Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2017 Páx. 35814

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2017 pola que se publica o Regulamento de estudos de doutoramento, aprobado no Pleno ordinario do Consello de Goberno do 12 de xuño de 2017.

Preámbulo

A entrada en vigor do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, fixou un novo marco normativo para adaptar estas ensinanzas ao Espazo Europeo de Educación Superior, proceso iniciado no ano 1999 coa Declaración de Boloña. Por iso, a Universidade de Santiago de Compostela aprobou un Regulamento de estudos de doutoramento adaptado a aquela norma estatal, que foi o froito dun previo acordo das tres universidades do Sistema universitario de Galicia de cara a ter un marco xurídico similar especialmente no que atinxía á xestión académica.

A Universidade de Santiago de Compostela reorganizou a estrutura orgánica e funcional dos estudos de doutoramento coa adopción do Acordo de modificación da estrutura de goberno e de xestión dos estudos de doutoramento e do Centro de Estudos Avanzados, e Creación do Centro de Estudos Propios na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Pleno do Consello de Goberno do 29 de xullo de 2016.

O dito acordo propuxo a transformación da Escola de Doutoramento Internacional (EDI) existente noutras catro: EDI Terra, EDI Saúde, EDI Ciencias e EDI Sociais, e aprobou a creación do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS), que asume a xestión e a coordinación das ensinanzas de doutoramento da USC, así como dos procesos que conduzan á obtención do título de doutor.

Pouco tempo antes, fora publicado o Real decreto 195/2016, do 13 de maio, polo que se establecen os requisitos para a expedición do Suplemento europeo ao título universitario de doutor, que incide directamente nun aspecto da xestión académica destes estudos.

Por todo o anterior, cómpre adaptar o ata agora vixente Regulamento de estudos de doutoramento aos cambios descritos. Dado que isto supón unha modificación profunda da norma, procede aprobar un novo Regulamento de estudos de doutoramento.

CAPÍTULO PRELIMINAR
Principios xerais

Artigo 1. Marco normativo

O presente regulamento regula a organización dos estudos de doutoramento conducentes á obtención do título de doutor ou doutora na universidade, que terá carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

CAPÍTULO I
Estudos de doutoramento

Artigo 2. Estrutura dos estudos de doutoramento

1. Os estudos de doutoramento, cuxo obxecto final é a elaboración, defensa e aprobación dunha tese que incorpore resultados orixinais de investigación, organizaranse a través de programas de doutoramento consonte os artigos 57 ao 60, 120 a 126, 136, 139 e 140 dos Estatutos da Universidade, e de acordo cos criterios establecidos no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

2. Os programas de doutoramento comprenderán a formación investigadora, que non requirirá necesariamente unha estruturación en créditos ECTS e poderá ter ben un carácter transversal, ben un específico no ámbito de cada programa.

3. Na memoria do programa establecerase a relación de actividades formativas, con indicación expresa, de ser o caso, daquelas que son de carácter obrigatorio para todo o estudantado do dito programa.

4. A actividade esencial do/a doutorando/a será a investigación.

5. Todos os programas de doutoramento da Universidade deberán estar adscritos necesariamente a unha das súas escolas de doutoramento propias ou ás interuniversitarias ou mixtas, creadas en colaboración con organismos públicos ou privados.

6. O Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS) encargarase da xestión e da coordinación das ensinanzas de doutoramento, así como dos procesos que conduzan á obtención do título de doutor.

Artigo 3. Do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS)

1. No que atinxe ao ámbito dos estudos de doutoramento, o CIEDUS conta cun director e cun Consello de Coordinación dos Estudos de Doutoramento, o cal asume, entre outras, as funcións da Comisión de Doutoramento prevista no artigo 140 dos Estatutos da Universidade.

2. No que atinxe ao ámbito dos estudos de doutoramento, son funcións do CIEDUS as seguintes:

a) A planificación, coordinación, avaliación e difusión da oferta de doutoramento.

b) A planificación e coordinación funcional e administrativa das escolas de doutoramento.

c) A xestión administrativa da defensa de teses de doutoramento.

d) Asegurar a calidade dos programas de doutoramento.

e) O apoio á xestión das escolas de doutoramento da USC.

3. Son funcións do Consello de Coordinación dos Estudos de Doutoramento as seguintes:

a) Planificar e deseñar a estratexia da USC para o desenvolvemento das súas ensinanzas de doutoramento.

b) Promover a posta en marcha de ensinanzas de doutoramento segundo criterios de oportunidade, calidade e sustentabilidade.

c) Difundir a oferta dos títulos de doutoramento, tanto na USC como fóra dela.

d) Promover a internacionalización das ensinanzas de doutoramento.

e) Xestionar o orzamento da USC no relativo ás ensinanzas de doutoramento.

f) Promover a creación, modificación e supresión de escolas de doutoramento.

g) Propor ou informar sobre a modificación do Regulamento de estudos de doutoramento da USC, antes da súa aprobación por parte do Consello de Goberno.

h) Calquera outra función que lle encomende o Consello de Goberno en relación coas ensinanzas de doutoramento.

4. O nomeamento do director do CIEDUS, as súas competencias e a composición do Consello de Coordinación dos Estudos de Doutoramento están dispostos no Acordo de modificación da estrutura de goberno e de xestión dos estudos de doutoramento e do Centro de Estudos Avanzados, e Creación do Centro de Estudos Propios na Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 4. Das escolas de doutoramento

1. A creación, modificación e supresión de escolas de doutoramento deberán realizarse consonte o artigo 59 e concordantes dos Estatutos da Universidade, o artigo 8 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e as disposicións ditadas para o efecto pola Comunidade Autónoma.

2. As escolas de doutoramento (ED), baixo a coordinación do CIEDUS, asumen a organización, planificación, xestión, supervisión e seguimento da oferta global de actividades propias do doutoramento na Universidade, sen prexuízo do establecido na disposición adicional cuarta deste regulamento. A súa finalidade será concibir un modelo de formación doutoral flexible, interdisciplinar e de calidade, orientado a potenciar as liñas de investigación dos programas de doutoramento da USC.

3. Co obxectivo de incrementar a calidade da oferta de doutoramento, poderán tamén crearse escolas de doutoramento interuniversitarias ou mixtas, en colaboración con organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+I, públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras. A creación farase, consonte co artigo 58.3 dos Estatutos da Universidade, a través do oportuno convenio, logo de informe favorable do CIEDUS, e consonte o establecido no artigo 8 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e nas disposicións ditadas para o efecto pola Comunidade Autónoma.

4. No convenio de creación das escolas de doutoramento interuniversitarias ou mixtas garantirase a participación da Universidade no seu goberno, na actividade e nos resultados científicos e económicos, polo menos en proporción aos recursos materiais e investigadores con que contribúa, e determinarase a representación das entidades colaboradoras no Comité de Dirección.

5. As escolas de doutoramento propias, interuniversitarias ou mixtas elaborarán o seu regulamento de réxime interno, que será aprobado polo Consello de Goberno e establecerán, entre outros aspectos, os dereitos e deberes dos/das doutorandos/as e dos/das titores/as e dos/das directores/as de teses, así como a composición e funcións das comisións académicas dos programas de doutoramento. Así mesmo, contarán co seu propio código de boas prácticas, que deberán subscribir todos os integrantes da escola.

6. Son membros da Escola de Doutoramento os membros integrantes dos órganos de dirección da Escola, o persoal docente e investigador que forma parte dos programas de doutoramento e os/as doutorandos/as matriculados na USC nos programas de doutoramento da Escola.

7. As escolas de doutoramento, de acordo co artigo 120 dos Estatutos da Universidade, teñen como órganos de goberno: o Comité de Dirección, o director ou directora e o secretario ou secretaria. Segundo o artigo 121.1 dos Estatutos da Universidade, o Comité de Dirección, que realizará as funcións relativas á organización e xestión, estará composto:

a) Polo/a director/a da escola de doutoramento, quen o convocará e presidirá.

b) Polo/a secretario/a da escola de doutoramento, que o será tamén do Comité de Dirección.

c) Polos/as coordinadores/as dos programas de doutoramento adscritos á Escola.

d) Por unha representación do persoal docente e investigador vinculado aos programas de doutoramento adscritos á Escola, nos termos que determine o seu regulamento de réxime interno.

e) Por unha representación dos/das doutorandos/as matriculados/as nos programas de doutoramento adscritos á Escola, que suporá o 25 % do total dos membros do Comité de Dirección.

f) Por un representante do persoal de administración e servizos.

8. O director ou directora dunha escola de doutoramento será elixido polo Comité de Dirección e nomeado/a polo/a reitor/a, entre o persoal docente e investigador co título de doutor e vinculación permanente á Universidade que reúna a condición de investigador de recoñecido prestixio. Esta condición acreditarase coa xustificación da posesión de, polo menos, tres períodos de actividade investigadora recoñecidos de acordo co Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario ou, no caso, de non resultarlle de aplicación o dito criterio de avaliación, deberá acreditar méritos equiparables aos sinalados.

9. No Comité de Dirección das escolas de doutoramento interuniversitarias ou mixtas integrarase unha representación dos organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+I, públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras, que colaboren. O alcance desta representación será determinado no convenio de creación da correspondente escola de doutoramento.

10. A universidade dotará as escolas de doutoramento da infraestrutura e dos recursos que considere oportunos para o desenvolvemento das súas funcións e, especificamente, do persoal de administración e servizos necesario para a xestión administrativa e económica dos seus programas de doutoramento.

Artigo 5. Das comisións académicas dos programas de doutoramento

1. Cada programa de doutoramento contará cunha Comisión Académica do Programa de Doutoramento (en adiante CAPD), órgano responsable do deseño, implantación, actualización, organización, calidade e coordinación do programa de doutoramento.

2. A CAPD estará integrada por un mínimo de cinco membros e un máximo de quince, de entre o profesorado asignado ao programa que teña vinculación permanente coa Universidade e dedicación a tempo completo, en posesión de polo menos un período de actividade investigadora recoñecida de acordo ao Real decreto 1086/1989, de 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, ou mérito equivalente para o profesorado contratado. Os seus membros serán elixidos polo profesorado do programa de entre aquel que reúna as condicións establecidas neste artigo e cos criterios que determine a CAPD, e en consonancia co Regulamento de réxime interno da Escola de Doutoramento a que pertenza. Serán nomeados polo/a reitor/a por 4 anos.

3. A CAPD terá un/unha presidente/a e un/unha secretario/a. Este último dará fe dos acordos adoptados pola Comisión e redactará as actas das sesións.

4. Nos programas de doutoramento interuniversitarios, ou nos que participen organismos, entidades, centros ou institucións con actividades de I+D+I, poderá integrarse na CAPD persoal investigador destas universidades, organismos ou institucións, de acordo co establecido no correspondente convenio. O dito persoal deberá acreditar os mesmos méritos que o persoal da Universidade de Santiago de Compostela no que respecta á actividade investigadora, ou méritos equiparables no caso de que non lle sexan de aplicación os ditos criterios.

Artigo 6. Competencias das comisións académicas

1. Son funcións da comisións académicas dos programas de doutoramento as seguintes:

a) Deseñar, organizar, coordinar e propor á escola de doutoramento o conxunto de actividades que conforman o programa, incluíndo liñas de investigación, actividades formativas, relación de persoal investigador que asumirá a titoría e a dirección de teses de doutoramento, criterios de admisión e selección do estudantado e toda canta información sexa requirida pola Universidade en cumprimento da normativa vixente.

b) Manter actualizada a información referente ao programa de doutoramento e transmitila á escola de doutoramento e ao CIEDUS nos prazos e procedemento establecidos.

c) Realizar o proceso de valoración de méritos e admisión do estudantado no programa de doutoramento, mediante a aplicación dos criterios e dos procedementos de selección establecidos na memoria de verificación, que serán públicos.

d) Asignarlle un/unha titor/a ao estudante admitido/a no programa de doutoramento e un/unha director/a.

e) Acceder ao cambio de designación do/da titor/a e/ou do/da directora/a, e autorizar a codirección da tese se concorren razóns de índole académica que o xustifiquen, sen prexuízo do disposto no artigo 10.

f) Establecer, se procede, os complementos específicos de formación que o estudantado debe cursar para ser admitido no programa de doutoramento.

g) Establecer, se procede, os requisitos de formación transversal e de formación específica no ámbito do programa que o estudantado debe cursar tras ser admitido no programa de doutoramento.

h) Realizar anualmente a avaliación do documento de actividades e do desenvolvemento do plan de investigación de cada doutorando/a, tendo en conta os informes que para tal efecto deberán emitir o/a titor/a e o/a director/a.

i) Autorizar as estadías e as actividades en institucións de ensinanza superior ou centros de investigación de prestixio, incluídas as necesarias para a obtención da mención internacional no título de doutor. Estas estadías e actividades deberán contar cun informe previo e ser avaladas polo/a director/a e o/a titor/a.

j) Emitir Informe sobre a realización de estudos de doutoramento a tempo parcial no seu programa, cando proceda.

k) Emitir informe, de ser o caso, sobre as prórrogas na duración dos estudos de doutoramento e a concesión de baixas temporais, segundo o disposto no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, e nos artigos 26 e 27 deste regulamento.

l) Facer as propostas de modificación e/ou suspensión/extinción do programa, que serán remitidas ao órgano responsable na Universidade para súa valoración.

m) Aprobar os requisitos de calidade das teses de doutoramento do programa de doutoramento.

n) Emitir o informe de autorización de inicio de trámite para a presentación e exposición pública da tese de doutoramento.

o) Elaborar a memoria para a verificación e/ou modificación do programa de doutoramento segundo a normativa vixente.

p) Calquera outra función que lle encomende o órgano responsable dos estudos de doutoramento na Universidade ou se lle asigne en cumprimento do presente regulamento e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 7. Coordinador/a do programa de doutoramento

1. Cada programa de doutoramento deberá contar cun/cunha coordinador/a, que por proposta da Comisión Académica do Programa de Doutoramento será nomeado polo/a reitor/a e exercerá como presidente/a.

2. O/a presidente/a proporá un/unha secretario/a, que será nomeado polo/a reitor/a.

3. O/a coordinador/a debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter dirixido ou codirixido polo menos dúas teses de doutoramento.

b) Estar en posesión de polo menos dous períodos de actividade investigadora recoñecidos de acordo co Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, ou equivalente.

c) Ter vinculación permanente coa universidade e dedicación a tempo completo.

4. Só se poderá ser coordinador/a dun único programa de doutoramento.

5. Nos programas de doutoramento interuniversitarios, a designación do/a coordinador/a será por acordo entre as partes e no modo indicado no convenio. Os requisitos que deba reunir axustaranse á normativa que ao respecto teña cada universidade ou ao que estableza, de ser o caso, o convenio.

Artigo 8. Profesorado do programa de doutoramento

1. Considérase profesorado do programa todo/a doutor/a adscrito/a formalmente a algunha das súas liñas de investigación, sen prexuízo da posible colaboración en determinadas actividades específicas doutras persoas ou profesionais en virtude da súa relevante cualificación científica ou profesional no correspondente ámbito de coñecemento.

2. A adscrición do profesorado a un programa poderase facer no momento da súa posta en marcha mediante a súa inclusión na memoria de verificación ou, posteriormente, logo de informe da CAPD coa súa incorporación nesta memoria. Poderase incorporar ao programa persoal docente ou investigador alleo á propia universidade.

3. Como regra xeral, un profesor/investigador só poderá estar asignado a un programa de doutoramento, sen prexuízo de que poida colaborar en actividades formativas doutros programas como convidado.

4. Excepcionalmente, cando se participa en dúas liñas de investigación diferenciadas ou no caso de programas derivados de convocatorias europeas, Erasmus Mundus o similares, poderase permitir a adscrición do profesor/investigador en máis dun programa de doutoramento, o que requirirá a autorización expresa do CIEDUS, pero só poderá formar parte dunha CAPD.

5. A participación de profesorado da Universidade como membro dun programa de doutoramento doutra universidade requirirá a autorización expresa do CIEDUS.

Artigo 9. Titores/as do programa de doutoramento

1. A admisión definitiva dun/dunha doutorando/a nun programa de doutoramento implica a asignación dun único titor ou titora, designado pola CAPD correspondente. Tratarase dun profesor ou profesora asignado/a ao programa, con vinculación coa Universidade de carácter permanente ou durante o período completo de duración das teses, para os casos de PDI contratado e persoal investigador dos programas Ramón y Cajal e similares.

2. Como regra xeral, o/a titor/a terá como labores:

a) Velar pola interacción do/a doutorando/a coa Comisión Académica e co/coa director/a da tese.

b) Velar pola adecuación da formación e a actividade investigadora do/a doutorando/a ás liñas do programa.

c) Orientar o/a doutorando/a nas actividades docentes e de investigación do programa.

3. A CAPD, oído o/a doutorando/a, poderá modificar o nomeamento do/a titor/a en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.

4. O labor de titorización será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

5. Considerarase como «persoa autorizada» ou «perfil autorizado» o/a titor/a ou director/a do/a doutorando/a da Universidade habilitado/a a criterio da CAPD para trasladar todos os informes de avaliación ou xestións a través da plataforma informática da Universidade. Debe ter vinculación coa Universidade durante o período completo de duración das teses.

Artigo 10. Directores/as da tese de doutoramento

1. No momento de admisión no programa de Doutoramento, a cada doutorando/a seralle asignado por parte da correspondente Comisión Académica un/unha director/a de tese ou, de non ser posible, no prazo máximo de tres meses logo da matriculación.

2. O/a director/a de tese será o máximo responsable da planificación, coherencia e idoneidade das actividades de formación e investigación, así como do impacto e novidade no seu campo da tese de doutoramento.

3. Poderá ser director/a da tese calquera doutor/a español ou estranxeiro, con experiencia acreditada investigadora, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos. Para os efectos desta normativa, por acreditada experiencia investigadora enténdese o cumprimento dalgún dos seguintes requisitos:

a) Ter recoñecido polo menos un sexenio de actividade investigadora ou mérito equivalente.

b) Ser, nos últimos 6 anos, investigador/a principal dun proxecto de investigación financiado mediante convocatoria pública (excluíndo os proxectos de convocatorias propias da universidade).

c) Acreditar a autoría ou coautoría, nos últimos seis anos e sempre con posterioridade á defensa da súa tese, de polo menos tres contribucións científicas relevantes no seu ámbito. Cada escola de doutoramento definirá as características destas contribucións.

d) Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente.

e) Ter dirixido unha tese de doutoramento nos últimos cinco anos coa cualificación de sobresaliente cum laude ou apto cum laude que dese lugar, polo menos, a unha publicación en revistas indexadas no ISI-JCR ou algunha contribución relevante no seu campo científico, segundo os criterios da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNAAI).

4. No caso de que un/unha profesor/a do programa cumpra os requisitos para ser director/a e titor/a asumirá as dúas funcións.

5. No caso de que o/a director/a non teña vinculación coa universidade, a CAPD asignará un/unha titor/a que cumpra os requisitos establecidos no artigo 9 deste regulamento.

6. A tese poderá ter máis dun/dunha director/a cando concorran razóns de índole académica ou cando a interdisciplinariedade temática ou os programas desenvolvidos en colaboración nacional ou internacional así o xustifiquen. O número máximo de directores/as que deberá asignar a CAPD, sen ser necesaria a autorización da escola de doutoramento, será de dous/dúas.

7. Será necesaria a autorización da escola de doutoramento para a asignación dun/dunha director/a, logo de proposta da CAPD, nos seguintes casos:

a) Na asignación dun terceiro director/a, cando exista un convenio específico que o requira.

b) No caso de inclusión dun novo director/a transcorridos 24 meses desde o inicio dos estudos.

c) No caso da asignación dun/dunha director/a que non acredite a súa experiencia investigadora segundo o indicado neste artigo e sempre e cando o/a doutorando/a teña a asignado outro director/a que si a cumpra.

8. O cambio de director/a ou directores/as, que deberá ser excepcional e motivado, será aprobado pola CAPD.

9. O labor de dirección de tese será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado. O Consello de Goberno poderá fixar o número máximo de teses que pode estar dirixindo un docente da Universidade, logo de proposta do Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento.

CAPÍTULO II
Novas propostas de programas de doutoramento e modificación das existentes

Artigo 11. Presentación e tramitación das propostas

1. O calendario e os criterios de aprobación de novas propostas de programas de doutoramento ou a modificación dos existentes será establecido anualmente pola Universidade, mediante acordo do Consello de Goberno. A Universidade intentará consensuar este calendario co resto de universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. A tramitación dun novo programa de doutoramento iníciase coa presentación da declaración de intencións ao órgano responsable da xestión da oferta académica, por iniciativa dun ou varios grupos de investigación (ou agrupación de investigadores) ou do equipo de goberno.

A declaración de intencións deberá conter a composición inicial da Comisión Académica do Programa e a información básica da proposta co obxecto de valorar o seu alcance.

3. A proposta de modificación dun programa de doutoramento será presentada pola Comisión Académica ao órgano responsable da xestión da oferta académica.

4. Unha vez recibidas as declaracións de intencións, o órgano responsable da xestión da oferta académica valorará o cumprimento dos requisitos xerais establecidos na normativa vixente, en particular o artigo 4 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. O órgano correspondente do CIEDUS valorará mediante a emisión dun informe en termos favorables ou desfavorables a súa adecuación aos principios da estratexia institucional en materia de I+D+I e da formación doutoral da Universidade.

5. No caso das novas propostas, a aprobación da declaración de intencións por parte do Consello de Goberno implica o nomeamento formal da CAPD, que deberá desenvolver a proposta de acordo co procedemento que no seu momento teña fixado a USC.

6. Unha vez aprobada por parte da CAPD a proposta definitiva do programa de doutoramento, que incluirá, polo menos, a proposta de memoria segundo formato establecido para o efecto e o conxunto de documentos que definen e sustentan o proxecto formativo, procederase segundo o calendario establecido para o efecto.

Artigo 12. Dos programas de doutoramento interuniversitarios

1. As universidades poderán organizar con outras universidades, nacionais ou estranxeiras, mediante o asinamento dun convenio, programas de doutoramento conducentes á obtención dun único título de doutor.

2. O convenio establecerá como mínimo:

– A relación de universidades participantes, con indicación expresa da universidade que asume a coordinación do programa.

– A estrutura da Comisión Académica do Programa de Doutoramento e as súas funcións.

– A descrición da mobilidade de estudantado e/ou profesorado, de ser o caso.

– A matrícula e custodia dos expedientes.

– A universidade responsable da expedición e rexistro do título de doutor.

– O procedemento de modificación e/ou extinción do programa de doutoramento.

– O réxime de xestión de recursos económicos do programa, de ser o caso.

3. No caso de programas de doutoramento organizados de forma conxunta por universidades do Sistema universitario de Galicia, cada universidade deberá presentar a correspondente declaración de intencións e a posterior proposta, que serán tramitadas polos órganos correspondentes en cada unha delas.

4. É competencia e responsabilidade da universidade coordinadora asumir as seguintes funcións, ademais das que figuren no correspondente convenio de colaboración do programa:

a) Coordinar o proceso de elaboración e aprobación do programa de doutoramento tratando de asegurar a participación activa e equilibrada das universidades signatarias.

b) Realizar as xestións e trámites administrativos do procedemento de autorización ante a Comunidade Autónoma e da verificación ante o Consello de Universidades, así como informar as universidades participantes sobre o estado da tramitación.

c) Promover e xestionar o convenio de colaboración do programa de doutoramento.

d) Remitir ás universidades participantes os informes de avaliación e/ou autorización emitidos pola ACSUG, polo departamento competente en materia de universidades da Comunidade Autónoma e polo Consello de Universidades, ademais dos documentos que conformen a memoria do programa unha vez que sexa autorizado e verificado.

e) Facer os trámites formais de rexistro no RUCT dos correspondentes títulos.

f) Coordinar os procedementos de seguimento e renovación da acreditación do programa de doutoramento.

g) Coordinar, de ser o caso, o procedemento de modificación e/ou extinción do programa de doutoramento.

Artigo 13. Acreditación dos programas de doutoramento

Conforme o disposto no artigo 24.2 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e o artigo 10.3 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, cada seis anos desde a data da súa verificación inicial ou desde a súa última acreditación, os programas de doutoramento deberanse someter a un procedemento de avaliación para renovar a súa acreditación segundo a normativa vixente.

Artigo 14. Extinción dos programas de doutoramento

1. A universidade aprobará o procedemento de extinción dos programas de doutoramento que imparta.

2. Son causas de extinción dun programa de doutoramento as seguintes:

– Que non supere o proceso de renovación da acreditación establecido no artigo 10 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

– Que non acredite o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa estatal ou autonómica vixente.

– Que se formule proposta de extinción do programa ao abeiro dos procesos de revisión e mellora do título de acordo co procedemento aprobado pola Universidade.

– Cando concorra calquera situación excepcional que impida o correcto desenvolvemento do programa de doutoramento.

3. A extinción dun programa de doutoramento suporá:

– A perda do seu carácter oficial e a baixa no RUCT.

– A imposibilidade de matricular novo estudantado no programa de doutoramento.

– A obriga de informar a todo o estudantado da extinción do programa de doutoramento e das súas consecuencias no desenvolvemento dos seus estudos.

4. A Universidade adoptará as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos do estudantado matriculado nun programa de doutoramento a extinguir nos termos establecidos na resolución de extinción do plan de estudos.

CAPÍTULO III
Acceso e admisión en estudos de doutoramento

Artigo 15. Acceso

Para o acceso aos estudos de doutoramento seguirase o disposto no artigo 6 do Real decreto 99/2011, do 28 xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento e na convocatoria de matrícula da USC.

Artigo 16. Admisión

1. Na memoria de verificación dos programas de doutoramento poderanse establecer requisitos e criterios adicionais para a selección e admisión do estudantado.

2. Se o estudantado carece da formación previa completa exixida no programa de doutoramento, a admisión poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos.

3. Polo anterior, os programas, a través da súa memoria, determinarán os complementos de formación, que deberán ser concretados para cada estudante pola CAPD, sen que se poidan superar os 15 ECTS.

4. Os complementos de formación específica poderán ser materias ou módulos de máster e grao e terán, para os efectos de prezos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento.

5. A realización destes complementos será previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa de doutoramento.

6. Se a matrícula destes complementos é previa á matrícula da tutela académica producirá os seguintes efectos:

– O estudantado só se matriculará dos complementos formativos.

– Non se asinará o compromiso de supervisión a que fai referencia o artigo 31 deste regulamento nin se abrirá o documento de actividades do/a doutorando/a ata a súa superación.

– O desenvolvemento daqueles nin computará para os efectos do límite temporal establecido para a realización da tese, nin para os efectos dos requisitos ordinarios de acceso ao programa de doutoramento.

7. No caso de cursar os complementos de formación simultaneamente coa tutela académica, o estudantado deberase matricular dos ditos complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa de doutoramento.

8. Os complementos de formación deberanse superar no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos; no caso contrario causarase a baixa do/a doutorando/a no correspondente programa de doutoramento.

Artigo 17. Estudantado con titulacións estranxeiras

1. O alumnado con título estranxeiro sen homologar poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que acredite un nivel de formación equivalente ao do título oficial español de máster universitario que faculte para o acceso aos estudos de doutoramento no país expendedor do título. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo nin o recoñecemento para outros efectos que os de acceso a estas ensinanzas.

2. De ser necesario, na solicitude de admisión do estudantado tamén se incluirá a posibilidade de realizar simultaneamente a solicitude de equivalencia. A CAPD valorará a adecuación académica dos estudos cursados pola persoa solicitante, e esta circunstancia ten que figurar na proposta de admitidos no programa.

3. As resolucións de equivalencia constarán no expediente do estudantado e poderanse certificar como calquera outro aspecto que o integre.

4. O estudantado poderase matricular sen esperar a resolución de equivalencia, pero a validez da súa matrícula quedará condicionada a esta declaración.

Artigo 18. Estudantado con necesidades especiais

Para o estudantado con necesidades educativas especiais estableceranse sistemas e servizos de apoio e asesoramento adecuados, que poderán determinar a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos.

Artigo 19. Procedemento de admisión

1. O estudantado que reúna os requisitos de acceso e admisión poderá solicitar, na forma e no lugar que sinale a convocatoria de matrícula, a admisión nun programa de doutoramento dentro do prazo de preinscrición.

2. Finalizado o prazo de preinscrición, a USC publicará a relación provisional de admitidos, coa súa correspondente lista de agarda, de acordo cos criterios de selección establecidos no programa de doutoramento.

3. Os aspirantes non admitidos poderán presentar reclamación no prazo e forma establecidos na correspondente convocatoria de matrícula.

4. Transcorrido o prazo de reclamacións e resoltas as presentadas, remitirase a relación definitiva de admitidos ao órgano de xestión de estudantado correspondente, co fin de que formalicen a súa matrícula no prazo que se sinale. De non formalizar a súa matrícula, o solicitante decaerá no seus dereitos.

Artigo 20. Cambio de programa de doutoramento

O cambio de programa de doutoramento deberá ser autorizado polo CIEDUS, logo de solicitude xustificada do/a doutorando/a e cos informes das CAPD dos programas implicados, e da escola ou escolas de doutoramento a que pertenzan. O Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento deberá establecer as causas posibles e o procedemento para os ditos cambios.

CAPÍTULO IV
Matrícula

Artigo 21. Matrícula no programa de doutoramento

1.Os/as doutorandos/as admitidos nun programa de doutoramento deberanse matricular anualmente polo concepto de tutela académica e, cando proceda, dos complementos de formación determinados pola CAPD, na unidade de xestión correspondente e de acordo co procedemento e calendario establecido pola universidade.

2. A matrícula é automática por todo o período dos estudos sempre que se cumpra coa obriga de aboar anualmente os prezos públicos que correspondan. Por iso, se o/a doutorando/a non confirma a matrícula anual nun curso académico co aboamento dos prezos públicos, causará baixa definitiva no correspondente programa, sen prexuízo dos supostos de baixa temporal que este estableza.

3. A matrícula de tutela académica outórgalle ao/á doutorando/a o dereito á titoría académica, á utilización dos recursos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo e á plenitude de dereitos establecidos pola normativa para o alumnado de doutoramento.

4. Nos programas de doutoramento conxuntos, o convenio incluído na memoria do título determinará a forma e condicións da matrícula.

5. Nos programas de intercambio de estudantado, o acordo asinado polas universidades participantes, xunto coa normativa que a universidade determine, definirá a forma en que se debe levar a cabo a matrícula de estadía.

6. Correspóndelle á Comunidade Autónoma fixar os prezos públicos dos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario.

7. O estudantado matriculado nun programa de doutoramento estará adscrito á escola de doutoramento correspondente e ao departamento ao cal pertenza o seu titor ou titora.

Artigo 22. Períodos de matrícula

1. Na convocatoria de matrícula de cada curso académico a universidade determinará os períodos de matrícula ordinarios para o estudantado de novo ingreso, procurando que existan dous no mesmo curso académico: un antes do comezo do primeiro cuadrimestre; e outro antes do comezo do segundo cuadrimestre. A CAPD poderalle solicitar á universidade que non prevexa un segundo período de matrícula para estudantado de novo ingreso.

2. Os prazos para o pagamento dos prezos públicos serán os fixados na convocatoria de matrícula.

3. As tres universidades do Sistema universitario de Galicia tratarán de establecer un calendario de matriculación común.

Artigo 23. Matrícula a tempo completo e a tempo parcial

1. A matrícula poderase formalizar a tempo completo ou a tempo parcial.

2. Para formalizar a matrícula a tempo parcial, será requisito indispensable o acordo neste sentido da CAPD para o cal o doutorando deberá acreditar algunha das circunstancias seguintes:

a) De carácter laboral, é dicir, o tipo de prestación de servizos, preferentemente as duración indefinida ou estables, a existencia de contratos duración determinada prolongados no tempo ou outras circunstancias laborais análogas.

b) De carácter familiar, como as situacións de dependencia, o coidado de maiores ou de fillos/as discapacitados/as, as familias con fillos/as en idade escolar e as situacións de violencia de xénero.

c) De carácter persoal, en particular o estudantado que teña unha discapacidade nun grao igual o superior ao 33 %, se o solicita e xustifica documentalmente á CAPD.

3. Non se poderá conceder a matrícula a tempo parcial no caso de ter simultaneidade con outros estudios universitarios.

4. Como regra xeral, o cambio de modalidade de matrícula deberase solicitar nos períodos de matrícula ordinarios, extraordinariamente, a modificación das circunstancias laborais, familiares ou persoais do/a doutorando/a poderá propiciar o cambio da modalidade de matrícula noutros períodos. Na concesión do cambio de modalidade poderase, cando sexa posible, determinar a data de finalización do período en que o/a doutorando/a se atopa a tempo parcial.

Artigo 24. Simultaneidade da matrícula nun programa de doutoramento e noutros estudos universitarios

Para a simultaneidade da matrícula nun programa de doutoramento coa matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao e/ou máster universitario), terase en conta:

a) Que a matrícula nun programa de doutoramento a tempo completo computa, para os efectos de valoración da simultaneidade de estudos nun curso académico, como 60 ECTS.

b) Que a suma dos créditos ECTS da matrícula a tempo completo no programa de doutoramento e a matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao e/ou máster universitario) nun mesmo curso académico non pode exceder os 90 ECTS.

c) Que o/a doutorando/a non teña un vínculo contractual ou a condición de investigador en formación.

CAPÍTULO V
Duración dos estudos de doutoramento

Artigo 25. Cómputo do tempo de permanencia e duración máxima e mínima dos estudos de doutoramento

1. O cómputo do tempo de permanencia nos estudos de doutoramento contarase desde a primeira matrícula no doutoramento ata a presentación da solicitude do depósito da tese tal e como se describe:

Tempo total = tempo en dedicación completa + 0,6 × tempo en dedicación parcial

Tendo en conta que nos períodos de dedicación a tempo parcial o cómputo do tempo equivale a 0,6 do tempo completo.

2. A duración máxima dos estudos de doutoramento a tempo completo será de tres anos; a tempo parcial de cinco anos; e no caso de concorrencia de períodos a tempo completo e a tempo parcial, o que corresponda segundo o indicado para o cálculo total do cómputo do tempo.

3. A duración mínima dos estudos de doutoramento será; a tempo completo, de 18 meses; a tempo parcial, de 30 meses; e no caso de concorrencia de períodos tanto a tempo completo e a tempo parcial, o que corresponda segundo o indicado para o cálculo total do cómputo do tempo.

Artigo 26. Prórrogas para a realización dos estudos de doutoramento a tempo completo e a tempo parcial

1. Se a solicitude do inicio de trámites para a presentación da tese de doutoramento non se realiza no prazo establecido, a CAPD podería autorizar a súa prórroga, tras a solicitude do/a doutorando/a. A prórroga sería dun ano nos estudos de doutoramento a tempo completo e de dous anos nos estudos de doutoramento a tempo parcial. No caso de se teren en conta períodos a completo e a tempo parcial, a duración da prórroga será proporcional ao tempo do/a doutorando/a en cada unha das modalidades de dedicación (prórroga = 12/36 t. completo + 24/60 t. parcial).

2. De forma excepcional, poderíase ampliar este prazo en ambos os casos noutro ano adicional. A autorización das prórrogas farase de forma motivada e de acordo co procedemento que estableza a universidade.

Artigo 27. Baixa temporal e baixas definitivas nun programa de doutoramento

1. A baixa temporal no programa de doutoramento poderá ser solicitada polo/a doutorando/a á CAPD alegando enfermidade, embarazo ou calquera outra causa prevista na normativa laboral vixente. O período máximo de baixa temporal será dun ano, ampliable ata outro máis. A CAPD pronunciarase sobre se procede acceder ao solicitado polo/a doutorando/a, de acordo coa normativa da universidade. As actividades desenvolvidas polo/a doutorando/a durante a baixa temporal non se poderán incluír no documento de actividades, mentres que os períodos de baixa temporal no programa non computarán no prazo de desenvolvemento da tese a que fai referencia o artigo 25 deste regulamento.

2. As baixas definitivas poden ser de carácter administrativo ou de carácter académico.

3. Son causas de baixa definitiva de carácter administrativo as seguintes:

a) Non realizar a matrícula anual nun curso académico.

b) Non ter presentado o plan de investigación nos prazos establecidos.

c) Non ter superados os complementos de formación en 3 cuadrimestres consecutivos.

4. Ante as baixas definitivas de carácter administrativo, o estudantado afectado podería:

– Solicitar, por unha única vez e tres cursos despois de terse producido a dita baixa, a reincorporación ao mesmo programa de doutoramento. Esta reincorporación implica a anulación de todas as actuacións do expediente anterior.

– Solicitar, por unha única vez e nun curso académico posterior, a matrícula noutro programa de doutoramento diferente, en consonancia co artigo 20 deste regulamento.

5. Son causas de baixa definitiva de carácter académico as seguintes:

a) Ter dous informes negativos consecutivos na avaliación anual. Enténdese tamén por informe anual negativo o caso de ter o plan de investigación rexeitado.

b) Non ter superada a defensa da tese nos prazos establecidos.

6. Ante as baixas definitivas de carácter docente, o estudantado afectado non poderá solicitar a matrícula no mesmo programa de doutoramento, pero si poderá solicitar, por unha única vez e nun curso académico posterior, a matrícula noutro programa de doutoramento diferente, consonte co artigo 20 deste regulamento.

7. O/a reitor/a ditará resolución de baixa definitiva do programa, contra a cal poderá presentar recurso potestativo de reposición.

CAPÍTULO VI
Organización da formación e expediente do estudantado

Artigo 28. Competencias e destrezas que debe adquirir o alumnado

Os estudos de doutoramento garantirán, como mínimo, a adquisición por parte do alumnado das competencias básicas, destrezas e habilidades recollidas no artigo 5 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, así como aqueloutras que figuren no Marco español da cualificación para a educación superior.

Artigo 29. Documento de actividades do/a doutorando/a

1. Unha vez matriculado no programa de doutoramento, materializarase para cada doutorando/a o documento de actividades personalizado a efectos do rexistro individualizado. Nel inscribiranse todas as actividades de interese para o desenvolvemento do/a doutorando/a segundo o que estableza a escola de doutoramento, e será avaliado anualmente pola CAPD.

2. O documento de actividades personalizado deberase axustar ao formato e ao sistema electrónico que se estableza, e deberá quedar constancia documental das actividades realizadas polo/a doutorando/a.

3. O/a doutorando/a anotará no seu documento de actividades personalizado aquelas que realice no contexto do programa. Os seus rexistros serán valorados e validados polo/a titor/a e/ou director/a.

4. Terán acceso ao documento de actividades personalizado, para as funcións que correspondan en cada caso, o/a doutorando/a, o seu titor/a, o seu director/a de tese, así como os que participen na avaliación ou xestión do expediente.

Artigo 30. Plan de investigación e avaliación anual

1. O plan de investigación incluirá a metodoloxía que empregará e os obxectivos que se deberán acadar, ademais dos medios e a planificación temporal para facelo. No seu primeiro curso académico os/as doutorandos/as deberán ter presentado o plan de Investigación antes de seis meses desde a data da súa matrícula. O plan deberá ser avalado co informe do/a director/a, do/a titor/a e da CAPD.

2. O plan de investigación poderase modificar mediante a presentación dun novo plan de investigación, que contará co aval do/a titor/a e do/a director/a.

3. Anualmente a CAPD avaliará o plan de investigación e o documento de actividades personalizado, para o que disporá dos informes que para tal efecto deberán emitir o/a titor/a e o/a director/a.

4. No caso de avaliación negativa, que será debidamente motivada, o/a doutorando/a someterase a unha nova avaliación, segundo os prazos fixados pola USC para os informes anuais, para o cal poderá emendar as carencias sinaladas pola CAPD. No suposto de producirse unha nova avaliación negativa, o/a doutorando/a causará baixa definitiva no programa conforme o establecido no artigo 27 deste regulamento. Contra a avaliación negativa o/a doutorando/a pode solicitar a súa revisión de forma motivada e no prazo de 15 días desde a notificación da dita avaliación.

Artigo 31. Compromiso documental de supervisión

1. A Universidade determinará as funcións de supervisión dos/as doutorandos/as mediante un compromiso documental de supervisión asinado polo/a doutorando/a, o seu titor/a, o seu director/a de tese, o/a coordinador/a do programa de doutoramento no que estea matriculado e o/a director/a da escola de doutoramento, segundo o procedemento establecido. O compromiso documental de supervisión asinarase no prazo máximo dun mes desde a asignación dun/dunha director/a da tese.

2. No compromiso documental de supervisión, especificaranse as condicións de realización da tese, os dereitos e deberes do/a doutorando/a, incluíndo os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, ademais da aceptación do procedemento de resolución de conflitos. Incluiranse tamén os deberes do/a titor/a e do seu director/a de tese.

Artigo 32. Resolución de conflitos

1. As dúbidas ou as controversias que xurdan en relación cos axentes implicados no desenvolvemento do programa de doutoramento serán levadas polos interesados en primeiro termo ante a Comisión Académica do Programa.

2. No caso de que as dúbidas ou as controversias conclúan nun conflito, trasladaranse á escola de doutoramento correspondente. O seu acordo será comunicado ás partes afectadas. As persoas lexitimadas poderán presentar recurso de alzada contra este acordo perante o/a reitor/a da Universidade.

CAPÍTULO VII
Tese de doutoramento

Artigo 33. A tese de doutoramento

1. A tese de doutoramento consistirá nun traballo orixinal de investigación relacionado cos campos científico, técnico ou artístico do programa de doutoramento cursado polo/a doutorando/a.

2. A tese de doutoramento redactarase, como norma xeral, en galego ou castelán.

3. A tese poderase redactar tamén noutro idioma de uso común no ámbito científico daquela, en cuxo caso deberá:

– Incluír, no mesmo exemplar da tese, un resumo non inferior a 3.000 palabras en galego ou castelán.

– Contar un informe favorable da CAPD, a cal deberá tamén garantir que o tribunal estea en condicións de xulgar a tese no idioma correspondente.

4. Todas as teses de doutoramento deberán incluír, como mínimo, un resumo, unha introdución, os obxectivos, a metodoloxía, os resultados, as conclusións e a bibliografía, así como os informes de valoración do/a director/a e do/a titor/a.

5. A escola de doutoramento publicará o código de boas prácticas, no cal se incluirán as directrices aplicables á dirección de teses de doutoramento en consonancia co disposto no artigo 4.5 deste regulamento.

Artigo 34. Procedemento de autorización da defensa da tese

1. Rematada a elaboración da tese e logo do informe favorable do/a director/a ou directores e do/a titor/a, o/a doutorando/a solicitará á CAPD a autorización para a tramitación da súa defensa.

2. A CAPD, unha vez recibida a solicitude, comprobará se transcorreu o prazo mínimo para o depósito da tese e se o/a doutorando/a conta coa correspondente avaliación anual positiva, tras o cal emitirá informe en que autorice ou non a tramitación da tese para a súa defensa.

3. Para dar trámite á tese, a CAPD remitirá coa maior brevidade e, en todo caso, no prazo máximo dun mes, á escola de doutoramento responsable do programa de doutoramento:

a) O informe que autorice a tramitación da tese para a súa defensa.

b) Un exemplar da tese en soporte papel asinado polo/a doutorando/a, polo/a director/a ou directores/as da tese, e outro en formato electrónico (PDF). No caso de teses de doutoramento con protección de dereitos, deberase entregar a versión reducida e a completa consonte o establecido no artigo 35.3 do presente regulamento.

c) A documentación requirida se se solicitase algún tipo de mención e/ou no caso de tese por compendio de publicacións, segundo o establecido nos artigos 40 e 41 do presente regulamento.

d) Unha proposta dos posibles membros do tribunal que xulgará a tese.

4. Unha vez recibido o anterior, e comprobado pola escola de doutoramento responsable do programa de doutoramento que o expediente está completo e correcto, abrirase un período de exposición pública de dez días hábiles en período lectivo, garantindo a máxima difusión institucional para que calquera doutor/a poida examinar a tese e formular, de ser o caso, por escrito as alegacións que considere oportunas dirixidas á dita escola. Co fin de facilitar o exame das teses, a Universidade poderá habilitar un procedemento telemático, sempre que non concorran limitacións derivadas do artigo 14.6 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

5. Finalizado o período de exposición pública, a escola de doutoramento valorará a tese tendo en conta o informe da CAPD e as alegacións recibidas, de ser o caso.

6. Se o anterior resultase insuficiente para unha correcta valoración, a escola de doutoramento poderá convocar o/a doutorando/a e/ou o/a director/a, solicitarlles unha resposta razoada ás alegacións ou calquera outra información que considere necesaria, consultar a CAPD e/ou contar co asesoramento doutros doutores especialistas na materia.

7. Tras valorar a tese, a escola de doutoramento acordará aprobar ou denegar a continuidade da súa tramitación, do cal dará comunicación escrita ao/a doutorando/a e á CAPD.

8. No caso de denegación da continuidade da tramitación, que deberá estar debidamente motivada, a comunicación remitida pola escola de doutoramento ao/a doutorando/a deberá precisar como corrixir axeitadamente a súa tese de doutoramento antes de proceder a unha nova solicitude de depósito.

9. No caso de aprobación da continuidade da tramitación, nomearanse os membros do tribunal nos termos establecidos no artigo 36 do presente regulamento.

10. Unha vez nomeado o tribunal cos seus membros titulares e suplentes, comunicaráselle á CAPD e, ao mesmo tempo, notificaráselles a cada un deles a súa designación xunto cun exemplar en PDF da tese de doutoramento.

11. Os membros titulares do tribunal, unha vez recibida por cada un deles a notificación da súa designación, disporán de vinte días naturais para lle enviar á escola de doutoramento o preceptivo informe individual e razoado no cal se inclúe a valoración da tese e, en consonancia, o informe explícito sobre se procede ou non autorizar a defensa daquela.

12. Recibidos os informes de cada un dos membros titulares do tribunal, a escola de doutoramento determinará se procede ou non a defensa pública da tese de doutoramento ou, de ser o caso, a interrupción da súa tramitación, do cal se dará comunicación ao/á doutorando/a e á CAPD.

13. Ante a denegación da autorización da defensa da tese de doutoramento por parte da escola de doutoramento, o/a doutorando/a poderá solicitar a certificación literal dos informes de cada un dos membros titulares dos tribunal.

14. O acto de defensa pública da tese de doutoramento terá lugar nun prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa autorización, agás causas debidamente xustificadas e logo de autorización da escola de doutoramento. De superarse este prazo, deberán reiniciarse os trámites para a autorización da defensa da tese.

15. Ao longo do proceso de autorización da defensa da tese e antes desta, o/a doutorando/a estará obrigado/a a introducir os datos da súa tese na base Teseo segundo o procedemento que estableza a universidade.

Artigo 35. Teses con protección de dereitos

1. Enténdense por teses con protección de dereitos aquelas en que existan cláusulas de confidencialidade con empresas, as que poidan xerar dereitos de propiedade industrial e intelectual e nas que non caiba a súa difusión total antes de estar debidamente protexidos os contidos afectados. Nestes casos, cómpre asinar un compromiso de supervisión específico que garanta a non difusión dos ditos contidos, e tamén os compromisos de confidencialidade dos que interveñan no procedemento de avaliación.

2. Este tipo de tese estará sometida a unha garantía formal: contará cunha versión reducida, da cal se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade, e cunha versión completa, que quedará arquivada na universidade baixo compromiso de estrita confidencialidade.

3. A versión reducida da tese de doutoramento, que coincidirá co contido da exposición do/a doutorando/a no acto de defensa pública da tese, será a que se deposite para a súa consulta por parte comunidade científica doutoral, mentres que a súa versión completa será entregada aos membros do tribunal para a súa avaliación. Consonte o disposto no punto primeiro deste artigo, os membros deberán asinar tamén o correspondente compromiso de confidencialidade sobre os contidos que non se poden difundir publicamente.

4. Se o tribunal desexa formular cuestións ao/á doutorando/a sobre os contidos protexidos, farao nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.

5. Unha vez aprobada a tese, a versión reducida será a que se publique no repositorio institucional. Realizadas as oportunas proteccións ou vencido o prazo de confidencialidade, o/a autor/a da tese deberá, logo de acreditar estas circunstancias, solicitar a substitución de dita versión pola completa.

Artigo 36. Tribunal de avaliación

1. A CAPD, oído o/a director/a da tese (e/ou de ser o caso, o/a titor/a), proporá unha relación de oito membros do tribunal que avaliará a tese. A proposta irá acompañada dun informe individualizado e razoado sobre a idoneidade de cada un dos membros para xulgar a tese, e indicarase a especialidade ou especialidades da súa investigación, as súas publicacións, os seus proxectos de investigación e outras actividades ou méritos que se consideren oportunos, ademais da aceptación expresa da súa condición de membros.

2. Autorizada a trámite a tese de doutoramento por parte da CAPD e remitida por ela a proposta de tribunal, a escola de doutoramento responsable do programa de doutoramento procederá a súa avaliación.

3. A seguir, a escola de doutoramento designará o tribunal encargado de xulgar a tese de doutoramento entre os oito membros propostos pola CAPD, respectando os seguintes requisitos xerais:

a) Procurarase unha presenza equilibrada de homes e mulleres, agás causas xustificadas.

b) Contarase con tres membros titulares e tres suplentes, un por cada titular.

c) Dous membros serán o presidente titular e o suplente, e outros dous o secretario titular e o suplente. Preferentemente, o secretario deberá pertencer á USC; de non ser así presentarase un informe xustificativo.

d) Todos os membros deberán ser persoal doutor con experiencia investigadora acreditada. Entenderase por experiencia investigadora acreditada o cumprimento dalgún dos requisitos establecidos para ser director/a de tese no artigo 10 do presente regulamento. O profesorado universitario poderá formar parte dos tribunais de teses de doutoramento aínda que estean en situación de excedencia, xubilación, servizos especiais ou en comisión de servizos. No caso de excedencias ou comisións de servizos que comporte unha prestación de servicios noutra universidade ou centro de investigación, considerarase que pertence á universidade ou centro en que estea prestando os seus servizos.

e) A maioría de membros non pertencerán á Universidade nin ás institucións colaboradoras no programa de doutoramento.

f) Non poderán formar parte do tribunal:

– O/a director/a ou codirectores/as da tese nin, de ser o caso, o/a titor/a, sen prexuízo do establecido no punto seguinte.

– As persoas que incorran en calquera das causas de abstención establecidas na lexislación de procedemento administrativo común.

g) Non poderá formar parte do tribunal titular máis dun membro dunha mesma institución.

4. A escola de doutoramento na designación do tribunal deberá observar, de ser o caso, os requisitos especiais que se detallan:

a) Nas teses de doutoramento en cotutela, se o acto de defensa se celebrase na Universidade de Santiago de Compostela consonte o artigo 43.3 e 5 deste regulamento, o número de membros titulares poderá ser superior a tres e a súa concreta composición determinarase no preceptivo convenio bilateral.

b) Poderá ser membro do tribunal o/a director/a ou codirectores/as e, de ser o caso, o/a titor/a, nas teses presentadas no marco de convenios bilaterais de cotutela con universidades estranxeiras que así o teñan establecido, ou nas presentadas en programas de doutoramento conxuntos con universidades estranxeiras, en virtude dos seus correspondentes convenios.

c) No título de doutor/a con mención internacional, ten que formar parte do tribunal titular cando menos un experto co título de doutor dunha institución de ensino superior ou centro de investigación estranxeiro, que non sexa o responsable da estadía de investigación sinalada no artigo 40 deste regulamento. Neste caso nomearase un doutor estranxeiro como membro titular e outro como suplente.

d) Na teses presentadas por compendio de publicacións, non poderán formar parte do tribunal os coautores das publicacións.

Artigo 37. Acto de defensa pública da tese

1. Unha vez autorizada a defensa pública da tese por parte escola de doutoramento, o/a doutorando/a deberá efectuar o pagamento das taxas dos dereitos de exame do grao de doutor correspondente no servizo administrativo competente.

2. A escola de doutoramento remitirá ao/á secretario/a do tribunal os documentos que se deben cubrir no acto de defensa da tese de doutoramento, é dicir:

– Acta de constitución do tribunal.

– Acta da sesión.

– Sobres oficiais para recoller os informes confidenciais sobre a tese para os efectos da mención de cum laude e do premio extraordinario.

3. O secretario, por orde do presidente do tribunal, convocará o acto de defensa da tese cunha antelación mínima de dez días, con indicación do día, o lugar e a hora; de todo isto dará comunicación á CAPD e a USC fará a publicidade pertinente.

4. A defensa da tese deberase realizar nunha sesión pública durante o período lectivo do calendario académico nun centro da universidade.

5. No caso de teses de doutoramento en cotutela ou adscritas a programas de doutoramento con colaboración con outras entidades vía convenio ou de teses que optan á mención de doutoramento industrial, o/a reitor/a, ou o/a vicerreitor/a en que delegue, poderá permitir a celebración do acto da súa de defensa nas universidades, entidades ou organismos colaboradores diferentes da Universidade de Santiago de Compostela. Para tal fin, precisarase a solicitude previa da CAPD, á cal sucederán, por esta orde, o informe motivado e favorable da correspondente escola de doutoramento, o informe favorable e motivado do CIEDUS e a aceptación escrita da universidade, entidade ou organismo onde podería ter lugar o acto de defensa. En todo caso, o acto de defensa será público. Na medida do posible, o acto será transmitido por videoconferencia para facilitar a asistencia dos membros da Universidade.

6. Excepcionalmente, e logo de solicitude da CAPD, a escola de doutoramento poderá autorizar a participación dun membro do tribunal, que non sexa o secretario, por videoconferencia. A constitución do tribunal respectará o disposto no artigo 17.2 e 3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público. En particular, o CIEDUS determinará as condicións en que se vai a celebrar o acto de defensa da tese, garantirá o sistema de conexión e a adecuación dos lugares onde estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para a válida constitución do tribunal e a correcta celebración do acto. O CIEDUS poderá ampliar e concretar as garantías formais con tal fin.

7. Se no acto de defensa e exposición pública da tese non se presenta algún membro do tribunal titular, incorporarase o suplente correspondente.

8. En caso de imposibilidade de constitución do tribunal, o presidente comunicarallo inmediatamente á escola de doutoramento responsable do programa de doutoramento, que poderá:

– Autorizar a defensa da tese nas 48 horas posteriores seguintes.

– Autorizar o presidente para que ordene unha nova convocatoria nos termos descritos no punto 3 deste artigo.

9. No acto de defensa da tese, os membros do tribunal deberán expresar a súa opinión sobre aquela e poderán formular cantas cuestións e obxeccións consideren oportunas, ás cales o/a doutorando/a deberá responder. Así mesmo, os doutores presentes no acto poderán formular cuestións e obxeccións e o/a doutorando/a deberá responder, todo isto no momento e forma que sinale o/a presidente/a do tribunal.

Artigo 38. Cualificación da tese de doutoramento

1. Concluído o acto de defensa da tese de doutoramento, o tribunal emitirá un informe sobre esta e expresará a cualificación global concedida de acordo coa seguinte escala: non apto, aprobado, notable e sobresaliente. O presidente do tribunal comunicará, en sesión pública, a cualificación.

2. O secretario do tribunal redactará a acta de colación do título de doutor/a, que incluirá información relativa ao desenvolvemento do acto de defensa da tese e a expresión da cualificación acadada. Se se optará á mención internacional do título de doutor, á mención industrial ou á mención en cotutela, o secretario do tribunal incluirá na acta de colación do título a certificación de que cumpre os requisitos exixidos.

3. O tribunal poderá propor que a tese obteña a mención de cum laude se a cualificación global é de sobresaliente e se se emite en tal sentido o voto secreto positivo por unanimidade. A concesión final da devandita mención realizarase en sesión diferente da correspondente á de defensa da tese de doutoramento.

4. O secretario do tribunal, ou membro do tribunal en quen delegue, será responsable da custodia da documentación correspondente á defensa da tese de doutoramento e deberá remitirlla debidamente cuberta á Unidade de Xestión Académica ou órgano que se estableza, no prazo máximo de 5 días hábiles posteriores á defensa da tese para o seu arquivamento e documentación. No caso das teses defendidas no campus Lugo, a documentación será presentada na Unidade de Xestión Académica ou órgano que se estableza. Calquera outra situación será regulada desde o CIEDUS.

5. O secretario do tribunal pode delegar a custodia da documentación e a súa remisión nun membro do tribunal e, excepcionalmente, cando no caiba esta delegación, farao nun membro do persoal docente e investigador da universidade logo de autorización da escola de doutoramento.

Artigo 39. Arquivamento da tese de doutoramento

1. Concluído o procedemento para a colación do título de doutor, a Universidade, a través do servizo competente, ocuparase do arquivamento da tese de doutoramento en formato electrónico e en acceso aberto nun repositorio institucional e enviaralle un exemplar en formato electrónico, así como toda a información complementaria que for necesaria, ao ministerio competente na materia para os efectos oportunos.

2. Nas teses con protección de dereitos a que se refire o artigo 35 deste regulamento habilitaranse os procedementos que garantan o seu cumprimento.

Artigo 40. Mencións do título de doutor

1. O título de doutor poderá incluír no seu anverso a mención «Doutor internacional», sempre que se cumpran os requisitos seguintes:

a) Que durante a etapa de realización da tese o/a doutorando/a realizase unha estadía mínima de tres meses fóra de España nunha institución de ensino superior ou centro de investigación de prestixio, cursando estudos ou realizando traballos de investigación relacionados coa tese. Para estes efectos non se considerará como estadía a efectuada no seu país de residencia ou na institución onde traballa. A estadía e as actividades deben ser avaladas polo/a director/a e autorizadas pola CAPD, e incorporaranse ao documento de actividades do/a doutorando/a.

b) Que parte da tese, ou polo menos o resumo e as conclusións, se redacte e sexa presentada nunha das linguas habituais para a comunicación científica no seu campo de coñecemento, distinta a calquera das linguas oficiais en España. Esta norma non será de aplicación cando as estadías, os informes e os expertos procedan dun país de fala hispana.

c) Que un mínimo de dúas persoas expertas doutoras pertencentes a algunha institución de educación superior ou instituto de investigación non española fixesen un informe favorable sobre a tese de acordo co procedemento que para tal efecto se estableza.

d) Que polo menos unha persoa experta pertencente a algunha institución de educación superior ou centro de investigación non español, co título de doutor/a, e distinta do responsable da estadía mencionada no apartado a), forme parte do tribunal avaliador da tese.

e) Que a defensa da tese sexa efectuada na Universidade de Santiago de Compostela ou, no caso de programas de doutoramento conxuntos, en calquera das universidades participantes ou nos termos que indiquen os convenios de colaboración.

2. A CAPD deberá remitir á escola de doutoramento a documentación acreditativa da estadía, a súa autorización para realizala e os informes das dúas persoas expertas externas, xunto co resto de documentación, para que poida proceder á autorización dos trámites para a defensa da tese de doutoramento.

3.O/a doutorando/a poderá obter a mención «Doutoramento industrial» sempre que se cumpran os requisitos seguintes, logo de formalización:

a) A existencia dun contrato laboral ou mercantil co/a doutorando/a. O contrato poderao subscribir unha empresa do sector privado ou do sector público, así como por unha Administración pública.

b) O/a doutorando/a deberá participar nun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental que se desenvolva na empresa ou Administración pública en que preste o servizo, que non poderá ser unha universidade. O proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental en que participe o/a doutorando/a ten que ter relación directa coa tese que realiza. Esta relación directa acreditarase mediante unha memoria, que terá que ser visada pola Universidade.

c) E calquera outro requisito que estableza a Universidade.

4. No caso de que o proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental se execute en colaboración entre a Universidade e a empresa ou Administración pública na que preste servizo o/a doutorando/a, subscribirase un convenio de colaboración marco entre as partes. Neste convenio indicaranse as obrigas da USC e as obrigas da empresa ou Administración pública, así como o procedemento de selección dos/as doutorandos/as.

5.O/a doutorando/a terá un/unha titor/a de tese designado/a pola Universidade e un responsable designado/a pola empresa ou Administración pública, que poderá ser, de ser o caso, director/a da tese de acordo co establecido neste regulamento.

Artigo 41. Tese por compendio de artigos de investigación

1. A tese de doutoramento poderá consistir no conxunto de traballos que o/a doutorando/a ten publicados, ou daqueles que estean aceptados definitivamente para a súa publicación, durante a etapa de realización daquela. O conxunto destes traballos deberá abordar o proxecto de tese incluído no seu plan de investigación. Ademais, para ser incluída nesta modalidade, como regra xeral, cada publicación debe facer constar a adscrición do/a doutorando/a á universidade en que estea realizando o programa de doutoramento.

2. No momento de presentación da solicitude na CAPD co fin de obter a autorización para a tramitación de cara á defensa da tese como compendio de artigos de investigación, o/a doutorando/a presentará a seguinte documentación adicional:

a) Informe do/a director/a ou directores/as da tese coa aprobación da CAPD onde se especifique a idoneidade da presentación da tese baixo esta modalidade; a contribución do doutorando/a, no caso de que haxa máis coautores; e os indicios de calidade das publicacións presentadas.

b) Aceptación por escrito das persoas coautoras de que o/a doutorando/a presente o traballo como parte da tese.

c) Renuncia por escrito das persoas coautoras non doutoras á presentación dos traballos como parte doutra tese de doutoramento.

3. A escola de doutoramento poderá establecer criterios específicos de calidade que deberán cumprir as publicacións que conforman a tese de doutoramento, que deberán requirir cando menos o que segue:

a) Que a tese inclúa un mínimo de tres artigos de investigación, publicados ou con aceptación definitiva para a súa publicación, e realizados durante o período de tutela académica. Os artigos deben estar publicados en revistas indexadas na listaxe do ámbito correspondente do Journal Citation Reports (SCI e/ou SSCI). Naquelas áreas en que non sexa aplicable este criterio, substituirase polas bases relacionadas pola Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora (CNEAI) para estas áreas.

b) Que os traballos sexan contribucións aceptadas en publicacións de ámbito e prestixio internacional con revisión anónima por pares.

4. Ademais do anterior e do disposto no artigo 33 do presente regulamento, a tese deberá incluír o seguinte:

a) Unha introdución, que especificamente conterá unha xustificación razoada da unidade e coherencia temática e metodolóxica da tese; os obxectivos que se deberán alcanzar; unha discusión xeral que dote de coherencia e unidade os diferentes traballos; as conclusións, e bibliografía común.

b) Unha copia íntegra das publicacións, xa sexan publicadas ou con aceptación definitiva para a súa publicación, onde conste necesariamente o nome e a filiación do autor/a. Deben quedar claramente explícitos os nomes e filiación de todas as persoas coautoras, a súa orde, así como a referencia completa da publicación, a editorial e o ISSN ou ISBN. No caso dos artigos con aceptación definitiva para a súa publicación e que na presentación da tese aínda non estean publicados, engadirase o seu código de identificación (o DOI nas publicacións dixitais).

5. Ningún dos artigos incluídos na tese poderá ser anterior á data de matriculación no programa de doutoramento no período de tutela académica.

CAPÍTULO VIII
Teses en réxime de cotutela

Artigo 42. Principios básicos do réxime de cotutela

1. Enténdese como cotutela a dirección conxunta dun traballo de investigación conducente á obtención do título de doutor entre a Universidade de Santiago de Compostela e outra universidade estranxeira, sempre que o/a doutorando/a realice una estadía mínima de seis meses en cada unha delas dunha soa vez ou en varios períodos.

2. O/a doutorando/a en cotutela efectuará a súa tese baixo o control e a responsabilidade de polo menos un/unha director/a en cada unha das universidades participantes.

3. Deberanse respectar as lexislacións vixentes para os estudos de doutoramento existentes en cada universidade. De ser o caso, terase en conta a normativa para a obtención da mención internacional ao título de doutor/a.

4. Para formalizar unha cotutela, asinarase un convenio marco entre as dúas universidades que estableza as liñas xerais de cooperación. Así mesmo, asinarase un convenio específico para cada cotutela que regule as cuestión concretas de cada tese de doutoramento.

5. O/a doutorando/a matricularase en tutela de tese en cada unha das universidades cada curso académico mentres estea en vigor a cotutela, coa posibilidade de exención de pagamento naquela onde non vaia ser lida a tese.

6. O tempo de preparación da tese non será superior ao prazo máximo establecido para o efecto no convenio e respectando as normativas das universidades participantes.

7. A tese será obxecto dunha defensa única nunha das dúas universidades, que será a encargada da emisión do título coa mención de cotutela coa outra universidade implicada, a cal poderá emitir un segundo título de doutor, segundo se estableza na súa normativa.

8. A escola de doutoramento realizará o seguimento e control das teses realizadas en réxime de cotutela.

Artigo 43. Procedemento administrativo da cotutela

1. Os/as doutorandos/as interesados/as na realización da súa tese baixo o réxime de cotutela deberán solicitar a formalización da cotutela antes do comezo dos seus estudos de doutoramento, ou ben no seu primeiro ano de matrícula.

2. Unha vez rematada a elaboración da tese, na súa portada e na cuberta deberá figurar o réxime de cotutela e os logos das dúas universidades.

3. O tribunal designarao a institución en que se vaia ler a tese de doutoramento. Este tribunal poderá ter algún representante das dúas institucións.

4. Facúltase o CIEDUS para desenvolver as instrucións e procedementos para articular e resolver as dificultades de tramitación das teses en réxime de cotutela.

5. Se a tese de doutoramento se defende na Universidade de Santiago de Compostela:

a) A presentación, autorización e defensa da tese de doutoramento cumprirá o disposto na normativa propia da Universidade. O/a doutorando/a debe engadir ao expediente de solicitude de admisión a trámite da lectura da súa tese de doutoramento unha certificación da estadía de investigación expedida pola outra institución e validada pola CAPD.

b) No acto de defensa haberá unha acta específica onde se indiquen os termos da cotutela (institucións participantes e data de sinatura do convenio especifico) e a/o secretaria/o do tribunal certificará que no tribunal participa algún membro da outra institución.

c) Unha vez que a persoa interesada solicite o título de doutor/a, procederase ao asento no libro de rexistro de títulos oficiais de doutor/a e farase constar no recadro de observacións a súa realización en réxime de cotutela.

d) A universidade, de oficio ou por petición do/a doutorando/a, emitirá a certificación correspondente de ter defendida a tese de doutoramento, coa finalidade de achegala á outra institución implicada na cotutela.

6. Se a tese de doutoramento non se defende na Universidade de Santiago de Compostela:

a) O/a doutorando/a ou a outra institución achegará á Universidade o suplemento europeo ao título de doutor ou unha certificación onde conste que a tese foi defendida. Na certificación deberá figurar o nome do/a doutorando/a, documento identificativo, título da tese, data de lectura, composición do tribunal e a cualificación obtida. No caso de que esta certificación non estea en galego ou castelán, o/a doutorando/a deberá achegar unha tradución xurada.

b) O/a doutorando/a deberá achegar un exemplar da tese en formato dixital e outro en papel, para a súa difusión na Biblioteca Xeral, no repositorio institucional e en Teseo, de ser o caso.

c) Se o/a doutorando/a ten dereito á emisión dun título pola USC, deberá solicitar a emisión deste e aboar os prezos públicos correspondentes.

d) A USC procederá ao seu asentamento no libro de rexistro de teses de doutoramento en cotutela lidas noutras institucións.

CAPÍTULO IX
Premio extraordinario

Artigo 44. Mención especial de premio extraordinario de doutoramento

1. As teses de doutoramento defendidas na Universidade de Santiago de Compostela que alcanzasen a cualificación de «sobresaliente cum laude» poderán ser obxecto de mención especial de premio extraordinario de doutoramento.

2. Para os efectos exclusivos da obtención do premio extraordinario de doutoramento, cada un dos membros do tribunal que avalía a tese emitirá unha valoración numérica confidencial nun formulario específico, coa cal ponderará o nivel das contribucións orixinais da tese e o seu grao de innovación dentro do campo de coñecemento que corresponda.

3. O CIEDUS establecerá o procedemento de concesión dos premios extraordinarios e anualmente fará a súa convocatoria, na cal se incluirá a relación de criterios xerais e, de ser o caso, criterios específicos, estes últimos por proposta da escola de doutoramento correspondente, que se aplicarán na selección das teses no relativo á concesión da mención do premio extraordinario.

4. O CIEDUS, por proposta da escola de doutoramento correspondente, nomeará anualmente o/os tribunal/ais encargado/s de elaborar a proposta de concesión de premios extraordinarios de doutoramento.

5. Para poder ser membro do tribunal, teranse que cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter cando menos un sexenio de investigación concedido.

b) Non ser un/unha dos/as directores/as, codirectores/as ou titores/as das teses que optan ao premio extraordinario.

c) E calquera outra que se estableza na convocatoria do premio extraordinario.

6. Para a avaliación, o tribunal deberá facer públicos os criterios de avaliación na proposta de concesión dos premios, respectando o indicado na convocatoria. Non se poderán someter os aspirantes ao mencionado premio, á realización de exercicios ou probas adicionais.

7. O tribunal enviará a proposta da concesión á escola de doutoramento correspondente, que a remitirá ao CIEDUS para que a aprobe o Consello de Goberno. O Servizo de Xestión Académica notificaralles ás persoas adxudicatarias a concesión do premio, anotándoo no seu expediente académico. Nas certificacións académicas farase constar a correspondente mención do premio extraordinario de doutoramento.

8. Os doutores a quen se lles conceda o premio extraordinario de doutoramento terán exención de prezos públicos pola expedición do título de doutor/a.

9. A universidade poderá dispor o recoñecemento documental de mención de premio extraordinario de doutoramento na forma que determine e de acordo coa lexislación vixente.

CAPÍTULO X
Expedición de títulos

Artigo 45. Títulos

1. A superación dos estudos de doutoramento dará dereito á obtención do título de doutor ou doutora, coa denominación que figure no RUCT.

2. Con anterioridade á expedición do título, entregaráselles ás persoas interesadas unha certificación supletoria, conforme o modelo oficial. Este documento acreditará a finalización dos estudos e o dereito á expedición do título.

3. No caso de programas de doutoramento exclusivos da Universidade de Santiago de Compostela, a denominación dos títulos de doutor/a será: doutor/doutora pola Universidade de Santiago de Compostela.

4. Así mesmo, a expedición material do título incluirá información sobre o programa de doutoramento cursado, ademais das mencións que correspondan, de acordo co establecido ao respecto na normativa sobre expedición de títulos universitarios oficiais.

5. O/A doutorando/a poderá solicitar tamén o suplemento europeo ao título (SET).

6. Para os programas Erasmus Mundus e os títulos conxuntos actuarase segundo os convenios e acordos establecidos e a lexislación estatal na materia.

7. O título de doutor/a do estudantado estranxeiro producirá os efectos que lle outorga a lexislación vixente.

CAPÍTULO XI
Dereitos e deberes dos/as doutorandos/as

Artigo 46. Dereitos específicos do estudantado de doutoramento

1. Ademais dos dereitos recoñecidos pola normativa estatal, autonómica ou da propia Universidade, o estudantado de doutoramento ten os seguintes dereitos específicos:

a) A recibir unha formación investigadora de calidade, que promova a excelencia científica e atenda á equidade e a responsabilidade social.

b) A contar cun/cunha titor/a que oriente o seu proceso formativo e un/unha director/a e, de ser o caso, codirector/a ou codirectores/as, que supervisen a realización da tese de doutoramento.

c) Á procura da integración do/a doutorando/a en grupos e redes de investigación.

d) A coñecer a carreira profesional de investigación e a que se promovan oportunidades para o seu desenvolvemento.

e) A participar en programas e convocatorias de axudas para a formación investigadora e para a mobilidade nacional e internacional.

f) A contar co recoñecemento e a coñecer os mecanismos de protección da propiedade intelectual a partir dos resultados da tese de doutoramento e dos traballos de investigación. As publicacións resultantes dos traballos rexeranse pola normativa de propiedade intelectual.

g) A ser considerado como persoal investigador en formación, de conformidade co Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, do Estatuto do persoal investigador, coa Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación, e coa Carta europea do investigador.

h) A ter representación nos órganos de goberno como persoal investigador en formación nos termos establecidos nos Estatutos da Universidade e nos seus regulamentos.

i) A participar no seguimento dos programas de doutoramento e nos procesos de avaliación institucional, nos termos previstos nos sistemas de garantía da calidade e demais normativa vixente.

2. O estudantado de doutoramento internacional poderá participar en programas de mobilidade durante o período de investigación do seu programa de doutoramento. A duración destas estadías será a establecida na súa normativa reguladora.

3. As escolas de doutoramento poderán desenvolver e concretar os dereitos contidos neste acordo no seu regulamento de réxime interno.

4. No compromiso de supervisión asinado pola universidade e o/a doutorando/a farase referencia a estes dereitos e ao sistema e procedemento de resolución de conflitos. Así mesmo, recollerá os aspectos específicos relativos aos dereitos de propiedade intelectual ou industrial que poidan xerarse no ámbito do concreto programa de doutoramento.

Artigo 47. Deberes específicos do estudantado de doutoramento

1. Son deberes do estudantado de doutoramento os establecidos no artigo 13 do Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo cal se aproba o Estatuto do estudante universitario, e os recollidos nos Estatutos da Universidade e, de ser o caso, os establecidos para o persoal investigador en formación. Destácanse os seguintes:

a) Desenvolver as actividades formativas programadas nos estudos de doutoramento, documentalas no rexistro individualizado de control e levar a cabo a investigación obxecto do plano de investigación, baixo o seguimento e supervisión do/a titor/a e director/a da tese.

b) Aceptar e respectar o compromiso de supervisión.

c) Atender, observar e seguir as indicacións e recomendacións que lle fagan o seu titor/a e director/a de tese en relación coas actividades formativas programadas ou non no doutoramento.

d) Informar regularmente o/a titor/a e director/a de tese da realización de tales actividades e da evolución do traballo de investigación, dos resultados obtidos e dos problemas que se lle poidan formular no seu desenvolvemento.

e) Presentar nos prazos establecidos pola Comisión Académica o plan de investigación e a documentación xustificativa das actividades realizadas e incluídas no documento de actividades individualizado, para someterse á avaliación da actividade realizada no prazo previsto pola normativa.

f) Dedicar á realización do programa de doutoramento, incluída a tese, o número de horas que se estableza no compromiso de supervisión.

g) Someterse ás regras de organización e uso de bens e equipoamentos do centro onde realice a investigación.

h) Formalizar matrícula e aboar os prezos públicos establecidos en todos os cursos académicos de forma sucesiva, desde a admisión no programa ata a defensa de tese.

i) Calquera outra establecida na lexislación e no presente regulamento.

2. As escolas de doutoramento no seu regulamento de réxime interno poderán desenvolver e concretar estes deberes.

Disposición adicional primeira. Referencias xenéricas

Todas as referencias a alumnos, estudantes, profesores, doutores, titores, directores, etc. entenderanse como xenéricos sen identificación de sexo, polo que abranguen tanto o xénero feminino como o masculino.

Disposición adicional segunda. Normas de permanencia nos estudos de doutoramento

A normativa de permanencia do doutorando/a en estudos de doutoramento na USC rexerase polo disposto no capítulo 5 do presente regulamento.

Disposición adicional terceira. Causas de abstención

O persoal que realice avaliacións ao doutorando (titor/a, director/a, membros da CAPD, informantes da tese, membros do tribunal, membros do tribunal de premio extraordinario...) non poderán incorrer en causas de abstención ou recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición adicional cuarta. Situacións non contidas no presente regulamento

As situacións excepcionais non reguladas polo presente regulamento serán resoltas polo Consello de Coordinación dos Estudos de Doutoramento. En materia de xestión académica, a competencia corresponderá á Secretaría Xeral.

Disposición adicional quinta. Marco normativo

En todo o non disposto no presente regulamento, no Acordo de modificación da estrutura de goberno e de xestión dos estudos de doutoramento e do Centro de Estudos Avanzados, e Creación do Centro de Estudos Propios na Universidade de Santiago de Compostela, e nos Estatutos da Universidade, rexerá:

– A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, de universidades.

– O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

– O Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo cal se aproba o Estatuto do estudante universitario.

– O Real decreto 195/2016, do 13 de maio, polo que se establecen os requisitos para a expedición do suplemento europeo ao título universitario de doutor.

– A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

– O Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– E todas as disposicións estatais e autonómicas concordantes e de desenvolvemento das anteriores.

Disposición transitoria única

En canto non se constitúan os órganos colexiados de cada unha das escolas de doutoramento internacional subrogaranse, na tramitación dos expedientes que constituirán a competencia daquelas, á Comisión Executiva da Escola de Doutoramento Internacional.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado e sen efecto o Regulamento de estudos de doutoramento da USC, aprobado no Consello de Goberno do 25 de xuño de 2012 (DOG do 29 de agosto).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor coa súa publicación no DOG e será de aplicación a partir do curso 2017/18.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2017

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela