Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 30 de agosto de 2017 Páx. 40963

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2017 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de xefe/a do Servizo de Innovación Formativa.

Convocada mediante a Resolución do 16 de xuño de 2017 (DOG núm. 122, do 28 de xuño) a provisión do posto de xefe/a do Servizo de Innovación Formativa da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, esta presidencia, de conformidade coa Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto),

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión do posto de xefe/a do Servizo de Innovación Formativa da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, convocado mediante a Resolución do 16 de xuño de 2017 (DOG núm. 122, do 28 de xullo).

Segundo. Nomear, para o posto que se indica, a persoa citada no anexo desta resolución.

Terceiro. O/a aspirante nomeado/a deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberase efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/da interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prorroga terán a consideración de servizo activo e os correspondentes haberes percibiranse de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

ANEXO

Denominación do posto: xefe/a do Servizo de Innovación Formativa da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Nome e apelidos: Mario Mosquera Verea.

DNI: *****214S (*).

(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.