O día 20 de xaneiro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017 (TU501A).
No artigo 19.1 das bases establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 1 de outubro de 2017 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo longo proceso de avaliación e resolución, xunto á complexidade da execución dos proxectos, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos por parte das entidades beneficiarias, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación
Amplíase ata o día 31 de outubro de 2017 (incluído) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017 (TU501A).
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2017
Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia