Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2017 Páx. 35786

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 68/2017, do 13 de xullo, polo que se modifica o Decreto 104/2016, do 28 de xullo, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

O 11 de agosto de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 104/2016, do 28 de xullo, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica. Este observatorio, configurado como un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, créase coa finalidade de facilitar o coñecemento pormenorizado da realidade demográfica galega e asesorar as administracións públicas galegas para a inclusión da perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das súas políticas e ao mesmo tempo servir de foro de diálogo permanente entre as distintas administracións públicas e as organizacións representativas de intereses sociais e económicos, co fin de asegurar a súa participación activa na abordaxe dos desafíos derivados do cambio demográfico.

A xestión do declive demográfico a que nos enfrontamos en Galicia obriga a adoptar unha visión sistemática e a abordar os distintos desafíos dun modo transversal e interdisciplinar. Neste senso, os factores poboacionais débense incorporar no deseño e desenvolvemento de todas as políticas públicas, o cal implica un compromiso non só da Xunta de Galicia e do resto de administracións públicas galegas, senón tamén dos distintos axentes sociais e económicos da nosa comunidade, que se deben corresponsabilizar na adopción de novos enfoques e estratexias que permitan superar os retos que se nos presentan. Todo isto fai recomendable incrementar a participación destes axentes incorporando ao Consello Económico e Social de Galicia, como órgano consultivo nas materias socioeconómicas, imprescindibles para poder atender o proceso demográfico.

Así mesmo, esta xestión require dun consenso político e dun compromiso estratéxico e visión de país que posibilite o establecemento de medidas estables a medio e longo prazo, polo que se considera oportuno tanto incluír na composición deste órgano os distintos grupos constituídos no Parlamento de Galicia, como establecer os mecanismos precisos para garantir que as decisións que se adopten no seu seo gocen do maior grao de acordo.

Con base no exposto, considérase necesario realizar unha modificación do Decreto 104/2016, do 28 de xullo, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, para, por unha banda, ampliar a súa composición coa presenza do Consello Económico e Social de Galicia e dos distintos grupos constituídos no Parlamento de Galicia e, por outra, establecer a necesidade dunha maioría cualificada para adoptar os seus acordos, co fin de alcanzar a maior conformidade posible na toma de decisións.

Así mesmo, a través desta modificación introdúcese un novo punto no artigo 4, no cal se fixa a sede física do observatorio. Así, considérase que o lugar máis idóneo para exercer as súas funcións é a sede do Consello Económico e Social de Galicia, como un símbolo da vocación de pluralidade e consenso con que nace este órgano.

Por outra banda, na procura de dotar de maior visibilidade o mundo académico e as distintas forzas sociais e económicas, modifícase o artigo 8 referido á vicepresidencia, no senso de que será desempeñada por unha persoa que, formando parte do Observatorio, pertenza a algún destes ámbitos. Así mesmo, modifícase o artigo 9 referido á secretaría, na mesma vontade de ampliar a participación na xestión do Observatorio.

A incorporación na súa composición do Consello Económico e Social de Galicia, así como de cada un dos grupos parlamentarios de Galicia, implica a modificación do artigo 10 referido ás vogalías, xa que as persoas que os representen serán propostas e revogadas, se é o caso, por estes órganos.

Finalmente, no referido artigo, en virtude das achegas recibidas no trámite de audiencia, incorpórase a revisión do punto 2 ampliando o prazo de antelación da recepción da convocatoria e asuntos que se van tratar, así como a información para o cumprimento das funcións, que afecta as letras a) e e) do dito punto.

A vocación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica é servir, a través dunha acción integrada e sostida no tempo, como instrumento en que se materialice o consenso xeneralizado e a vontade común sobre as medidas que se deben adoptar para abordar os desafíos demográficos na nosa comunidade autónoma.

Consonte o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, esta disposición foi sometida a trámite de audiencia, a información pública e conta con todos os informes correspondentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Social, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xullo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 104/2016, do 28 de xullo, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

O Decreto 104/2016, do 28 de xullo, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, queda modificado como segue:

Un. O artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Adscrición e sede do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

1. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica adscríbese á consellería competente en materia de benestar social, que lle prestará o soporte persoal e material preciso para o exercicio das súas funcións.

2. O observatorio terá a súa sede na do Consello Económico e Social de Galicia».

Dous. O artigo 6 queda redactado como segue:

«Artigo 6. Composición

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica terá a seguinte composición, que procurará unha participación equilibrada de mulleres e homes:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia.

c) Secretaría.

d) Vogais:

1º. Un/unha vogal, con rango mínimo de xefatura de servizo, designado/a en representación dos órganos dependentes da Presidencia e un/unha representante por cada unha das consellerías da Xunta de Galicia.

2º. Unha persoa en representación do Consello Galego de Relacións Laborais.

3º. Unha persoa en representación do Instituto Galego de Estatística (IGE).

4º. Unha persoa en representación da Delegación do Goberno en Galicia.

5º. Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

6º. Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas.

7º. Un número de persoas equivalente ao de representantes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

8º. Unha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, así como das presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que non teñan a condición de máis representativas.

9º. Unha persoa en representación de cada un dos grupos constituídos no Parlamento de Galicia ao inicio de cada lexislatura.

10º. Unha persoa en representación do Consello Económico e Social de Galicia.

11º. Dúas persoas expertas de recoñecido prestixio no campo da demografía.

12º. Unha persoa en representación do órgano superior da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade».

Tres. O número 1 do artigo 8 queda redactado como segue:

«1. A vicepresidencia do Observatorio será exercida pola persoa que propoña o pleno de entre aquelas que, formando parte del, non representen ningunha consellería ou organismo autonómico, a Administración central ou os grupos parlamentarios».

Catro. O artigo 9 queda redactado como segue:

«Artigo 9. Secretaría

1. A secretaría do Observatorio será desempeñada de forma rotatoria e cunha periodicidade semestral por unha persoa funcionaria pertencente ao Consello Económico e Social de Galicia e por outra persoa funcionaria pertencente á Consellería de Política Social.

2. As persoas titulares da secretaría e as suplentes que as substitúan nos supostos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa lexítima debidamente xustificada, serán nomeadas e separadas pola persoa titular da presidencia do Observatorio, por proposta dos correspondentes órganos descritos no punto anterior.

3. Son funcións das persoas que exercen a secretaría:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Observatorio por orde da súa presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co Observatorio e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado».

Cinco. O artigo 10 queda redactado como segue:

«Artigo 10. Vogalías

1. Os/as vogais titulares do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica e as persoas suplentes que os/as substitúan nos supostos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa lexítima debidamente xustificada, serán nomeados/as e separados/as pola persoa titular da presidencia do Observatorio, por proposta da organización, entidade ou órgano dos recollidos no artigo 6 que corresponda en cada caso.

As persoas expertas previstas no artigo 6.d).11 serán propostas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de dinamización demográfica.

2. Correspóndelle ás vogalías:

a) Recibir cunha antelación mínima de sete días a convocatoria que conteña a orde do día das reunións, salvo nos supostos de urxencia apreciada pola presidencia do Observatorio en que a antelación mínima será de corenta e oito horas.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Formular suxestións e preguntas.

e) Ter á disposición, cunha antelación mínima de sete días, a información precisa para cumprir as funcións asignadas, salvo nos supostos de urxencia apreciada pola presidencia do Observatorio en que a antelación mínima será de corenta e oito horas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogal dun órgano colexiado.

3. Serán causas de separación do exercicio das súas funcións as seguintes:

a) A renuncia expresa.

b) A revogación da representación, por parte da organización, entidade ou órgano que a propuxo.

c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

d) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.

As circunstancias anteriormente sinaladas deberán comunicarse á secretaría do Observatorio».

Seis. O número 3 do artigo 13 queda redactado como segue:

«3. Os acordos adoptaranse por maioría de 3/5 das persoas membros do Observatorio. Faranse constar en acta os votos discrepantes, así como o seu fundamento, se así se solicita».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xullo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social