Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36626

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda inscribir o petróglifo de Pena Serrada, sito na parroquia de Parada, no concello de Outeiro de Rei, no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que, na súa disposición adicional primeira, establece que: «Todos aqueles bens mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes segundo esta lei».

Os petróglifos son un tipo específico de arte rupestre consistente en gravados sobre laxes ao aire libre. A súa cronoloxía ten un amplo marco cultural, xa que poden pertencer a diferentes épocas prehistóricas e históricas, desde finais do neolítico, pasando pola Idade de Bronce e de Ferro, ata a época medieval.

Dado que os petróglifos constitúen un tipo especifio de manifestación de arte rupestre, a eles aplícaselles o réxime xeral de protección previsto na mencionada Lei de patrimonio cultural para os bens inmobles declarados de interese cultural. A plena aplicación dese réxime, así como os principios de publicidade e seguridade xurídica que informan o noso ordenamento, unido ao deber dos poderes públicos de promover o acceso á cultura recollido no artigo 44 da Constitución, avalan a necesidade de que na medida que se vaia acreditando a existencia deste tipo de bens se instrumenten os medios necesarios para garantir o seu xeral coñecemento.

Con data do 2.11.2016 recíbese información sobre a existencia dun petróglifo no concello de Outeiro de Rei (Lugo) e solicitase a súa inclusión no catálogo correspondente.

Recibida esa petición e visto o informe achegado polos servizos técnicos da Xefatura Territorial da Conselleria de Cultura, Educación e Ordenacion Universitaria de Lugo, en que se manifesta a consideración de ben de interese cultural deste petróglifo, en virtude do disposto no artigo 94.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia do petróglifo de Pena Serrada, sito na parroquia de San Xoán de Parada, no concello de Outeiro de Rei (Lugo).

Segundo. Ordenar a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia para os efectos da súa publicidade e para xeral coñecemento da súa condicion de ben de interese cultural.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO
Descrición do ben

Denominación: Petróglifo de Pena Serrada.

Descrición: afloramento granítico de considerables dimensións, moi afectado pola acción erosiva e para degradación dos incendios forestais. No seu extremo oeste hai unha combinación circular formada por tres círculos concéntricos e unha cazoleta central; o diámetro é de 15 centímetros, os motivos a penas son perceptibles por mor da acción erosiva. Na parte central do afloramento hai un grupo de varias cazoletas dun diámetro variable de 3 a 10 centímetros.

Localización: lugar de Pena Serrada. Parroquia de San Xoán de Parada. Concello de Outeiro de Rei (Lugo).

Categoría: monumento.

Nivel de protección: integral.