Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 36963

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 18 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro), convocatoria do ano 2017. Programa do emprego autónomo.

BDNS (identif.): 358016.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas mozas desempregadas que figuren inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil como interesadas en recibir as accións executadas no contexto da garantía xuvenil e que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de xullo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa I (emprego autónomo), Programa II (fomento da contratación por conta allea) e Programa III (programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro), convocatoria do ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dous millóns cincocentos dous mil novecentos noventa e dous euros (2.502.992 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral de presentación de solicitudes para o Programa I regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2017.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria