Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 27 de xullo de 2017 Páx. 35691

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2017 pola que se anula a Resolución do 16 de xuño de 2017 pola que se convocou a provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de xefe/a do Servizo de Docencia.

O pasado 28 de xuño de 2017 publicáronse no Diario Oficial de Galicia (núm. 122) tres resolucións polas que se convocaban varios postos de xefatura de servizo da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, entre elas, a Resolución do 16 de xuño de 2017 pola que se convoca a provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de xefe/a do Servizo de Docencia.

No punto primeiro da citada resolución anunciábase a convocatoria para cubrir o dito posto polo sistema de libre designación.

Porén, mentres non se proceda á adaptación da relación de postos de traballo da Axencia á nova forma de provisión que corresponda no marco dos criterios establecidos na Resolución do 25 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda (DOG núm. 44, do 4 de marzo), procede anular a referida convocatoria con base no disposto no artigo 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deixando sen efecto as solicitudes de participación que as persoas potencialmente interesadas poidan ter cursado no prazo establecido naquela convocatoria e poñendo asemade fin ás expectativas de dereito depositadas na futura e hipotética adxudicación do posto.

Con base no que antecede e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Anular a Resolución do 16 de xuño de 2017 pola que se convoca a provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de xefe/a do Servizo de Docencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Segundo. Deixar sen efecto as solicitudes para participar nesta convocatoria que, de ser o caso, fosen cursadas polas persoas aspirantes, poñendo fin, como consecuencia do anterior, á expectativa de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo cuxa convocatoria se anula.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, consonte os artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso administrativo de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde