orixinalidade, a innovación, o aroma, o sabor e o emprego de produtos galegos de calidade.

Disposición adicional primeira. Pretensións dunha pluralidade de persoas

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá achegarse coa solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, no seu defecto, coa que figure en primeiro termo.

Disposición adicional segunda. Delegación da competencia para resolver

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta disposición.

Disposición adicional terceira. Orzamento

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 12.05.313A.640.0 e 12.05.313A226.06 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, cunha contía de 112.778 euros.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta disposición.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file