Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 25 de agosto de 2017 Páx. 40499

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de agosto de 2017 pola que se prorroga durante o segundo trimestre de 2017 o acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega sobre a compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta.

O artigo 24 da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos e, así mesmo, á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar. Polo que atinxe a esta materia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe plenas competencias, xa que a través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, lle foron transferidos pola Administración do Estado os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os que se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, esta materia foi obxecto dunha fonda reforma e como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que lle foron transferidas pola Administración do Estado a Galicia os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, a Comunidade Autónoma galega realizou o desenvolvemento normativo da dita Lei 1/1996, nun primeiro momento a través do Decreto 146/1997 e, posteriormente, coa pertinente reforma deste para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño.

Por outra banda, con data do 24 de setembro de 2003 a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega asinaron un acordo para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal polo que durante o ano 2008 se debería negociar, e se fose o caso, aprobar, un novo acordo para os vindeiros anos. Por diversas circunstancias non foi posible acadar no ámbito negocial ese acordo novo, e logo das obrigadas conversas co Consello da Avogacía Galega, ambas as dúas institucións acordaron a prórroga do baremo establecido no acordo do ano 2003 nas cantidades de compensación económica que rexeron no ano 2008 actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 ao tempo que as partes inician un proceso negociador coa finalidade de acadar un acordo para os vindeiros anos.

Así mesmo, a Orde do 2 de agosto de 2012 desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. A prórroga do Acordo do 24 de setembro de 2003 entre a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega, polo que se estableceu o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta.

Segundo. Durante o segundo trimestre do ano 2017 as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as que rexeron durante o ano 2008, actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009 especificadas no anexo da presente orde. Estas cantidades deberán ser certificadas trimestralmente polos colexios de avogados, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo da presente orde, de acordo co artigo 38.3 do Decreto 269/2008, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, e tendo en conta o disposto nos puntos primeiro, segundo e terceiro da Orde do 2 de agosto de 2012.

Terceiro. Os avogados percibirán o 100 % da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:

a) En materia de asistencia letrada ao detido ou preso, unha vez finalizada a intervención profesional e que o avogado presente o parte selado polo órgano xudicial ou policial onde se levou a cabo a asistencia e no que se recollan os seguintes datos como mínimo:

– Nome e número de colexiado do avogado.

– Nome e DNI do asistido ou asistidos. No caso de estranxeiros, número de pasaporte ou tarxeta de residencia.

– Motivo polo cal o asiste, e, de ser o caso, da detención e número de dilixencias policiais ou xudiciais.

Cando o colexio de avogados teña establecida unha quenda de garda, pagarase unha única compensación por cada quenda de garda. Se o número de asistencias realizadas a persoas diferentes é superior a cinco dentro dunha mesma garda, o avogado percibirá unha compensación equivalente ao dobre do módulo establecido, sexa cal sexa o número de asistencias realizadas.

b) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual na que interveña o letrado, ou a apertura do xuízo oral.

c) Nos procesos civís, a presentación da copia da providencia de admisión da demanda ou de ter por formulada a contestación dela.

d) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do avogado.

e) Nas apelacións civís, a presentación da copia da providencia pola que se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.

f) Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial na que se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.

g) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da providencia pola que se teña por interposto o recurso.

h) Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.

i) Nas transaccións extraxudiciais e informe de insustentabilidade da pretensión, a presentación do documento de transacción subscrito polos interesados ou do informe da insustentabilidade dirixido ao colexio.

j) Nas desistencias extraxudiciais por pasividade do interesado, a presentación de xustificación escrita do letrado.

k) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de ditada resolución xudicial, presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.

Os documentos referidos poderán ser substituídos pola copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.

Cuarto. En cumprimento do establecido do artigo 44.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e do disposto na Orde do 2 de agosto de 2012, dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre o colexio de avogados remitirá á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta, así como unha relación desagregada a que fai referencia a Orde do 2 de agosto de 2012.

Quinto. En cumprimento do establecido no artigo 48 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e segundo o establecido na Orde do 2 de agosto de 2012, os colexios de avogados deberán remitir a xustificación trimestral dos fondos percibidos aos que se refire o artigo 47 do devandito Decreto 269/2008.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Módulos e bases da compensación económica
Baremos para o segundo trimestre do ano 2017

Avogados/tipoloxía

Asistencia ao detido ou preso:

Código

Denominación

Módulo

101

Asistencia individualizada.

102,73 €

Xurisdición penal:

Código

Denominación

Módulo

201

Procedemento ante o tribunal do xurado.

474,53 €

202

Asistencia diaria á vista ante o tribunal do xurado a partir do segundo día.

116,74 €

203

Procedemento ordinario por delito.

455,30 €

204

Procedemento abreviado de especial complexidade (causa de máis de 1.000 folios).

455,30 €

205

Procedemento por delito contra a seguridade do tráfico (alcoholemias).

233,49 €

206

Procedemento penal abreviado.

338,55 €

207

Procedemento de axuizamento rápido de delitos sen conformidade.

350,23 €

208

Procedemento de axuizamento rápido de delitos con conformidade.

233,49 €

209

Xuízo por delitos leves.

151,76 €

2010

Menores. Proceso terminado con sentenza.

233,49 €

2011

Menores. Proceso con outras formas de terminación.

175,12 €

2012

Recurso ante o xulgado de vixilancia penitenciaria con intervención preceptiva ou designación de avogado por requirimento xudicial, conforme o artigo 21 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

157,61 €

2013

Saídas a centros de prisión (máximo dúas saídas por proceso).

19,85 €

2014

Desprazamentos para a asistencia a xuízo oral (avogados con despacho oficial nun partido xudicial distinto do da sede do xulgado do penal ou da audiencia provincial).

40,86 €

2015

Recursos de apelación. Proceso por delito.

157,61 €

2016

Recursos de apelación. Xuízo por delitos leves.

128,41 €

2017

Defensa xurídica inmediata da muller en dilixencias policiais, tramitación da orde de protección e procedementos administrativos que traian causa directa ou indirecta de violencia doméstica.

102,73 €

Xurisdición civil:

Código

Denominación

Módulo

301

Procedemento ordinario.

350,23 €

302

Xuízo verbal

233,49 €

303

Proceso matrimonial contencioso completo.

350,23 €

304

Proceso matrimonial de mutuo acordo.

189,81 €

305

Medidas provisionais previas á demanda.

93,40 €

306

Modificación de medidas.

326,89 €

307

Proceso sobre filiación, paternidade ou capacidade, agás expedientes do artigo 763 da LAC.

233,49 €

308

Monitorio.

116,74 €

309

Actuación nun proceso como contador partidor.

253,08 €

3010

Proceso de división xudicial de patrimonios.

175,12 €

3011

Execucións de títulos xudiciais con oposición e posteriores a dous anos.

175,12 €

3012

Cambiario e execución de títulos non xudiciais.

175,12 €

3013

Expedientes de xurisdición voluntaria e expedientes de internamento non voluntario por razón dun trastorno psíquico.

175,12 €

3014

Recursos de apelación.

157,61 €

Xurisdición contencioso-administrativa:

Código

Denominación

Módulo

401

Recurso contencioso-administrativo

338,55 €

402

Recurso contencioso-administrativo. Procedemento abreviado.

233,49 €

403

Vía administrativa (estranxeiría e asilo).

116,74 €

404

Recursos de apelación.

157,61 €

405

Entrada en domicilio.

102,73 €

Xurisdición social:

Código

Denominación

Módulo

501

Procesos laborais (ordinarios e especiais).

258,35 €

502

Recursos de suplicación.

157,61 €

Xurisdición militar:

Código

Denominación

Módulo

601

Proceso íntegro.

221,81 €

Recursos de casación e amparo:

Código

Denominación

Módulo

701

Recurso de casación.

350,23 €

702

Recurso de casación cando non se formaliza e hai só anuncio.

49,11 €

703

Recurso de amparo.

350,23 €

Actuacións extraprocesuais:

Código

Denominación

Módulo

801

Transaccións extraxudiciais.

(*) 75 %

802

Informe motivado da insustentabilidade da pretensión.

76,57 €

803

Desistencia previa ao proceso por pasividade da persoa axuizable, estudo e preparación do asunto, previa á presentación da demanda.

(*) 30 %

Normas xerais:

Código

Denominación

Módulo

901

Sometemento.

(*) 30 %

902

Execución da sentenza posterior aos dous anos de recaída a resolución xudicial, agás na xurisdición civil.

(*) 30 %

(*) Sobre o módulo aplicable ao procedemento.