Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36636

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2017 pola que se acorda a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do Cine Zárate, sito na avenida de Galicia, número 37, do termo municipal de Mugardos, como monumento.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.3 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indicábase que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

Segundo o capítulo II da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, relativo aos bens que integran o patrimonio arquitectónico, especialmente nos ditados do artigo 88.1 «presúmese que concorre un significativo valor arquitectónico», nos edificios a que se refire a alínea c) «Os edificios e construcións propios da arquitectura civil que servisen para uso público comunitario, como casas consistoriais, pazos provinciais, teatros, hoteis, hospitais, sanatorios, alfándegas, mercados, fundacións en Galicia de agrupacións de emigrantes ou centros de ensino, construídos con anterioridade a 1926». Así mesmo, na alínea e) do mesmo artigo, recoñécese o mesmo valor arquitectónico para «Os edificios relevantes da arquitectura ecléctica, ... e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos. Para a consideración do seu valor cultural, os inmobles deben evidenciar, total ou parcialmente, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa».

Os bens inmobles deben integrarse nalgunha das categorías previstas, en atención ao ditado no artigo 10.1 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, das cales a máis axeitada pola súa natureza é a definida na alínea a) deste artigo 10.1 como «Monumento: a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

A industria do cinema xerou na súa historia un patrimonio importante cunha influencia nas formas de ver e entender a vida dos cidadáns notable, que deu lugar á aparición dun significativo patrimonio cultural. Nos últimos anos este patrimonio converteuse en obxecto de estudo por parte de investigadores de diversos sectores disciplinares, que incorporan ao seu estudo tanto o mobiliario empregado na propia industria cinematográfica e as películas como as arquitecturas destinadas á produción e o goce delas.

A protección deste ben debe entenderse como un elemento de coñecemento da sociedade do pasado cuxa importancia non reside exclusivamente na súa singularidade material senón na súa implantación e impacto nun determinado lugar que nos permite coñecer a vida cotiá da sociedade que posibilitou a súa aparición, no contexto da presenza no mundo occidental dunha cultura do lecer, asociada ao crecemento dun sector económico e institucional. As particularidades técnicas que presenta o Cine Zárate deben valorarse xunto coa dimensión que toma o edificio ao implantarse no territorio que ocupa e como repercutiu na vida da sociedade mugardesa e na súa cultura, entendéndoo como un elemento da identidade local.

Á vista do seu contido e da información que acompaña o expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor arquitectónico e histórico, cómpre proceder á inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia deste ben no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 1 do Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o artigo 3 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de monumento do Cine Zárate, sito na avenida de Galicia, nº 37, do termo municipal de Mugardos, consonte a descrición e nivel de protección que figuran no anexo I; condicionantes e contorno de protección recollidos no anexos II e a delimitación gráfica contida no anexo III.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Mugardos.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición e nivel de protección

1. Denominación: Cine Zárate ou Ideal Cinema Zárate.

2. Descrición.

Esta sala de cine, situada a escasos metros do Concello, recibiu o seu nome do indiano mugardés Pedro Zárate Doménech, que mercou en 1924 o soar sobre o cal construiría a sala cinematográfica o arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, quen deseñou un edificio ecléctico, seguindo a moda da época, recoñecible noutras salas da Coruña, Pontevedra ou Vigo. O edificio foi inaugurado o sábado 29 de maio de 1926 coa actuación do grupo arxentino de Lles Pantaleoni e Aurora Gago.

Naceu, como era habitual nese momento, como un local para diversas actividades sociais de ocio, o que entón recibía o nome de «salón». O deseño interior respondía ao esquema habitual dos salóns de variedades, tomado dos teatros á italiana (vestíbulo, sala e escena). A planta rectangular daba cabida a un maior número de butacas e na planta superior situábase o anfiteatro e contaba en total cunha capacidade de 304 localidades.

Mercedes López Zárate herdou do seu pai o Ideal Cinema e mantivo o uso da sala ata 1934, cando a familia Zárate alugou o inmoble a José García Niebla. Neste momento o inmoble tivo de ser reformado por Nemesio López Rodríguez debido a que as instalacións xa se atopaban en deficiente estado; ademais, para que o cinema puidese seguir funcionando era necesaria a apertura dun acceso independente á cabina pola terraza. Anos máis tarde, o aluguer do inmoble pasou a José García Dorado, quen o mantivo en uso ata o seu peche definitivo en xullo de 1969.

Desde que o cinema deixou de funcionar na década dos 60, comezou a decadencia do inmoble que vemos hoxe en estado ruinoso. Os seus restos representan a época dourada dos cinemas e identifican o Ideal Cinema Zárate como principal centro de lecer en Mugardos durante moitos anos, no cal tamén se ofrecían espectáculos de teatro e bailes, e incluso mítins nos anos anteriores á II República.

Amais da sala de cinema, o edificio presenta no seu muro suroeste un local trapezoidal acaroado no exterior da fachada lateral, que foi cantina do local, cuberto por unha terraza con estrutura porticada, con piares sobre pedestal e balaustrada de formigón decorada con motivos xeométricos. Esta cantina converteuse co tempo no Bar Fernando, conservando sempre ese carácter de centro da vida social mugardesa.

A fachada principal, de gran riqueza decorativa, desenvolve unha composición simétrica de seis pilastras que percorren as dúas plantas e sosteñen un friso en que as metopas delimitan as palabras «Ideal Cinema Zárate», nas cales aínda se pode intuír unha policromía de cor azul.

Esta fachada de linguaxe ecléctica, que anuncia o modernismo polo colorido empregado, remátase cun frontón triangular central decorado con motivos vexetais. Mentres o corpo baixo da fachada articula cinco ocos, un en cada pano, alternando tres vans de acceso e dúas ventás con pequenos balaústres de ferro fundido, o corpo superior presenta nos panos laterais uns paneis cerámicos de azulexos que utilizan as cores branca e verde para presentar debuxos xeométricos.

3. Partes integrantes.

O edificio exento componse de dous volumes diferenciados construídos cunha estrutura mixta de pedra, fábrica de ladrillo, formigón armado, madeira e aceiro.

O volume principal destinado á sala de cinema, de planta cuadrangular desenvolta en altura cun semisoto, baixo a rasante da rúa principal e o volume restante ata a cuberta.

No semisoto disponse unha estrutura de muros de carga de cachotaría de pedra duns 70 cm de espesor para cimentar o edificio, conter o terreo e apoiar a estrutura principal do edificio sobre rasante, formada por muros de carga de medio pé de fábrica de ladrillo apilastrados mediante machóns de formigón armado duns 40×40 cm que serven a apoio á cuberta.

Por último, a cuberta do volume principal estaba resolta mediante tesoiras formadas por perfís laminados de aceiro e tirantes de aceiro de sección circular que servían de soporte ao cerramento de cuberta e ao falso teito interior.

O volume destinado a cantina, acaroado ao volume principal e de menor altura que este, de planta trapezoidal, consta de semisoto, planta baixa e terraza con estrutura porticada de formigón armado, que servía de apoio a unha pérgola hoxe en día desaparecida, formado por alicerces de formigón armado duns 25×25 cm unidos na cabeza mediante vigas de formigón armado.

O desenvolvemento en altura da planta resólvese mediante placas unidireccionais de formigón armado con viguetas de perfís laminados de aceiro. A placa de cuberta resólvese mediante a mesma solución e é transitable e destinado a terraza.

4. Nivel de protección.

O edificio presenta un avanzado estado de deterioración a causa da falta de uso e da ausencia de conservación. Sen cuberta, soamente conserva en pé as fachadas, das cales presentan un interese especial a principal do cinema e a lateral suroeste, na cal se acaroa a estrutura porticada da cantina.

Dadas estas características, considérase que o nivel de protección deste ben ten que ser o de protección integral para o volume incluído na parcela con referencia catastral número 0324206NJ6102S0001FE e a fachada principal do volume correspondente coa parcela 0324205NJ6102S0001TE que, segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, supón a «conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo».

Será obxecto dunha protección ambiental o resto da parcela 0324205NJ6102S0001TE correspondente coa edificación principal do cinema, que, segundo o citado artigo 41, supón a conservación dos aspectos máis visibles e evidentes dos bens que, malia non presentaren un interese individual destacable, conforman o ambiente dun lugar de forma homoxénea e harmoniosa.

ANEXO II
Condicionantes e contorno de protección

1. Condicionantes.

As intervencións que se pretendan realizar nas edificacións catalogadas, así como no contorno de protección que se define de seguido, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio.

A súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O obxectivo principal da protección é permitir a conservación desta testemuña da identidade mugardesa, evocadora dun pasado de prosperidade económica e social asociada á industria conserveira e aos movementos migratorios.

No que refire ao réxime de protección, no contorno quedan prohibidos, como regra xeral, os movementos de terras e escavacións de incidencia paisaxística, almacenaxe ao aire libre de materiais e vertedura de residuos, sen autorización expresa dos departamentos competentes. En termos xerais, calquera actuación que se pretenda realizar dentro do contorno de protección delimitado e os seus bordos, en especial, demolicións, transformacións, aumentos do volume edificado, que alteren o seu carácter orixinario, deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, coas excepcións que se establecen nos artigos 39 e seguintes da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.

2. Contorno de protección.

Dada a natureza do inmoble, completamente integrado no núcleo urbano de Mugardos e mantendo ao longo de tres cuartos de século o seu carácter identitario, atenderase ao disposto nos artigos 29 e seguintes da Lei 5/2016, para delimitar exclusivamente un contorno de protección.

Así pois, identificaranse como ben as parcelas que ocupan o Cine Zárate e a súa cantina con referencias catastrais 0324205NJ6102S0001TE e 0324206NJ6102S0001FE respectivamente, e un contorno de protección inmediato delimitado pola súa fachada principal trazando unha liña recta coincidente coa avenida de Galicia, que se prolongará ata o ángulo leste da parcela 0324204NJ6102S0001LE, apegada pola fachada nordés do cine, onde continuará polo límite parcelario ata o vértice norte e desde aquí, pechando a liña e incorporando a totalidade da parcela, ata o seu encontro coa parcela do cinema.

Pechará o contorno polo suroeste o espazo comprendido entre a cantina e a Avenida de Galicia unha liña curva descrita pola propia vía, incluíndo as parcelas 0323101NJ6102S0001YE, 0323101NJ6102S0002UR, 0323101NJ6102S0003IT e 0323101NJ6102S0004OY, así como a palmeira que se conserva na beirarrúa, seguramente procedente do axardinamento que no seu día se fixo para ennobrecer esta zona de lecer. Desde aquí, trazarase unha liña recta ata o seu encontro co ángulo oeste da parcela que ocupa a cantina.

Anexo III
Delimitación gráfica do ben e contorno de protección

missing image file