O Souto da Retorta, tamén coñecido como eucaliptal de Chavín, declarouse monumento natural mediante o Decreto 77/2000, do 25 de febreiro. Ademais, tanto o Souto da Retorta coma o eucalipto O Avó aparecen recollidos no Decreto 67/2007, do 22 de xaneiro, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, como formación senlleira e árbore senlleira, respectivamente.
Parte deste espazo, concretamente, 1,23 hectáreas, está incluído na zona de especial conservación ES1120012 Río Landro.
O artigo 31 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que ás categorías de protección distintas dos parques naturais ou das reservas naturais correspóndelles, polo menos, a aprobación dun plan de conservación.
Ademais, o artigo 37 da devandita lei indica que os plans de conservación establecerán os réximes de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. O seu contido mínimo vén citado no seu artigo 38.
A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.
Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,
ACORDO:
Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan de conservación durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir observacións e opinións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico planificación.conservación@xunta.gal, poñendo no asunto: PC Souto da Retorta.
Segundo. Durante o citado prazo, o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:
– Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
– Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Lugo.
– Na sección de conservación da natureza da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion, entrando na subsección de documentos en información pública.
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2017
Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural