Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2017 Páx. 39787

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de tesoureiro da Deputación Provincial de Ourense, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Mediante decreto do presidente do 11 de maio de 2017, a Deputación Provincial de Ourense levou a cabo a aprobación da convocatoria para a cobertura polo sistema de libre designación do posto de tesoureiro/a, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as súas bases. Tras a tramitación do oportuno expediente ao abeiro do disposto no artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e o artigo 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, remitíndoas á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no DOG e posterior remisión ao Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no BOE.

O xefe do Servizo de Réxime Xurídico e Xestión de Funcionarios con Habilitación Nacional, tendo en conta a normativa aplicable (Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, en virtude do mandato recollido na disposición transitoria VII da Lei 27/2013, do 27 de decembro, así como polo Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios/as con habilitación de carácter nacional), tras o exame da solicitude emitiu o correspondente informe proposta que conta co visto e prace da subdirectora de Réxime Xurídico Local, favorable á publicación da convocatoria solicitada.

Con base no informe proposta sinalado e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15 e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e o artigo 1.6 da Orde do 14 maio de 2013, sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 maio)

RESOLVO:

Primeiro. Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de tesoureiro/a, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional co seguinte extracto:

Corporación: Deputación Provincial de Ourense.

Posto: tesoureiro/a.

Subescala: intervención-tesouraría.

Nivel complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 36.579,06 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Segundo. Publicar esta resolución no DOG e remitila á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no BOE.

Terceiro. A presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá tamén potestativamente interpoñerse recurso de reposición perante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde a mesma data, nos termos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

1ª. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para cubrir, polo procedemento de libre designación, regulado no artigo 92 bis, número 6, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, o seguinte posto:

Denominación: tesoureiro.

Subescala: intervención-tesouraría.

2ª. Características do posto e requisitos.

a) Corporación: Deputación Provincial de Ourense.

b) Denominación e clase do posto: tesoureiro, subescala intervención-tesouraría.

c) Nivel de complemento de destino: 30.

d) Complemento específico anual: 36.579,06 euros.

e) Requisitos para o seu desempeño conforme coa relación de postos de traballo: estar integrado na subescala de intervención-tesouraría.

f) Coñecemento de lingua galega: de conformidade co disposto no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os aspirantes ao posto deberán acreditar o coñecemento da lingua galega por calquera dos seguintes medios alternativos:

f.1. Estar en posesión do certificado da lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

f.2. Na falta do anterior, mediante a superación dunha proba de carácter eliminatorio, que se valorará co resultado de apto ou non apto, destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente.

g) Requisitos adicionais para optar ao posto: non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 18.3.a), b) e c) do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo.

3ª. Convocatoria.

A convocatoria seralle remitida pola Presidencia ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

4ª. Solicitudes.

1. As solicitudes dirixiránselle á Presidencia, dentro dos 15 días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

2. Ademais do contido mínimo previsto no artigo 66.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na solicitude deberá indicarse o número de rexistro persoal, a situación Administrativa na que se atope o solicitante e o seu destino.

Xunto coa solicitude, os aspirantes achegarán o seu currículo, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados, outros méritos que consideren oportuno pór de manifesto e a indicación de se posúen o certificado de coñecemento da lingua galega Celga 4 ou equivalente.

3. Non será necesario achegar a documentación acreditativa dos méritos cando se trate de documentación que xa figure en poder da Deputación Provincial ou se trate de documentos emitidos por outras administracións públicas. Nestes casos, a Deputación obterá estes documentos por medios electrónicos, a través das plataformas de intermediación de datos coas administracións competentes ou mediante outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, sempre que non conste a oposición expresa do interesado. Para estes efectos, teñen a consideración de documentos elaborados por outras administracións públicas, os seguintes:

a) Titulacións académicas.

b) Certificacións de cursos de formación promovidos por administracións diferentes á Deputación.

c) Certificación de servizos prestados noutras administracións públicas.

d) Certificación de coñecemento da lingua galega Celga 4 ou equivalente.

De conformidade co establecido no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC), presumirase que os solicitantes autorizan a Deputación de Ourense para que esta consulte ou obteña os documentos elaborados por outras administracións públicas a que se refiren os puntos anteriores, agás que manifesten expresamente o contrario nas súas solicitudes. Neste caso, os interesados deberán achegar copia auténtica dos documentos correspondentes.

4. No caso de que o interesado pretenda achegar documentos xa entregados ante outras administracións públicas, deberá indicar na solicitude en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, para os efectos de que a Deputación poida obtelos mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto. Se presumirá que esta consulta é autorizada polo interesado, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa, suposto en que a documentación deberá ser achegada polo interesado.

5. Excepcionalmente, se a Deputación non pode obter os documentos conforme o previsto nos puntos anteriores, poderá solicitar ao interesado a súa achega, outorgándolle un prazo de quince días naturais.

6. En todo caso, os datos e documentos obtidos utilizaranse exclusivamente para as finalidades deste procedemento selectivo. Os interesados poderán exercer en calquera momento os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento deste datos, conforme o establecido na lexislación de protección de datos.

5ª. Realización de probas de aptitude de lingua galega.

Unha vez concluído o prazo de presentación de solicitudes e para o suposto de que existisen aspirantes que cumprindo os requisitos xerais exixidos nestas bases non acreditasen estar en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente, a Presidencia fixará a data, lugar e hora para a realización da proba de aptitude correspondente, o cal se lles notificará oportunamente aos interesados.

A proba terá carácter eliminatorio e valorarase co resultado de apto ou non apto. A súa avaliación corresponderalles a dous técnicos especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, cuxa identidade se lles comunicará aos interesados, e que estarán suxeitos ao deber de abstención e poderán ser obxecto de recusación nos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

6ª. Resolución do procedemento.

1. Unha vez concluído o prazo de presentación de solicitudes e, se é o caso, realizada a proba de aptitude de lingua galega prevista na base anterior, a Presidencia procederá a ditar a resolución correspondente na forma e cos requisitos previstos no artigo 28.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo. En todo caso, a resolución motivarase por referencia aos principios de mérito e capacidade.

2. Da resolución daráselle conta ao Pleno da Corporación e trasladaráselles ao órgano competente da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Facenda e Función Pública, para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

7ª. Toma de posesión.

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación de carácter nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.