Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 24 de agosto de 2017 Páx. 40351

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter permanente, que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

O Real decreto lei 4/2013, de medidas de apoio ao emprendedor, permitiu aos novos autónomos o pagamento dunha cota mensual reducida á Seguridade Social. Así mesmo, a Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, puxo a introdución de novos incentivos e bonificacións na cotización ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos e mellorou algúns dos xa existentes, co obxectivo de recoller, nun único texto, os incentivos ao autoemprego, dotando dunha maior transparencia e seguridade xurídica o marco regulador vixente. Clarificouse a cota que deberían ingresar as persoas traballadoras autónomas naqueles supostos en que durante o inicio da súa actividade se acolla a este beneficio, ao fixarse, non como unha porcentaxe, senón como unha cantidade fixa e estable que lles permita coñecer, en todo momento, a contía que deben satisfacer, sen que esta dependa das posibles modificacións nas bases e os tipos de cotización durante o tempo de duración desta medida.

Por outra banda, o Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego, establece no seu artigo 3.2 que, de conformidade coa Constitución española e os seus estatutos de autonomía, corresponde ás comunidades autónomas, no seu ámbito territorial, o desenvolvemento da política de emprego, o fomento do emprego e a execución da lexislación laboral e dos programas e medidas que lles fosen transferidos. Así mesmo, o artigo 38 sinala que os servizos e programas de políticas activas de emprego deseñaranos e desenvolveranos as comunidades autónomas no ámbito das súas competencias, tendo en conta os contidos comúns establecidos na normativa estatal de aplicación.

Con base no anteriormente exposto, e no marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, de acordo coa Axenda 20 para o Emprego e coa Estratexia Galega do Emprego Autónomo 2020, co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes e sen necesidade de valorar e resolver conxuntamente as solicitudes presentadas, sen que por iso se produza un menoscabo dos principios de igualdade e obxectividade na asignación das subvencións previstas e con pleno respecto aos principios de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público.

Así mesmo, de acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego, e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de promoción do emprego autónomo.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerán as axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que estean ou estivesen acollidas aos incentivos e medidas de fomento e promoción do traballo autónomo do parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, que establece que a cota por continxencias comúns, incluída a incapacidade temporal, das persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que causen alta inicial ou que non estivesen en situación de alta nos cinco anos inmediatamente anteriores, contados desde a data de efectos da alta, no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, se reducirá á contía de 50 euros mensuais durante os 6 meses inmediatamente seguintes á data de efectos da alta, no caso de que opten por cotizar pola base mínima que lles corresponda.

2. Mediante a presente axuda, a través do procedemento TR341P, permitirase que a persoa traballadora por conta propia goce das reducións indicadas no parágrafo anterior durante un máximo de 6 meses adicionais aos primeiros seis meses, completando así un máximo de 12 meses de redución, tomando como referencia a cotización pola base mínima establecida con carácter xeral e o tipo mínimo de cotización, vixentes no mes en que se producise a alta da persoa traballadora autónoma.

3. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2017.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

2. As axudas previstas nesta orde están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) número 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DO L 352/8, do 24 de decembro), non podendo as beneficiarias obter axudas acollidas ao réxime de minimis cuxo importe acumulado supere os 200.000 euros durante un período de tres exercicios fiscais, límite que se reduce a 100.000 euros para as beneficiarias que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada. Esta circunstancia farase constar nas resolucións de concesión das subvencións. As axudas reguladas nesta orde non serán de aplicación ás beneficiarias excluídas do ámbito de aplicación do devandito regulamento.

Artigo 3. Acción subvencionable e importe da subvención

1. Serán subvencionables as cotas que sexan obxecto de aboamento polas persoas traballadoras beneficiarias desta orde, durante un máximo de seis meses, correspondentes aos meses sétimo a décimo segundo seguintes á alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

2. Para o cálculo da subvención tomarase como referencia a base mínima de cotización, establecida con carácter xeral na correspondente orde anual do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, vixente no mes en que se producise a alta da persoa traballadora autónoma e o tipo mínimo de cotización vixente no citado mes, incluída a incapacidade temporal. Por outra banda, teranse en conta as reducións e bonificacións aplicadas á cota, que se establecen no parágrafo terceiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo.

3. O importe mensual da subvención será a diferenza entre a cota que abonaría un autónomo coas condicións establecidas no parágrafo anterior, acollido ás axudas do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, e a cota fixa mensual establecida durante os primeiros seis meses desde a súa alta inicial.

4. O importe da subvención que se vai conceder permitirá á persoa traballadora por conta propia ou autónoma manter, durante os seis meses subvencionables, a cota reducida da que goza ou, de ser o caso, tivese gozado, durante os primeiros seis meses desde a súa alta, se tivese cotizado pola base mínima establecida con carácter xeral, sen prexuízo das variacións ou actualizacións legais que se poidan producir na base e/ou o tipo de cotización durante o período subvencionable.

Artigo 4. Financiamento

– Estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria e código de proxecto e polo importe que, para cada exercicio, publique a Secretaría Xeral de Emprego.

– Para o exercicio 2017, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.6, código de proxecto 2017/00021, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 3.000.000 €.

– A distribución territorial dos créditos para o financiamento destas axudas será directamente proporcional á porcentaxe de autónomos afiliados ao RETA en cada provincia en 31 de decembro do exercicio inmediatamente anterior.

– Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que se presentou a correspondente solicitude.

– No suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, procederase a realizar unha repartición proporcional entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, que estean ou estivesen acollidos aos incentivos e medidas de fomento e promoción do traballo autónomo do parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, segundo modificación efectuada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, desde a súa alta inicial ata o sexto mes desde dita alta.

Artigo 6. Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias

1. Ser, ou ter sido, beneficiarias das reducións previstas no parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo.

2. Rematar o goce das reducións indicadas no punto anterior durante o exercicio a que se refire a convocatoria desta orde de subvencións.

3. Manter as condicións que lle deron dereito a gozar das devanditas reducións nas cotas da Seguridade Social, durante o período obxecto da subvención.

4. Estar ao día das obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.

5. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

8. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

Artigo 7. Motivos de exclusión

1. Serán excluídas aquelas persoas solicitantes en que concorran os motivos de exclusión previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por persoa beneficiaria, motivo polo que quedarán excluídas aquelas solicitudes que se considere que están duplicadas, sendo atendida, unicamente, a primeira das presentadas.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O período para presentar a solicitude deberá estar comprendido entre o día da alta da persoa traballadora por conta propia ou autónoma e o último día do sétimo mes desde dita alta.

2. Non obstante, para cada exercicio orzamentario o prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia do crédito orzamentario correspondente a ese ano ata o 30 de setembro dese exercicio.

3. Para o presente exercicio 2017, o prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde e rematará o 30.9.2017.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. De acordo co disposto no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, de acompañamento dos orzamentos para o ano 2017, a xustificación da concorrencia das circunstancias indicadas no devandito artigo para establecer a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración na presentación das persoas físicas, vén motivada polo feito de que as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Documentación que hai que presentar

1. A solicitude deberase presentar no modelo que figura como anexo I a esta orde xunto coa seguinte documentación:

• No suposto de actuar mediante representante, copia da documentación fidedigna que acredite a dita representación. Poderase achegar declaración ante un notario ou secretario municipal, adquirindo esta a categoría de documento público, podendo ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

• Recibos bancarios xustificativos do pagamento da cotización, correspondentes a dous dos seis primeiros meses desde a alta inicial.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Alta no réxime especial de traballadores autónomos.

c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Procedemento e criterios de avaliación das solicitudes

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia, na persoa solicitante, dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Instrución

O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Emprego e Economía Social da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña unha comisión de valoración.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención territorial delegada, correspóndelle á persoa responsable da respectiva xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Práctica da notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non foi posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa indicada no punto 4 deste artigo para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecido na resolución de concesión ou, se é o caso, ata o 20 de decembro de 2017. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas beneficiarias.

2. O pagamento realizarase nun só prazo, de xeito anticipado, ben que non se realizará ata que transcorresen 6 meses desde a alta inicial.

3. Así mesmo, estará condicionado a que a persoa beneficiaria permaneza de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, nas mesmas condicións iniciais.

4. Documentación xustificativa para o pagamento anticipado:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementarias da presentada coa solicitude (anexo II).

b) Declaración do conxunto das axudas de minimis solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (anexo II). Así mesmo, comprométese a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

5. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

6. Estes pagamentos anticipados xustificaranse ao remate do período obxecto de subvención mediante o seguinte:

a) A comprobación, por parte da Comunidade Autónoma de Galicia, de que a persoa solicitante permaneceu en alta nos meses a que corresponda a axuda.

b) A persoa beneficiaria deberá achegar os recibos bancarios xustificativos do pagamento da cotización correspondente aos doce primeiros meses desde a súa alta inicial no mes seguinte ao pagamento do duodécimo recibo.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas na orde xeral de autónomos mediante a que se subvencionan os gastos iniciais de actividade, así como calquera outra establecida nos distintos programas de promoción do emprego autónomo outorgada pola Comunidade Autónoma de Galicia ou por calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, para a mesma finalidade.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

• No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

• Así mesmo, procederá o reintegro no caso de falta de xustificación, xustificación insuficiente da actividade subvencionada ou cando a persoa beneficiaria teña causado baixa no réxime da Seguridade Social correspondente durante algún dos meses respecto dos cales se teña recibido o pagamento da subvención.

• De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: lopd.industria@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Actualización de formularios

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nas persoas responsables das correspondentes xefaturas territoriais desta consellería, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file