Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 4 de setembro de 2017 Páx. 41593

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

CÉDULA do 21 de agosto de 2017 pola que se notifica o traslado do acordo de incoación de expediente de reposición da legalidade urbanística (PON/494/2016-RP1) e da orde de suspensión de obras (PON/494/2016-S1), devolta polo servizo de Correos por resultar o seu interesado ausente na repartición.

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística acordou, mediante resolucións do 2 de maio de 2017, incoar expediente de reposición da legalidade urbanística en relación coas obras consistentes na construción dunha vivenda unifamiliar no lugar de Maceiras, A Pinguela, Valadares, no termo municipal de Vigo, provincia de Pontevedra, e ordenar a suspensión inmediata das obras descritas.

Con data do 31.5.2017 tivo entrada no rexistro da APLU escrito no que se manifesta que as obras foron executadas por Felipe Pérez Vila e, en consecuencia, procede darlle traslado das devanditas resolucións, téndoo por interesado neste procedemento.

Ao non poderse realizar a notificación persoal daquelas resolucións a Felipe Pérez Vila, mediante a presente cédula, e ao abeiro do disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícaselle ao interesado as devanditas resolucións por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado.

Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos non se publican na súa integridade, fáiselle saber ao interesado que o texto íntegro das resolucións que se notifican se encontra ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sitas no Edificio Witland, Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de 10 días, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula no Boletín Oficial del Estado. Transcorrido o dito prazo a notificación entenderase producida.

En relación co acordo de incoación de expediente de reposición da legalidade urbanística, o interesado disporá dun prazo de 15 días hábiles para alegar e presentar os documentos e informacións que estime pertinentes e, se é o caso, propor proba mediante a que se concretan os medios dos que pretenda valerse.

En relación coa orde de suspensión de obras, infórmase de que esta resolución pon fin á vía administrativa, e o interesado pode interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que se teña producido a notificación, ante o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ou ben, se non exercita o seu dereito a presentar recurso potestativo de reposición, pode interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo en cuxa circunscrición radique o inmoble afectado, conforme o disposto no artigo 14.1, regra terceira da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Para que conste, e lle sirva de notificación ao citado interesado en cumprimento do disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, expido e asino esta cédula.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2017

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
P.S. (Artigo 3 do Decreto 51/2008, do 6 de marzo)
José María Domínguez Blanco
Subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística