Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 36785

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 20 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XX edición do Premio Manuel Colmeiro, para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia.

BDNS (identif.): 358284.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e apelidos da persoa ou persoas gañadoras do premio.

Non poderán acceder a este premio as persoas que se atopen afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma. Os traballos poderán versar sobre a súa organización, estrutura, funcións e/ou ámbitos competenciais (código do procedemento PR771A).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán esta convocatoria serán as contidas na Orde do 20 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XX edición do Premio Manuel Colmeiro, para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia.

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

A dotación económica do premio é de 3.500 euros. Esta cantidade será imputada aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2017 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 05.80.122B.4800.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor da orde pola que se convoca o premio e finalizará o 31 de outubro de 2017.

Sexta. Outros datos

A presentación das solicitudes, xunto co traballo de investigación, realizarase obrigatoriamente mediante medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A solicitude, axustada ao modelo normalizado e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código PR771A, deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza